Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Oportunidades y obstáculos para que el oso permanezca en O Courel

A aparición e posterior constatación de indicios da presenza do oso pardo na Serra do Courel fixo que se desprazase ata a zona, convidado pola asociación SOS Courel, o presidente do Fondo para a Protección dos Animais Salvaxes (Fapas), Roberto Hartasánchez. As súas conclusións son que o oso pardo anda por esta zona da alta montaña aínda que se descoñecen datos sobre a temporalidade das estancias, o número de plantígrados ou a súa idade.

Por estas razóns resulta evidente que o que se precisa é afondar na investigación, tendo en conta que Hartasánchez cre que o Courel ''ten unha calidade de hábitat moi boa nos fondos de val, curiosamente as zonas máis próximas á poboación''. Co obxectivo de afondar nas pesquisas xorde a iniciativa de Fapas de convidar aos membros de SOS Courel a unhas xorandas en Asturias onde obterán preparación para traballar ''cunha mellor definición no control da poboación de osos que poidan estar no Courel, ben de forma constante ou esporádica''.

Orlando Alvárez, membro de SOS Courel, considera que esta experiencia será ''moi importante'' para a asociación e explica que a través do pelo deixado polos exemplares de oso pardo pode analizarse o seu ADN e determinar o sexo dos animais, así como o parentesco existente entre eles. A análise desas mostras nun laboratorio custa 80 euros cada unha e en SOS Courel agardan reducir estes gastos obtendo maiores coñecementos nas xornadas de Fapas.

No medio deste importante achado --como é a presenza do oso pardo no Courel-- e da colaboración entre diferentes asociacións pola conservación da natureza, cal é o papel das administracións públicas? A Xunta de Galicia asegura que ''existe un seguimento específico'' levado a cabo en colaboración coa Fundación Oso Pardo e a Gardaría de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural. Cando detectan a presenza do oso parado a actuación ''céntrase no seu seguimento, a toma de mostras se é posible, protección de colmenares con pastores eléctricos --se están sendo atacados-- e a constatación dos danos para abrir o correspondente expediente de responsabilidade patrimonial para o abono dos mesmos'', sinalan dende o departamento que dirixe Samuel Juárez.

A actuación da Xunta non convence
Tanto Roberto Hartasánchez como Orlando Alvárez móstranse críticos e escépticos ao valorar a actuación do Goberno galego para a conservación da zona. O presidente de Fapas responsabiliza á Xunta do modelo de explotación forestal da zona e asegura que ''ten un tremendo impacto ambiental negativo, ao facerse de xeito intenso e agresivo mediante o uso de maquinaria pesada''.

Hartasáncehez advirte que este modelo ''non camiña paralelo'' á declaración de espazo protexido da Rede Natura 2000  por parte da UE e vai máis alá ao sinalar que se está a cometer un ''fraude'', xa que ''a Xunta posiblemente financia este traballo ambientalmente insostible con fondos europeos, incumprindo á vez as normas referentes á conservación''. Así conclúe, que a Administración debe ''garantir a conservación de terriotrios e non destruílos''.

Orlando Alvárez leva varios anos traballando en SOS Courel pola conservación da riqueza ambiental do Courel e coincide nesta liña co experto en fauna salvaxe. Ao fondo desta situación advirte que ''da Xunta pouco se pode agardar, posto que os políticos están moi metidos nos seus intereses e reciben presións externas''. Ademais, denuncia, ''pensan que poden controlar a Xustiza e fan aunténticas animaladas que son ilegais''. A pesares desta concepción sinala que ''a UE abriu unha investigación'', coa que agarda que se demostre a ''barbaridade'' que se está a cometer.

Para o membro de SOS Courel os problemas de conservación xorden xa a raíz do tipo de vexetación que se promociona na zona, ao entender que a plantación de piñeiros e eucaliptos ''é como verter gasolina no monte'', xa que estas plantas ''arden continuamente''. Detrás diso Orlando Alvárez albisca ''intereses de todo tipo'' que van desde os propios ''asesores técnicos da Xunta'', pasando polos ''medios de extinción aéreos privados'' ata as compañías madereiras, xa que todos eles ''lúcranse co negocio do lume''. O resultado final é a ''destrucción de hábitats completos''.

''Dentro do marco legal establecido''
O Goberno galego mantén que ''tanto o Courel como o resto dos espazos protexidos galegos son na súa maioría propiedades privadas, nas que os montes veciñais en mans comúns revisten unha especial importancia''. Dende Medio Rural aseguran que ''todas as plantacións  que se realizan son avaliadas en fase de proxecto polas unidades de conservación da natureza provinciais deste servizo''.

Asimesmo engaden que ''a política de explotación forestal da Xunta faise dentro dos marcos legais, seguindo programas europeos, estatais e autonómicos de inversión que son públicos e invístese segundo o marco legal establecido''.

Por outra banda, advirten que ''é necesario recordar que os Montes Veciñais en Man Común son propiedades privadas colectivas que dentro do marco legalmente establecido, son plenamente capaces para decidir a xestión dos seus recursos'', polo que non se atribúen a responsabilidade completa da xestión forestal.

As posturas sobre como debe funcionar a combinación do binomio explotación forestal-conservación do ecosistema están moi alexadas. Polo medio, o oso pardo segue buscando a árbore axeitada para fregar o lombo, unha árbore que xa demasiadas veces lle foi arrebatada.  


 

Oportunidades y obstáculos para que el oso permanezca en O Courel
Comentarios