Mulleres galegas que voan soas

A política Carmela Silva, a escritora Tamara Andrés e a zoqueira Elena Ferro colaboran cunha campaña de empoderamento feminino da marca téxtil Lumecú
Carmela Silva, Tamara Andrés e Elena Ferro, con pezas deseñadas por Lamecú. CEDIDAS
photo_camera Carmela Silva, Tamara Andrés e Elena Ferro, con pezas deseñadas por Lamecú. CEDIDAS

Mulleres con ás é o lema dunha campaña de empoderamento feminimo que ten detrás á marca téxtil Lumecú e que conta coa colaboración, entre outras, das pontevedresas Carmela Silva (Vigo), Tamara Andrés (Combarro) e Elena Ferro (Vila de Cruces). A política, a escritora e a zoqueira forman parte dunha nómina de colaboradoras galegas que apoian a iniciativa e da que tamén forman parte a cantante Lucía Pérez, a xornalista María Cheda, a académica Marilar Aleixandre e a activista feminista Luz Fandiño.

"O proxecto busca poñer en valor pezas artesanais e tradicionais do téxtil galego a través de mulleres galegas de relevancia en distintos sectores da economía, da cultura e do emprendemento", explica a marca ourensá, especializada na revisión contemporánea do traxe tradicional galego. "Desta maneira, buscamos unha vinculación entre os oficios do pasado e do presente ao tempo que poñemos en valor á muller na sociedade actual".

A empresa Lumecú completa este Nadal a campaña Mulleres con ás convidando a diferentes figuras con proxección pública a que escollan frases para estampar en camisetas con fins solidarios. Os beneficios neste caso irán destinados a Semente Compostela (sementecompostela.com), proxecto de escolas de ensino galego impulsado polo colectivo Gentalha do Pichel.

Carmela Silva, por exemplo, escolleu estampar na súa peza unha frase de Rosalía de Castro: "Eu son libre, nada pode deter os meus pensamentos. Eles son a lei que rexe o meu destino".

A empresa indica que esta campaña reúne dous dos seus eixes de traballo: o respecto pola tradición e o empoderamento feminino. "Dende Lumecú consideramos que a tradición e o respecto á cultura son os piares para que unha sociedade funcione e por iso traballamos cada produto arredor destas ideas", indica. "Decidimos comezar presentando a mulleres que cumpriron os seus soños a base de traballo e loita, pero sobre todo a base de rachar esquemas". Mulleres galegas que voan soas.

Comentarios