Nuevo curso con más cábalas en el hogar

Máis de 200.700 alumnos de Infantil e Primaria iniciaron o pasado mércores un novo curso que chega marcado polos cambios no sistema de pagamento de comedor, pola redución de 18 centros na comunidade e pola caída de 125 inscritos na primeira etapa educativa, algo que sucede por segundo ano consecutivo. 

Do total, uns 140.000 alumnos estudarán en centros públicos e 60.000 farano en privados ou concertados. Deles, 5.500 son estranxeiros, case 500 menos que o exercicio pasado, o que se explica polo éxodo de inmigrantes en Galicia pola crise.

O regreso ás aulas tamén alimenta as cábalas que teñen que facer as familias para afrontar un encarecemento dos libros de texto que rolda o 1% en Galicia. Con todo, a comunidade, con 723 euros de custo medio por fillo, mantense por baixo da media estatal, de 838 euros. Por tipo de centro, nos públicos custará 470 euros; nos concertados, 710; e nos privados, 990. Para mitigar o gasto, este curso entra en vigor a ampliación da vixencia dos libros de texto de catro a seis anos.

A volta ao colexio xa deixou a primeira protesta ante a Xunta por parte da Plataforma pola Defensa do Ensino Público, que rexeita medidas como a redución de docentes –ata 134 menos segundo os sindicatos e a falta de cifras oficiais, e 2.500 menos nos últimos anos–, a suba das taxas universitarias ou a diminución das bolsas. Para o día 28 anunciaron unha marcha en Santiago para pedir a retirada da Lomce.

Mentres, a universidade xa arrincou e o luns farano a ESO, o Bacharelato e a FP, onde a explosión de matrículas (con 40.000 inscritos volve superar os que optan polo Bacharelato) deixa de momento 7.000 persoas en espera.

O comedor é gratis só para o 56% das familias

O sistema de pagamento do comedor cambia este curso. Para o 56% das familias seguirá sendo de balde, cando o ano pasado o era para o 90%. Os que teñen un só fillo non pagarán se non chegan a unha renda mensual de 1.000 euros, no caso dos fogares monoparentais, ou aos 1.500 cando son dous pais. Nas familias con dous fillos será gratis se son monoparentais e non alcanzan os 1.500 euros ou se entre os dous proxenitores non chegan a 2.000 euros.

Comentarios