Nee Barros: "Hai identidades máis aceptadas que outras"

A inclusión de realidades non novas, senón descoñecidas para o grande público, así como a utilización da lingua galega nos novos formatos serán as dúas grandes temáticas da última charla de En3vistas deste ano. E Nee Barros, Éric Dopazo e María Rúa, as persoas elixidas para poñer voz –e luz– sobre elas.
Nee Barros. CEDIDA
photo_camera Nee Barros. CEDIDA

Con 14 anos escribiu Identidade, unha obra de teatro que fala da liberdade que debe ter –non que por desgraza ten– unha persoa para sentirse como ela queira, independentemente dos compartimentos que a sociedade construíu para clasificarnos ao seu antollo. Ademais de escribir, Nee Barros é youtuber, influencer e estudante de Filoloxía galega.

Escribiu Identidade, entre outras cousas, porque non tiña referentes en literatura trans. Foise enchendo este oco desde entón?
Eu penso que si que, polo menos en galego, temos a sorte de que comeza a haber ese movemento. Nótase que hai moita xente que demanda referentes, verse representada, porque ao final o colectivo LGTB+ en xeral somos xente que tamén estamos entre o público lector e, cando vemos as nosas historias representadas, tamén as acollemos mellor. De súpeto, xa non é só a xente que está facendo activismo, que está intentando loitar por representar estas historias, senón tamén as persoas que intentamos vernos representadas e, por sorte, xa vemos movemento por parte das editoriais.

Nótase que hai moita xente que demanda verse representada

Para ilustrar a importancia das etiquetas, fala sempre do exemplo da mesa.
O das etiquetas é algo que nos pode vir moi ben para reinvidicar, porque está moi ben esa idea de que todo o mundo somos persoas e todo o mundo temos o mesmo valor, e iso debería ser ao que aspiramos se vivísemos nunha utopía. Pero como non vivimos nunha utopía, a min, por exemplo, dicir que son unha persoa trans sérveme para reivindicar que a día de hoxe hai dereitos que aínda non teño garantidos. Se todos os días pasásemos por un sitio, houbese unha mesa no medio e chocásemos con ela, polo menos temos a palabra "mesa" para pedirlle a outra persoa que nos axude a movela de aí. Temos esa palabra, temos esa ferramenta para identificala, e moitas veces as etiquetas son necesarias para iso.

Un pouco paradóxico reclamar que todos somos persoas cando uns si teñen etiquetas para identificarse e outros non.
Claro. Por exemplo, no caso das persoas homosexuais, só as persoas homosexuais teñen unha etiqueta? Non, ser heterosexual tamén é unha etiqueta, tamén é unha identidade e non é que algunhas persoas teñan máis identidades que outras, senón que algunhas identidades son máis recoñecidas, máis representadas, máis aceptadas.

As vendas negras de Identidade.
Gústame moito empregar a metáfora das vendas negras cando intento explicar ese medo ao descoñecido. Moitas veces as opresións non van tanto do odio directo, que tamén, senón de que como non quixemos achegarnos ás realidades de persoas que poden ser diferentes ás que coñecemos, temos unha venda negra nos ollos e é a nosa responsabilidade educarnos para aprender a quitar esa venda e aprender sobre as realidades que poden desafiar a nosa forma de pensar.

Comentarios