Morris: ''Pasei a infancia en Teis e son un vigués de pro... ¡dos que van a Balaídos e todo!''

O actor galego Antonio Durán, ''Morris'', (Vigo, 1956), cuxo papel máis coñecido pode que sexa Antón en Pratos combinados, fala da súa cidade natal e de Doentes, a súa nova película, que foi todo un éxito na súa presentación no Festival de Cine de Málaga días atrás.

P: Presente ‘Doentes’ para quen non a coñeza.

R: Doentes é unha adaptación da obra de teatro de Roberto Vidal Bolaño, que tamén representei. Síntome moi orgulloso de participar na película e sobre todo moi agradecido ao guión de Gustavo Balza e Roberto Méndez. É un gozo interpretar unha adaptación tan boa.

P: ¿De que trata a súa trama?

R: A película non é tanto un filme de posguerra, senón que é unha historia de amizade entre dous homes que se coñecen nos últimos días nos que o Hostal dos Reis Católicos funcionou como hospital. Os dous personaxes compleméntanse e agárdaos un mesmo destino. Tamén é un pouco unha homenaxe a Valle-Inclán e o seu personaxe Max Estrella.

P: Parece que en Málaga tivo unha grande acollida.

R: Si. Eu penso que gustou moito, tanto ao público como á xente da profesión. Esa é a sensación que traemos os que fomos alí. A xente quedou sorprendida porque é máis que unha película de posguerra. O tema principal é a relación entre os protagonistas, unha historia moi humana, cargada de poesía. Non sei como responderá o público cando se estree o 20 de maio, pero en Málaga a xente reaccionou moi ben.

P: E xa falando da súa cidade... ¿que é o que máis lle gusta de Vigo e o que menos?

R: Vigo gústame e desgústame. Teño esa relación amor-odio que temos os vigueses coa nosa cidade. Cando estou en Vigo paréceme unha cidade agresiva, cun ritmo de vida rápido, pouco hospitalaria... Pero cando estás fóra dáste de conta de que é moi cosmopolita. É unha cidade na que te podes perder e esquecerte de quen es sen que a xente che dea a lata; unha cidade enorme que te podes perder por calquera barrio, polo porto... Ten recunchos moi bonitos. Eu son de Teis, onde pasei unha infancia de barrio marabillosa. En fin, que son un vigués de pro... ¡dos que van a Balaídos e todo!

P: ¿Cambiaría algo da súa cidade cara ás eleccións?

R: Gustaríame que houbese unha xestión máis eficaz e aínda máis transparente do que é. E que a humanizasen máis, que tivesecarrís bici, máis parques, lugares para relaxarse... Vigo é unha cidade que ten un clima que non parece de Galicia: podes estar nunha terraza en primavera, verán e inverno; agora falta un paseo marítimo enorme para poder gozar do enclave xeográfico de pertencer ás Rías Baixas. E sacaría todos os recheos da ría de Vigo. Eu vin como foi cambiando a paisaxe, e a ría era algo precioso que tamén se está a perder.

Comentarios