Reboiras ya no es un clandestino

O 12 de agosto de 1975, de madrugada, máis de trescentos policías do franquismo rodearon un edificio, o número 27 da ferrolá rúa da Terra. No portal, un mozo caía acribillado, empapado dunha chuvia de balas que lle chegaron polas costas. Unha delas pola caluga. Desde aquel asasinato pasaron 34 anos, pero cada un deles quedou marcado a ferro na memoria. 'Non enterran cadavres, enterran semente', dicía Castelao.

Xosé Ramón Reboiras, Moncho, tiña 25 anos. A peregrinaxe a Ferrol para honrar a súa memoria é obrigada cada 12 de agosto. Moitos dos que este xoves estiveron alí nin sequera naceran cando o mataron. Pero todos camiñaron entre flores e ao paso que marcaba a Internacional.

Non era un terrorista, era un clandestino
Este non foi un ano máis. Tardou, pero á fin chegou o recoñecemento 'oficial' de vítima do franquismo para quen desde sempre foi tido por mártir. "Aínda que é moderado, ten grande importancia, porque sempre se quixo vencellar a súa figura ao terrorismo", contou Francisco Rodríguez, secretario xeral da UPG, partido do que militaba Reboiras.

O Consello de Ministros considerou acreditado que o mozo, natural de Dodro, "padeceu ilexítimamente persecución e violencia que motivaron a súa morte en agosto de 1975 no Ferrol, en defensa do movemento sindical e da súa militancia política". E é que cando a UPG decidiu, alá polo 1974, artellar novas formas de loita contra o franquismo, o mozo asasinado foi o encargado dun reducido comando armado que adestraba en Pontevedra. Traballaba na organización do partido nacionalista no Ferrol cando o acribillaron a balazos.

Non só o nacionalismo galego lle debe algo. "Reboiras foi unha das persoas que a principios dos '70 organizou pequenos xermes sindicais --estruturas de obreiros artellados por toda a xeografía galega-- dos que naceu o Sindicato Obreiro Galego e sobre o que se levantou o sindicalismo do país". Quen pón sobre a mesa este mérito do mozo é Suso Seixo, secretario xeral da CIG. No Ferrol, o sindicalista falou este xoves da antítese do que Moncho defendía. Falou de capitalismo e de represión.

Tapar o sol cun dedo
O recoñecemento como vítima do franquismo chegoulle a Reboiras 34 despois de que a morte o sorprendera en plena faena. "Viña dunha familia popular pero estudou, era enxeñeiro industrial, puido ter un futuro acomodado pero puxo os intereses do país antes que os seus propios", lembra Francisco Rodríguez.

Para Seixo, o "problema" de ter que agardar tres décadas para ser oficialmente un mártir é a consecuencia do afán de esquecemento, de intentar pasar páxina no libro da historia. "Non hai máis que ver a polémica da Lei de Memoria Histórica e coa apertura de fosas colectivas onde xacen moitos asasinados no franquismo e nos anos posteriores á Guerra Civil".

Tanto o sindicalista coma Rodríguez si que pasaron páxina. "Afortunadamente deuse un paso á fronte para facer xustiza con quen deu a súa vida para acabar coa ditadura", di Seixo. E nada máis literal podería definir o compromiso de Moncho Reboiras.

Comentarios