lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

Conversas na UVigo ► Cano Paz: "Nunca pensei en pechar, nin coa pandemia"

O libreiro participou nun novo encontro de Conversas na UVigo ► Falou da evolución do seu establecemento, de cómics ou de memoria histórica

Algo máis alá dos cartos, senón a intención de dar continuidade ao seu apelido na cidade, é o que move a Cano Paz a manter a libraría fundada polos seus pais no número 29 da rúa Peregrina. "Nunca pensei en pechar, aínda que gañaría máis, se queredes cóntovos cal é o meu salario e canto custa o aluguer dun local na zona na que estamos", explica o libreiro, que herdou o inmoble onde se sitúa o negocio da súa familia.

O propietario do establecemento, que leva 53 anos aberto, participou nunha nova cita de Conversas na UVigo. A conversa celebrouse dunha forma diferente por mor da covid-19. Deste xeito, a entrevista, que foi realizada polo xornalista Serafín Alonso, será difundida en vídeo na web de Diario de Pontevedra nas próximas horas. Con citas como esta, complétase parte do programa do ciclo organizado pola Universidade de Vigo e este periódico, que tivo que adaptarse á versión online a causa da pandemia de covid-19.

No encontro, Cano Paz repasou a historia do seu negocio e da súa propia familia, falou da relación cos seus clientes e de banda deseñada, entre outras cousas. Neste sentido, non pasou por alto cuestións como o efecto da pandemia no establecemento. "Nós pasamos de ser un negocio saneado a pedir un crédito Ico, veremos como nos vai o próximo ano", explicou o libreiro.

A Libraría Paz foi fundada en 1967 polos pais do que agora é propietario. "Naceu produto da emigración, como moitas cousas neste país" explicou Paz. Neste sentido, seus pais fundaron o negocio tras uns anos en Caracas, onde rexentaban un establecemento similar. Máis de medio século despois, as librerías cambiaron moito. "Antes combinábase a venda de produtos de papelería e material escolar cos libros", contou. Neste sentido, Paz tamén mudou a súa propia librería, especializándose en banda deseñada nun momento no que era difícil atopar este xénero en Galicia. "Nas feiras do libro de antes vendía moito, había xente que gastaba moitos cartos e facía compras grandes", contou.

Como lector, Paz lembrou algúns dos seus autores preferidos de banda deseñada, como Tardi, Moebius ou Miguelanxo Prado, ademais da obra Maus. O amplio catálogo de cómics co que conta a súa librería atrae a moito público apaixoado. "Entre os meus clientes teño moitos frikis, xente que se deixa a vida nesa afición", bromeou Paz recordando aos protagonistas da serie The Big Bang Theory.

O nome da librería Paz é tan relevante para o seu propietario porque leva o apelido da súa familia. "O meu avó foi un dos moitos fusilados, un máis, por ser militante do PSOE -agora partido español a secas- e ser unha persoa con certa sona na cidade", explicou. Así. Ramiro Paz foi un dos asasinados o 12 de novembro de 1936 polas forzas sublevadas en Pontevedra.

O libreiro recordou que a familia afrontou aquela perda con pouco máis que o silencio. "Meu pai non calaba cando lía a prensa ou falaba das noticias, pero os seus outros irmáns, e eran once, asumiron o silencio, é unha pena dicilo", apuntou. Neste sentido, achegou a súa opinión sobre a memoria histórica e a actual democracia, sinalando as cuestións aínda sen resolver. "A maioría da xente non cre na memoria histórica, non se di que en Figueirido houbo un campo de concentración e é unha desgraza que a día de hoxe nos sigan mandando os mesmos apelidos que en 1939, mentres non superemos iso seguirán gobernando os mesmos que gañaron a guerra", lamentou.

A familia Paz foi unha das que se sumou á querela arxentina pola anulación das sentencias condenatorias aos represaliados políticos no franquismo. "Sumámonos polo dereito ao pataleo. Estes días fálase de Bildu e os asasinados de Eta e eu pregúntome como o PSOE non se acorda dos seus propios mortos que seguen nas cunetas", criticou e engadiu que figuras como Alfonso Guerra ou Felipe González non representan o socialismo.

[El consejero ejecutivo de Diario, Antonio de Cora, con Manuel Morquecho (UVigo), Serafín Alonso, Cano Paz y Ramón Rozas. GONZALO GARCÍA​]El consejero ejecutivo de Diario, Antonio de Cora, con Manuel Morquecho (UVigo), Serafín Alonso, Cano Paz y Ramón Rozas. GONZALO GARCÍA

INSUBMISIÓN. Por outra parte, Serafín Alonso preguntou ao libreiro polo tempo no que se declarou insubmiso e se negou a realizar o servizo militar obrigatorio. "Eu fixen amizades na universidade, en Santiago de Compostela, que estaban dentro do Movemento de Obxección de Conciencia (MOC) e decidín unirme a eles", explicou. A súa negativa a facer a mili custoulle un xuízo breve, aínda que recordou que "moitos compañeiros, sobre todo cristiáns que se negaban a coller armas, estiveron no cárcere". No seu caso, "non houbo consecuencias excepto o que puideron opinar de min algunhas persoas que me daban igual".

Para rematar, Cano Paz recomendou un libro para os tempos que corren. "A literatura, as series e unha copa de viño foron refuxios este ano no contexto dos confinamentos", recoñeceu o libreiro. A súa receita de lectura para un ano extraño como este 2020 foi a novela Panza de burro, de Andrea Abreu. "Non vou dicir de que vai, na lectura hai que atreverse con todo, hai momentos no que nos entran mellor unhas cousas que outras, depende moito do noso estado de ánimo", explicou.

Conversas na UVigo ► Cano Paz: "Nunca pensei en pechar, nin coa...
Comentarios