''No se puede prostituir un programa como 'Caiga Quien Caiga'''

Fernando González 'Gonzo' (Vigo, 1976) é un xornalista deses que cando o ve un personaxe público non sabe se sorrir ou comezar a preocuparse. Comezou na radio deportiva pero foi na televisión e no programa 'Caiga quien caiga' onde tivo o seu maior éxito coa sección '¡Proteste ya!', na que se erixía en voz das protestas cidadás case sempre contra a mala xestión dalgún servizo público por parte dos políticos. Tentou patentar o 'método Gonzo' en solitario, pero non funcionou e, tras unha etapa de recollemento, da man do Gran Wyoming volve ser azoute daquilo que non cre xusto. ''Eu só tento aplicar o sentido común'', afirma.

Pregunta:
Os seus inicios foron en emisoras de radio de Galicia. Que lembra con máis cariño daqueles tempos?

Resposta: Eu comecei en Radio Noroeste, onde estiven antes de estudar a carreira. O mellor recordo é que o inxenio e as ganas de facer ben as cousas suplían a falta de medios. A modo de exemplo, nun partido de fase de ascenso co Compostela, para comunicarnos entre presentador, narrador e pé de campo, usamos un walkie-talkie que me regalaron na primeira comunión. Creo que non escoitaba nin o xefe, pero tiramos para adiante. Tamén fixemos rallies desde teléfonos da casa da xente da zona.

P: E o salto á televisión, como se produciu? Atópase máis cómodo?

R: O primeiro choio de xornalista licenciado foi facendo o Compostela para RNE. Cubría o Celta que perdeu unha final de Copa, o Depor que perdeu a Liga por un penalti fallado e, cinco anos despois, o Compostela que descende a 2ª B e practicamente desaparece. Entón decidín deixar o deporte porque pensei: ''Equipo que cubro, equipo que afundo''. Ademais pensei que non era o que máis me gustaba.

P: Na televisión fíxose coñecido?

É onde máis repercusión ten o traballo. Eu atopábame moi cómodo nun medio público, tanto en RNE como en TVE. Tiña a familia e os amigos e a vida feita, pero as cousas tampouco andaban moi ben no ente público e xurdiu isto. Pero ben, aquí estás cómodo agora, pero ao mellor mañá levántaste e xa non tes nada. Cómodo estás, porque disfrutas, pero non tes garantido practicamente nada.

P: Dende o principio, quedou claro en 'CQC' que, en xeral ningún reporteiro ía ser sumiso aos entrevistados, pero en vostede especialmente...

R: A nosa sección era totalmente o contrario, non só ser insumiso co poder, senón ser revolucionario, tocarlle os 'huevos'. Tocoume facer iso e tamén o pedín porque cría que podía facelo ben. Sempre me gustou a política e na familia probablemente sexa un dos poucos cunha ideoloxía concreta. Lembro que de pequeno vía os informativos na casa e non discutía, pero si falaba de política co meu pai. Foi un adestramento perfecto, serviume moito para argumentar de política. Os casos que colliamos eran de xente que sabiamos que fixera algo mal e había que dicilo diante da xente.

P: Manel Fuentes dicía sempre no programa que eran un servicio público. Estaba especialmente recollido ese espírito en '¡Proteste ya!'?

R: Servicios públicos nos medios de comunicación en España son TVE e RNE. 'CQC' era dunha produtora privada para unha canle privada que enchía un espazo da grella para que non só houbera espectáculo. Nesa parte de darlle voz á xente, si que era un expoñente de algo que eu non chamaría servizo público, pero si axuda á xente. Había cousas que nos gustaría ter recollido pero non puidemos porque non se podía facer en televisión. Se foramos un servizo público tiñamos que chegar a todos.

P: E os intereses empresariais non poñían trabas?

R: Pois que che vou contar. Imaxina facer unha reportaxe contra Telefonica ou Repsol sabendo que poñen moitos millóns ao ano na canle na que estás traballando.

P: Cando entrevistei a Jordi Évole díxome que neste país levantabas unha pedra e aparecía algún escándalo. Era o seu propósito reducir o número de escándalos ou sacar algún á luz?

R: Reducilos queda moi lonxe do meu alcance. Os únicos que poden son os tres poderes. A nosa labor como xornalistas é máis ben amosar que existen e que significan o enriquecemento persoal dunha ou varias persoas a costa da merma de oportunidades ou servizos públicos para a meirande parte da poboación. Por exemplo, Camps pagoulle tres millóns de euros á empresa de Urdangarín por nada. Que ese señor leve millóns de euros significa que a cidadanía deixou de recibir dotacións por valor de tres millóns. O que me gusta facer é dicirlle á xente: ''Oia señor, que nos están roubando, hostia!''. Non é xusta esa desigualdade.

''Vendo o que ocorreu en Francia sentín envexa''

P: O peor de todo é que canto máis falas destes casos, parece que a xente se acostuma e acaba perdoando.

R:Téñolle lido declaracións nas que apreciaba un déficit xeral en España de queixas... Nese sentido fáltanos moito. Á sociedade española como sociedade democrática fáltalle moito. Non entendo que un partido poida presentar unhas listas con máis da metade dos membros imputados e siga gañando. Máis alá diso, os recortes que pasamos por unha crise que non provocamos nós. Houbo unha folga xeral descafeinada. Vendo o que ocorreu en Francia sentín envexa, porque a xente ve que lle queren tocar os seus dereitos. Aquí parece que, se temos o poder, é para que nos puteen.

P: A vostede téñeno botado dalgúns sitios por esas queixas levando unha cámara de televisión. Se un cidadán vai só, é posible que a resposta sexa a mesma.

R: Coa cámara acesa non te botan, porque é moito mellor falar e dar unha explicación medio convincente que non facelo, pero tamén chegará o día no que te boten e non haxa con quen falar.

P: En 'CQC' houbo unha iniciativa solidaria que foi a 'Cadea de Favores', coa que conseguiron un hospital para o Sahara. Somos dados a facer favores ou tamén hai déficit?

R: Eu creo que en España e en Galicia hai xente solidaria. Tamén penso que cando as cousas van mal, somos máis de mirar que poden facer por nós que o que nós podemos facer para axudar. Ou comezamos a sacar as castañas do lume por nós mesmos ou vamos estar bastante fodidos. O de facer favores vaise poñer cada vez máis caro porque haberá menos xente que poida facelos e máis xente con necesidade de recibilos.

P: Cando quixo 'patentar' definitivamente o método Gonzo en Antena 3 a cousa non foi cara adiante... É imposible facer un magacín de tarde sen información rosa?

R: Imposible non é. En dous meses demostramos que se podía facer e os programas que nos substituíron con eses contidos non melloraron a audiencia de 'El método Gonzo'. Era un programa que tiña erros, pero iso demostrouno.

P: Unha das cousas que esixiu no seu contrato foi non facer prensa do corazón.

R: Eu deixei o programa porque me obrigaban a facer prensa do corazón. Houbo unha xuntanza coa cadea na que me dixeron que querían que seguira o programa e que seguira eu pero facendo información rosa. Eu contesteilles que dende o primeiro día quedamos en que iso non o ía facer e, como xa estaba falado, non houbo ningún problema. Eles déronme a oportunidade, eu rexeiteina e o programa seguiu un par de semanas máis e non houbo máis historia.

P: Non tiña xa de antes un problema Antena 3 nesta franxa horaria con este tipo de programa?

R: Obxectivamente é unha franxa na que A3 non ten un éxito dende hai moitos anos. Ao mellor iso tamén debín valoralo cando aceptei a oferta, pero non me arrepinto porque as cousas hai que probalas.

''Nunca entenderei a quen fai política coa lingua''
P: Logo en Antena 3 e máis tarde na TVG vímolo tratando asuntos relevantes con maior profundidade. Un traballo máis tranquilo, pero tamén comprometido.

R: Gustoume moito facer tanto os documentais para Antena 3, como 'A caixa negra' para a TVG. Era completamente distinto do que fixera, pero é o xornalismo que me gusta: un xornalismo de investigación, sosegado, de estar 15 días na biblioteca recopilando información, outros 15 días preparando un plan de grabación... Hai certos temas que só se poden tratar así. É para outro tipo de público ao que lle gusta profundizar nas cousas que van acontecendo. Ogallá algún día poida adicarme a este tipo de formato. Un síntese máis cómodo porque non perdes profundidade. Permíteche estar máis informado e informar mellor.

P: Na etapa de 'A Caixa Negra' na TVG foi censurada unha emisión sobre o mal das vacas tolas. Que lle pasou pola cabeza neses momentos?

R: Obxectivamente o primeiro día no que tomaba posesión do cargo a nova directora da TVG, a primeira decisión que toma é suprimir, polo menos momentaneamente, a emisión dunha reportaxe sobre o mal das vacas tolas. Simplemente con eses feitos, o que se lle pasa a un pola cabeza, independentemente de ser presentador do programa ou non é: ''Hostia, aquí pasa algo moi preocupante''. Despois as cousas fóronse amañando e entendo que Rosa Vilas o primeiro día atopa que se vai emitir esa reportaxe e supoño que foi unha decisión nada doada de tomar. Houbo miles de cousas despois, porque evidentemente déronse conta de que non era unha boa decisión. Á semana seguinte emitiuse e, polo tanto, non houbo censura. Si que che dá que pensar a presión que debe ter unha persoa que estrea un cargo nun ente público que a primeira decisión que tome sexa suspender a emisión. Déixoo aí porque nunca fun director de nada e non podo imaxinar o difícil que é.

P: Ese programa fíxoo con Antón Reixa. Mantén boas relacións coa xente do audiovisual galego a pesar de atoparse agora fóra?

R: Coa xente coa que traballei manteño a relación. Con Reixa concretamente non moito aínda que comemos en Galicia e en Madrid. Non é por ser de Galicia, é porque adoito manter boa relación coa xente coa que traballo máis alá dos contratos.

P: E dos problemas actuais de Galicia (lingua, decreto carbón, sector naval), que pensa deles?

R: Recoñezo que actualmente é a época na que menos informado estou sobre o que ocorre en Galicia por circunstancias persoais e pola esixencia do traballo. Dos temas que mencionas hai un que nunca entenderei, nin a un bando nin a outro. Non entendo como son capaces de utilizar algo tan básico como a lingua como instrumento político, fales galego ou non o fales. Estamos nunha terra na que eu sempre aprendín da familia e incluso de gobernos anteriores o tema do bilingüismo harmónico. Na miña casa fálase galego, cos amigos falo castelán e no colexio tiña asignaturas nas dúas linguas. Que haxa xente que utiliza a lingua para facer política é que non a ama polo que é. A min preocúpame bastante.

Traballando con Wyoming

P: Agora, en 'El Intermedio' volveu á rúa a verse as caras con personaxes polémicos como Anglada ou a tratar temas espiñentos. Seguiremos vendo a un Gonzo combativo?

R: Non sei a imaxe que ten cara fóra a miña personaxe pero considero que é algo que pode ser capcioso ou non, manipulado ou non, tendencioso ou non, como din os críticos deste programa. Eu sempre tento aplicar o que eu entendo por sentido común como base das reportaxes. Isto impídeme aceptar unha proposta política baseada na exclusión e expulsión dos inmigrantes por ser magrebíes. Tampouco podo aceptar que nos tempos que vivimos se considere cultural ou tradicional o divertimento en base ao sufrimento animal. En política atacamos a corrupción, o transfuguismo... Nunca me gusta deixar de ter en mente o concepto de política e democracia que aprendín e que se perdeu na sociedade.

P: Iso de ser tendencioso moitas veces Wyoming atácao con humor.

R: O humor é básico e Wyoming rise de todoquisque, comezando por el. Desde ese punto pódese permitir calquera cousa. Ademais, sempre é respectuoso con aquel que merece ser respectado. A expresión 'co debido respecto' é así. Agora mesmo hai xente que o debido respecto que eu lle teño está baixo mínimos.

P: Wyoming detrás das cámaras sae a chiste por segundo ou como xefe é menos simpático?

R: Hai que preguntarlle a el. É un tío de puta madre, é o único que podo dicir. Diante das cámaras é un crack e detrás delas non teño máis que agradecementos para el.

P: Os dous participaron en diferentes etapas de 'CQC', pero a de Wyoming, pode que por ser a primeira foi máis exitosa. Non o vacilou?

R: Non, para nada. Ademais tampouco teño claro que iso sexa como se dá por entendido. Eran épocas distintas da televisión, da sociedade... pero nunca falamos diso.

P: Agora que están xuntos, non lles apetece todos e facer un 'CQC' novo?

R: 'CQC' é un programa que non se pode prostituír. As dúas últimas veces retirárono por falta de audiencia e iso non se pode facer. Que o deixen así ou que o deixen estar un tempo e que volva doutro xeito. Dóeme como as últimas veces que vin Gudelj en Segunda B, gordo como un ceporro. Prefiro quedar coa imaxe da época gloriosa das cousas que me gustan.

Comentarios