O Museo de Pontevedra, distinguido nos Premios da Cultura Galega 2016

O xurado tamén galardoou a María Xosé Queizán, Miguel Fernández-Cid, Maximino Zumalave, Elena Zernova, Sarabela Teatro, Numax, e á Irmandade Xurídica Galega
Museo de Pontevedra
photo_camera Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra foi galardoado nos Premios da Cultura Galega, en Patrimonio Cultural. Tamén foron distinguidos a escritora María Xosé Queizán en Letras; o exdirector do CGAC Miguel Fernández-Cid, en Artes Plásticas; o director e pianista Maximino Zumalave, en Música; e a directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova, en Proxección Exterior.

Xunto a eles, o xurado, reunido este luns baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, tamén galardoou a Sarabela Teatro, en Artes Escénicas; á cooperativa Numax, en Audiovisual; e á Irmandade Xurídica Galega, en Lingua.

Estes foron os galardoados nas diferentes modalidades dos Premios da Cultura Galega 2016, entre un total de 40 candidaturas presentadas na edición deste ano.

Os galardóns recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega.

O titular de Cultura da Xunta presidiu a reunión do xurado dos citados galardóns, o cal estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente; e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, que non puido asistir, delegou o voto na Consellería de Cultura.

Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Ballesteros, editor; Susana Seivane, gaiteira; Fefa Noia, directora teatral, e Manuel Vilariño, fotógrafo. Como secretaria estivo a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.

A Consellería convoca anualmente estes premios "co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos", sinala a Xunta nun comunicado.

O galardón deste ano consistirá nunha escultura do artista Manolo Paz, que os premiados recibirán nun acto solemne que se realizará en próximas datas.

Comentarios