O mal do noso tempo

‘El hambre’, do escritor arxentino Martín Caparrós, adéntrase na tráxica desorde mundial no reparto alimenticio

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

TEÑEN FAME? Escusen que me meta así na súa intimidade. Ao mellor baixaron pola prensa denantes de almorzar, pode que baixasen tomar o café a media mañá, quizais están lendo isto despois da misa ou do xantar. Se non comeron, estarán preto de facelo. Todos temos fame, non? É máis, non andamos avarentos con iso e adoito temos fame tres ou catro veces ao día, se non máis.

O feito de comer é tan cotián que nin nos decatamos da súa excepcionalidade. Non os vou asoballar con números, pero millóns de persoas morren cada ano —ou cada mes— de fame, por non poder facer iso que vostedes e máis eu executamos sen ningunha relevancia: abrir un frigorífico, achegarse a unha bandexa, coller un cacho de chocolate ou unha peza de froita.

Remover conciencias non é tarefa desta columna, pero si o é traerlles libros imprescindíbeis: e ‘El hambre’, do escritor arxentino Martín Caparrós, é un libro fundamental para entender o noso mundo. Publicou a editorial Anagrama hai un tempo e reeditou hai pouco en edición popular. E xa saben vostedes ca este crítico non perdoa a ocasión de ofrecerlles boa lectura sen cargarlles o peto.

Denantes de regresar co contido do libro, déixenme falar de Caparrós como artista. A palabra co define é «versatilidade». Xornalista e novelista, ‘El hambre’ fusiona o ensaio literario, a crónica xornalística, a novela cos seus monólogos interiores e mesmo a ‘road movie’ dun xeito excelente. Todo nun español bonaerense con tanto ritmo como riqueza.

Hai un intre faciamos referencia ás películas de estrada, ese xénero cinematográfico que emparenta cos tópicos do camiño que tan ben estudou Bajtin. Caparrós mergúllase nunha viaxe mundial na que persigue o espectro da fame. Con compromiso e contundencia, consciente de que se atopa ante o mal do noso tempo. Níxer, a India, Arxentina, Estados Unidos... Pero se o autor só relatase as historias da fame extrema estariamos ante unha obra valiosa pero sentimentaloide. O que verdadeiramente é salientábel do escrito do polígrafo arxentino é a súa capacidade para ver a outra cara dos problemas: a obesidade como reverso da fame e as manipulacións políticas que impiden a humanidade remate con esa lacra.

Se un capítulo resulta impresionante para o lector, por contraste, é o da visita á bolsa de grans de Chicago. Porque si, existe un mercado de grans que funciona como as accións habituais, con futuros, seguros e demais. O que sucede é que cando unha serie de inversores fan subir o prezo de, digamos, o millo, poden morrer milleiros de persoas. Supoño que son danos colaterais. Ou ao mellor é que para que eu escriba no meu luxoso ordenador teñen que morrer persoas en, poñamos, Chad —a que é unha reflexión incómoda?—. O certo é que producimos comida abondo: o que temos é un problema de reparto.

Detrás de cada relato de Martín Caparrós hai unha persoa, unha historia, unha sociedade. Segundo o demógrafo italiano Livi-Bacci, na Terra levan vivido uns 82.000 millóns de persoas. Asusta a cantidade delas que morreron porque non tiñan que comer. O feito é que moitos carecen do máis básico e para contar esa realidade precísase unha obra extensa —esta éo— narrada por alguén que equilibre descrición e reflexión, relato e pensamento. Martín Caparrós propúxose remover conciencias e abofé co fixo sen perder un gramo de seriedade na exposición. Por desgraza, os libros non cambian a realidade. Alomenos déixenme que os convide a poñer os ollos sobre este, pensar e facer unhas cantas preguntas desacougantes.

Comentarios