Trote, a primeira longametraxe do realizador de Xove Xacio Baño será tamén a primeira película de longa duración filmada integramente en lingua galega a competición no Festival de Cine de San Sebastián, segundo informou a produtora Frida Films nun comunicado.
Baño vén de comezar a rodar en Negreira o seu salto á longametraxe logo dunha exitosa carreira como curtametraxista. Trote rodarase tanto neste municipio como en Moraña. Os días 15 e 16 de xullo a rodaxe visitará a rapa das bestas de Amil.
O filme conta cun equipo técnico completamente galego e un elenco de intérpretes encabezado pola actriz de Carballedo María Vázquez e no que se integran Celso Bugallo, Tamara Canosa, Diego Anido e Fede Pérez.
Trote é unha película producida pola galega Frida Films, responsable de títulos como María y los demás, que aínda acumula distincións no circuíto de premios e festivais, e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación de Pontevedra e coa participación de Televisión de Galicia.
A nova película de Baño foi seleccionada para participar no prestixioso programa de residencias Ikusmira Berriak promovido polo Festival de San Sebastián e que busca impulsar a creación audiovisual en todas as súas fases. Como parte desta colaboración, o festival donostiarra garante a selección da película en sección competitiva unha vez finalizada, o que converterá Trotena primeira película rodada en galego a concurso no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
TRAXECTORIA. Xacio Baño é un dos directores galegos con máis proxección internacional na actualidade como demostrou na súa carreira como curtametraxista. Os seus filmes Eco (2015), Ser e voltar (2014) e Anacos (2012) obtiveron os principais premios nos máis prestixiosos festivais internacionais. Entre máis de 150 seleccións oficiais e premios, destacan os galardóns conseguidos nos festivais de Clermont Ferrand, Locarno, Sevilla, Alcances, Slamdance, Málaga ou Telluride.
Trote representa o seu esperado debut na longametraxe. A película segue a Carme, interpretada por María Vázquez, que vive nunha aldea das montañas do interior de Galicia xunto ao seu pai, Ramón, co que apenas se comunica, e a súa nai enferma. Traballa nunha panadaría e o seu desexo é fuxir algún día dese ambiente tan pechado e opresivo, pero as circunstancias sempre lle impediron dar o paso. Trotar. Fuxir. A morte repentina da súa nai abre as feridas.