viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Oqueleo, o proxecto de literatura infantil e xuvenil de Santillana en galego

Presentación de Oqueleo, este mércores en Santiago
Presentación de Oqueleo, este mércores en Santiago
"O noso obxectivo é apostar pola calidade literaria, unha literatura comprometida, e sobre todo unha aposta pola lingua galega", afirmou a directora da colección

Oqueleo, así se chama ou novo proxecto de literatura infantil e xuvenil de Santillana en lingua galega a través do selo Edicións Obradoiro. A colección, que foi presentada este mércores en Santiago de Compostela, sairá ao mercado en abril con 22 títulos, dezaseis deles de autores galegos.

A directora de Oqueleo, Maite Malagón, dixo durante a presentación da colección na capital galega que o novo selo "aposta pola calidade literaria e o compromiso, o gozo, a reflexión, a creación e a recreación de novos universos imaxinarios". "O noso obxectivo é apostar pola calidade literaria, unha literatura comprometida, e sobre todo unha aposta pola lingua galega", afirmou. "Somos o que lemos. A esencia está nos nosos libros", apostilou.

Ana Guerra, directora de editorial Obradoiro, explicou que os autores se envorcaron coa nova colección; "entregábannos moitas cousas boas e isto foi collendo ritmo, e aquí chegamos hoxe cun catálogo con 22 títulos".

Xunto ás representantes do selo editorial participaron no acto de presentación tres dos autores galegos que participarán coas súas obras na colección: Manuel Núñez Singala, Héctor Cajaraville e Paula Carballeira.

Núñez Singala congratulouse da aparición dun novo selo editorial, "unha ocasión para felicitarnos todos os que participamos e tamén os lectores", indicou. O escritor lucense explicou que a súa novela, aínda non editada, trata sobre a historia dun naufraxio ocorrido no ano 1921 na illa de Sálvora, "mellor que a do Titanic", chanceou.

O compostelán Héctor Cajaraville contou que o seu percorrido como autor é moi curto e congratulouse de que a editorial se puxese en contacto con el para convidarlle a participar no novo proxecto editorial Oqueleo. "Fan falta máis coleccións como esta. Esta é unha colección que arrinca con moita forza, con textos para todas as idades e moi variados. Vai ser unha achega moi importante para o colectivo infantil e xuvenil, que é cando se forma unha persoa como lectora", afirmou.

Cajaraville explicou que a súa obra, aínda en proceso de edición, é unha homenaxe aos emigrantes galegos que se marcharon a Estados Unidos, maioritariamente ao estado de Nova Jersey.

A autora de Fene Paula Carballeira explicou que o seu compromiso como escritora é darlle aos mozos lectores "unha perspectiva á ficción e á realidade, porque como boa galega estes dous conceptos non están moi separados". Explicou que o seu libro, Bruxa e familia, está "moi ambientado en Galicia". "Para ser universais hai que ter en conta de onde vimos e quen somos. As grandes preguntas existenciais que os galegos e as galegas temos que ter sempre moi en conta por iso andamos sempre dubidando: quen serei, onde irei, de onde virei..."

Ademais de Oqueleo, o proxecto de literatura infantil e xuvenil de Santillana inclúe o selo en castelán Loqueleo, que comezou o seu percorrido internacional na Feira Internacional de Libro de Guadalaxara a finais de 2015, e o selo Jollibre en catalán.

Proximamente o proxecto completarase co lanzamento de Begiko, o selo en eúscaro.

Oqueleo, o proxecto de literatura infantil e xuvenil de Santillana...
Comentarios