Martes. 12.12.2017 |
El tiempo
Martes. 12.12.2017
El tiempo

No centenario de Lueiro

O escritor e xornalista galego Manuel Lueiro Rey, coa súa muller e o seu primeiro fillo
O escritor e xornalista galego Manuel Lueiro Rey, coa súa muller e o seu primeiro fillo
O centenario do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey colócanos ante unha vida e unha obra vencellada ao compromiso co ser humano. Unha achega coa que se reclama unha escrita fértil que se revisa cunha ampla mostra fotobiográfica

ARREDADO POR un tempo de esquecemento e de poucas atencións sobre a súa abondosa e interesante obra literaria, a figura de Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916-O Grove, 1990) reclama o seu protagonismo dende a firmeza da súa poesía, a intensidade da súa prosa e o compromiso dos seus artigos, así como dun irrenunciábel respecto vital fronte ao ser humano, e todo iso alicerzado neste ano no que se celebra o centenario do seu nacemento.

Diferentes accións ao longo destes meses inciden nesa calidade creativa e, aos xa tradicionais premios literarios convocados co seu nome, o premio de novela que entrega o Concello do Grove ou o de Poesía que se entrega no Concello de Fornelos, engádenselle a reedición de dous dos seus libros. Non debían medrar a cargo de Xerais, e Crónicas dunha transición intransixente, por Laiovento. Novos libros, reedicións que veñen a completar toda unha vida que é a que protagoniza o evento principal deste ano, como é a exposición que, baixo o título de Camiño Aberto, se pode ver no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 12 de xuño. Dende a intensidade do proxecto ideado por Carmen Carreiro, a estruturación dos contidos do experto na súa vida e obra, Ramón Nicolás, é como xorde todo un itinerario pola vida e a obra de Manuel Lueiro Rey. Un percorrido cronolóxico que se detén na infancia e os escuros anos posteriores da Guerra Civil, o exilio interior sufrido polo escritor, o comezo da súa tarefa como autor, os anos cincuenta e sesenta cos rozamentos coa censura, o paso por Buenos Aires a carón da emigración galega á que sempre se sentíu moi vencellado da man dos Luis Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela, os liberadores setenta e as derradeiras décadas nas que, como concelleiro de Cultura no Grove, fixo agromar unha semente cultural inesquecíbel.

Amigo de pintores cos que tivo unha fonda relación dende o compromiso creativo, a exposición complétase cunha ampla mostra pictórica que reúne 22 creadores que dialogan cos versos do autor, e que fan da imaxe e a inspiración os cómplices perfectos para unha poesía que enche as paredes do Pazo coma a acompañante máis axeitada para explicar toda unha vida e a relación co ser humano. A súa gran preocupación dende a escrita, a defensa dun home abafado por unha realidade política e social ante a que había poucos camiños que tomar, alén do da resistencia e o mantemento dunha dignidade silente. Nese silencio é no que a poesía de Manuel Lueiro é lumieira de esperanzas, pero sobre todo de confianza nunha posibilidade e nun territorio concreto como o de Galicia. A súa poesía non deixou de medrar poemario tras poemario, Memoria de la raíz de las cosas aventura a futura e fascinante Derradeira escolma ferida, tamén a súa narrativa amosou dende ben cedo con Manso, novela gañadora do Premio Cidade de Oviedo, unha contundencia moitas veces convertida en delicada prosa, como en O sol na crista do galo, ou como tamén acadou cos seus artigos na prensa, farallóns nos que escachar os barcos dos miserábeis e os abusadores. Esa triple identidade creativa é a que se pode percorrer a través das paredes do Pazo da Cultura, centos de fotografías, documentos ou materiais balizan ese discurrir pola vida de quen ten escritos máis que abondosos para reclamar unha maior atención por parte das élites culturais e dos que teñen a posibilidade de plantexar a súa obra como merecente dun recoñecemento maior.

Non foi sinxelo ao longo de toda unha vida defender uns ideais de progreso e dunha democracia valerosa e xusta co pobo e o traballador, Manuel Lueiro nunca renunciou a todo iso, e agora tócanos a nós percorrer ese vieiro para, dende a súa obra, construír unha nova realidade. O Camiño aberto que se propón nesta mostra é a demostración do feito, tamén dun inexplicábel esquecemento, e das posibilidades do que se pode facer na defensa da coñecida dende hai tempo como Causa Lueiro.

No centenario de Lueiro