Natureza atlántica

Ribeira representa o epítome das paisaxes costeiras galegas. Historia, flora e fauna converxen en lugares únicos, como as dunas de Corrubedo ou o arquipélago de Sálvora
Illa de Sálvora
photo_camera Illa de Sálvora

Ribeira é a palabra galega que procede do latín riparia, termo que designa unha franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar, situación xeográfica á que o máis occidental dos catro concellos que integran a comarca do Barbanza lle debe o seu topónimo. Cunha historia salpicada polo sangue derramado polas constantes invasións e saqueos dos invasores viquingos, sarracenos e piratas (debido á súa proximidade ao océano e ao seu fácil acceso), Ribeira leva sendo dende a Idade Media un dos portos de referencia do territorio galego (actualmente segue sendo o porto de pesca de baixura máis importante da Península).

Situado na desembocadura da ría de Arousa e servindo de conexión co Atlántico para a comarca, é un recuncho bendito cunha das máis fermosas paisaxes naturais das Rías Baixas. O seu casco urbano, que con importantes áreas comerciais e servizos administrativos sustenta ao concello e a toda a comarca, atópase rodeado de importantes atraccións naturais: numerosas praias, o arquipélago de Sálvora (parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas) e o Parque Natural de Corrubedo (con diversos ecosistemas). Ademais, pode presumir dun conxunto de construcións megalíticas, entre as que destaca o Dolmen de Axeitos.

O arquipélago de Sálvora, situado na costa da localidade ribeirense de Aguiño, é o integrante máis esquecido do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero non por isto menos fermoso que os conxuntos insulares irmáns de Ons e Cíes. Formado por incontábeis illas e illotes, estas denotan a  irregularidade dos seus fondos, en contraste coa paisaxe relativamente plana da illa de Sálvora. Este conxunto, que serve de barreira de protección natural para a ría de Arousa contra as inclemencias oceánicas, estivo habitado durante moitos anos, desenvolvéndose actividades agrícolas, gandeiras e pesqueiras nos arredores dunha pequena aldea situada no norte da illa principal composta por oito casas.

Esta misteriosa illa, elevada por Cabanillas a ‘terra santa’, foi ademais testemuña dun naufraxio na súa penedosa costa oeste. En 1921 o buque Santa Isabel foi a pique a pouco máis de 100 metros do litoral, cando a illa aínda estaba habitada. A coraxe dos veciños quedou gravada permanentemente na memoria histórica de todo o Barbanza. Todos os aldeáns, e moi especialmente tres mozas que despois se converterían en heroínas, prestaron auxilio e axuda ós viaxeiros e lograron salvar a unhas 56 persoas. A fazaña valeulles ás mozas varias medallas ao mérito, así coma o recoñecemento da vila como "muy noble, muy leal y muy hospitalaria" por parte do rei Alfonso XII.

Ademais de gran relevancia na historia da ría, a illa conta con fascinantes paisaxes naturais con abundante flora e fauna autóctona da costa atlántica, así como coas praias do Almacén, dos Bois, dos Lagos e Zafra. Desafortunadamente, na actualidade non existe un servizo de trasporte regular para a visita da illa. Aínda así, todo aquel que queira achegarse pode facelo en embarcacións privadas con permiso de navegación e de fondeo que expide o Parque das Illas Atlánticas, en embarcacións de aluguer para grupos ou ben nas rutas esporádicas ao arquipélago con saída dende O Grove ou Ribeira. Este destino constitúe unha opción moito menos saturada que o resto das integrantes do parque.

A riqueza natural da zona non só se atopa no océano. O Parque Natural de Corrubedo (situado nunha zona escasamente urbanizada), ademais de gran diversidade de zonas paisaxísticas, máis de catro quilómetros de praias e as lagoas de Vixán e de Carregal, contén unha das formacións menos frecuentes de Galicia, as dunas de Corrubedo. O cordón dunar, coa gran duna móbil, dunha lonxitude aproximada dun quilómetro, 20 metros de alto e uns 250 ou 300 metros de ancho, é a formación deste tipo máis grande de Galicia.

Ademais de gran beleza estética, a vexetación que a sostén presenta especies moi valiosas e escasas, con algunhas especies endémicas únicas. Nas marismas circundantes a estas formacións, mestúranse as augas salgadas do mar coas doces procedentes do río Longo ou dos arroios de Sanchanás e de Sirves, que forman nas súas desembocaduras a lagoa de Carregal. Pola súa parte, a lagoa de Vixán, situada no extremo sur do parque e alimentada polo arroio do Vilar, é de auga doce.

Co que respecta ao longo areal que forman as diferentes praias, este presenta algunhas diferencias entre as súas zonas. A zona máis próxima ao pobo de Corrubedo (a parte máis setentrional), formada polas praias da Ladeira, a das Dunas e a da Ferreira, presentan areas moi finas e correntes menos acusadas que as que se poden atopar nas praias do sur. Desprazándonos cara ao sur, pasando a desembocadura da lagoa do Carregal, esténdense as praias do Castro, do Vilar e Anquieira.

Estas últimas constan de areas máis grosas e correntes laterais bastante perigosas, cuns vagallóns considerábeis todo o ano. Sen dúbida, a máis notoria é a praia do Vilar. Grazas ás fortes ondas que baten nela, e cando o mar é suficiente para que estas rompan, é posible a práctica do surf. Aquí dáse unha onda potente e adecuada para a práctica do deporte. Ademais, esta praia conta cunha zona nudista, que se estende camiñando cara a parte norte, refuxiada tras unhas penas altas.

Para rematar este exuberante complexo paisaxístico, pódense atopar unhas 250 especies vexetais, así como de 35 a 40 especies de aves, as cales conforman a máis completa representación da flora e fauna do litoral galego. Así mesmo, a periferia da zona está rodeada de piñeirais acompañados por algunhas árbores autóctonas como carballos. No que respecta ós restos arqueolóxicos da zona, podemos atopar un gran número de construcións
megalíticas en toda a comarca e, especialmente, no concello de Ribeira, pero, sen dúbida, a máis destacada de todas estas é o dolmen de Axeitos, condecorado coma O Partenón do Megalítico.

A construción, que data do 4.000 ao 3.600 a.C., trátase dun monumento funerario megalítico, levantado na época neolítica e composto por oito grandes laxes (pedras planas de gran tamaño) de granito fincadas na terra conformando unha planta poligonal sobre a que se apoia outra lousa horizontal de 4,5 por 3,5 metros. Este aínda conserva dúas das laxes que conformarían o corredor de entrada e atópase situado na parroquia de Oleiros (máis concretamente en Axeitos, lugar ao que lle debe o seu nome) nunha zona verde totalmente cercada, con amplos xardíns e zonas arboradas.

A construción megalítica de Axeitos non é o único caso destacábel na zona. Un dos mellores poboados castrexos situados ao nivel do mar, sitúase a escasos quilómetros, no concello contiguo de Porto do Son: o castro de Baroña. O conxunto posuía dúas murallas ao seu arredor e na actualidade consérvanse 20 vivendas nun emprazamento privilexiado a escasos metros do mar.

Comentarios