"A natureza é a mellor obra de arte"

O pontevedrés Foni Díaz, que pasou por máis de cen países fotografando vida salvaxe, consegue retratar a dous tigres en Kahna, o espazo que lle inspirou 'O libro da selva' a Kipling
Foni Díaz entre hipopótamos. © FONI DÍAZ
photo_camera Foni Díaz entre hipopótamos. © FONI DÍAZ

"Para min foi moi emocionante poder fotografar a dous tigres de Bengala no seu hábitat natural", conta Alfonso Foni Díaz (Ourense, 1962). "O máis importante de toda esta experiencia é confirmar que a natureza é a mellor obra de arte". E que aínda se pode ter esperanza. "Hai anos falábase da extinción destes animais. Apenas quedaban exemplares e non se era moi optimista con respecto á súa supervivencia. Sen embargo, grazas ao traballo que fixo, por exemplo, Indira Gandhi, fóronse recuperando. Hai esperanza. Os seres humanos somos destrutores, pero tamén somos capaces de cambiar as cousas".

Os dous tigres pelexando que o pontevedrés conseguiu fotografar na India. © FONI DÍAZ
Os dous tigres pelexando que o pontevedrés conseguiu fotografar na India. © FONI DÍAZ
 

Afincado en Pontevedra dende cativo e mestre no IES Illa de San Simón, en Redondela, Foni Díaz ten percorrido máis de cen países practicando as súas dúas grandes afeccións: viaxar pola súa conta e fotografar a natureza, "sempre como afeccionado", explica o mestre pontevedrés. "Teño baixado os ríos Amazonas e Mekong; feito trekking no Annapurna do Nepal e na Patagonia; mergullado co tiburón branco na África do Sur; estado no Congo a carón dos gorilas de montaña que Diane Fossey axudou a salvar da extinción; acampado no Serenguetti con leóns ben preto da miña tenda... Mais o meu soño dende rapaz era poder ollar os tigres de Bengala en liberdade". Vén de cumprirse. "E non é sinxelo, hai que ter moita sorte e moita paciencia para pillalos".

Foi apenas hai uns días, durante un safari pola India, no estado de Mdhya Pradesh. "Foi exactamente no parque natural de Kahna, o espazo natural no que Ruyard Kipling se inspirou para escribir O libro da selva. Alí aínda se lle chama baloo ao oso".

Agora que cumpriu o seu soño, Díaz pensa xa nun novo reto. "Gustaríame moito poder fotografar un oso polar, pero é moi complicado. E é unha viaxe moi cara. Quizais volva a América do Sur na procura do xaguar".

Comentarios