viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Mil personas salen a la calle en Santiago para reclamar 'tierra viva y vida digna'

Menos numerosa que en anteriores ocasións por cadrar coa Ponte do 19-M, pero co mesmo espírito de protesta contra a destrución do territorio, a plataforma Galiza non se vende botouse á rúa outra vez este domingo.

Un lema nunha faixa --Terra viva e vida digna-- e detrás ao redor de mil persoas --500 segundo as cifras da Policía Local de Santiago-- que se achegaron ata Compostela atraídos pola necesidade de concentrarse "pola defensa do litoral, por unha ordenación racional do territorio, pola soberanía alimentaria e enerxética e por outro modelo de transporte". E todo isto co conflito de Touriñán e a Lei do Solo como pano de fondo.

"É o tempo de unirnos todos e todas e paralizar as agresións á vida e á Terra!", animaba a convocatoria feita pública polo colectivo, que agrupa sesenta asociacións ecoloxistas e que volve escoller a capital galega como escenario para as súas queixas un ano despois do cambio de goberno en San Caetano. Fan balance: "Como se esperaba, imos a peor. Este goberno, como os anteriores, segue o imposible camiño do crecemento indefinido: producir máis para consumir máis, quimeira inviable nun planeta con recursos limitados".

Para protestar contra ese vieiro, a concentración arrincou ao redor das doce do mediodía da Alameda compostelá arroupados baixo o paraugas dun berro común e xa coñecido: Goberne quen goberne, Galicia non se vende. A carón das apelacións en contra da especulación e da destrución da paisaxe galega que lle reprocharon á Xunta con proclamas coma O seu negocio é a nosa miseria, ou Galicia non se vende, cultívase e deféndese, o ambiente festivo e de ironía propio das manifestacións deste colectivo estivo presente tamén este domingo.

O plan acuícola, a caza do zorro, os recheos nas rías galegas, os transportes, as grandes infraestruturas ou a planta regasificadora ubicada de Reganosa na ría de Ferrol foron algúns dos temas que os manifestantes colocaron no medio da súa diana. Así, arremeteron contra a posta dos recursos naturais do país ao servizo de intereses económicos e das grandes empresas "mentres aumenta o desemprego e pechan os pequenos negocios", ou a autorización para a semente de tranxénicos no agro galego.

O tren e o mar
Os mariñeiros da confraría de San Xosé de Cangas tamén acudiron á manifestación "en defensa do noso mar, da ría de Vigo", segundo reclamou Fernando Broullón, quen mostrou o seu descontento ante a actitude dos políticos: "Non podemos esperar nada deles; nunha fixeron nada e menos farán agora".

Incluso comentou a actitude da súa alcaldesa, a nacionalista Clara Millán, á que lle reprochou que "non fai nada polos seus mariñeiros, prefire construír o porto deportivo na zona do Salgueirón, que vai deixar sen traballo a 500 persoas que se dedican ao mar". Pero a súa presenza na marcha deste domingo ten outro motivo: a defensa dos dous compañeiros que foron detidos en Massó "por protestar polo seu pan de cada día e para os que piden dez meses de cárcere".

Pola súa banda, o coordinador xeral de Salva o tren, Fernando Gómez, acusou á Xunta de "facer caso omiso das nosas demandas sobre un tren de proximidade". Ao seu entender, tanto o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, coma o titular de Fomento, José Blanco, "viven unha lúa de mel" caracterizada por unha loita de intereses "onde o AVE é o elemento común", dixo, para criticar de seguido que ambos políticos esquecen que o tren que realmente lles interesa aos cidadáns é o de proximidade.

Co posicionamento de presidente e ministro, Salva o tren vaticina "o abandono de Galicia". E isto polo anuncio da Xunta de destinar 4.200 millóns de euros a fomentar as autovías e as estradas. "O futuro está no transporte público e sobre todo no tren, que é máis ecolóxico, máis económico e máis sostible".

Multinacionais e Reganosa
"Estamos a ver que as multinacionais nos están querendo roubar o noso país e como dende diversos plans agresivos nos están sacando os nosos medios de producción", dixo Carmen Freire, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, quen convidou á Xunta a "que reflexione" sobre se os plans que contemplan as súas políticas "son para a poboación ou para roubarnos e desfacernos como pobo".

Pola súa banda, o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que tamén tivo representación na protesta, quixo facer pública unha vez máis a súa postura de rexeitamento cara a planta de Reganosa na ría de Ferrol, e que supón "un problema gravísimo". Ao entender do colectivo, a factoría "é ilegal e é perigosa" e conta cun déficit de 60 millóns de euros correspondentes ao sistema gasístico español. Ademáis, denunciou que a instalación ten pechados os gasodutos e funciona só ao 30% da súa capacidade, polo que o Comité pide "o peche da planta e a apertura dos gasodutos".

O toque de humor na protesta púxoo o autodenominado Bloque Socialista Popular, que aproveitou a concentración para debullar algunhas das medidas 'estrela' do seu programa político: Menos cultura e máis infraestruturas e Ningunha ría sen piscifactoría.

Mil personas salen a la calle en Santiago para reclamar 'tierra...
Comentarios