Los frutos del compost

Nos últimos anos, a xeración de residuos urbanos en Galicia sufriu un forte incremento, ata o punto de que a día de hoxe a taxa de produción rolda os 1,2 quilogramos por habitante e día ou, o que é o mesmo, máis de un millón de toneladas ao ano.

Case a metade dese lixo compónse de materia orgánica cuxo destino habitual, alomenos no caso dos 294 concellos que conforman a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), son os colectores convencionais, onde se mistura cos materiais non reciclables. Estes, xunto aos restos orgánicos, son sometidos a un proceso de valorización enerxética para transformalos en enerxía eléctrica.

Mais existe outra posibilidade: facer compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. Do único que se trata é de separar os restos orgánicos para aproveitalos no esterco ou como alimento para o gando. A idea non é nova, pero sobre ela aséntase o último programa posto en marcha desde Sogama en colaboración con catro concellos da Mariña lucense: Alfoz, Barreiros, Lourenzá e Trabada.

Reciclaxe caseira en 200 vivendas
Para explicar a iniciativa hai que remontarse a novembro do 2009, cando o presidente da Sociedade, Luis Lamas, se reuniu cos respectivos rexedores para explicarlles os beneficios da compostaxe e facelos partícipes da proposta, que permitirá reducir case á metade a cantidade de lixo que desositan nos colectores convencionais as 200 familias que tomarán parte neste programa de reciclaxe caseira.

"A prioridade pasa por que a cidadanía aplique políticas de prevención reducindo a xeración de residuos, apostando pola reutilización e implicándose nos mecanismos de recollida selectiva", apuntou Lamas, quen explicou que cada unha das viviendas será dotada cun composteiro de 400 litros de capacidade no que entrará materia orgánica e sairá un esterco natural que poderan usar nos seus hortos e xardíns para 'alimentar' plantas e froiteiras, en sustitución do abono artificial.

Sen quitarlles a razón aos nosos antergos, o proceso de compostaxe pode facerse directamente no solo, sen composteiro. Mais este aparello conta cunha serie de vantaxes que tamén cómpre ter en conta, coma manter limpa a zona, acelerar o proceso de descomposición ou combater os malos cheiros que deste último se desprenden.

Os concellos escollidos
E se facer compost é un proceso tan doado e beneficioso, por que non se estende o proxecto a todos os concellos? A resposta é sinxela. Ademais de interese por implicarse neste programa, existen outros factores determinantes á hora de seleccionar os territorios nos que se porá en marcha.

Deste xeito, o estudo de viabilidade realizado por Sogama permitiu recabar os datos xeográficos, orográficos, económicos e ambientais necesarios para definir que ámbitos de poboación reunían os requisitos, tomando como criterios de medición a densidade de poboación, as casas que se empregan como primeira vivenda, a disposición próxima aos puntos de recollida de lixo ou o volume de residuos que se xeran nese núcleo.

Así as cousas, e unha vez repartidos os 200 composteiros noutras tantas casas, Sogama manterá contacto periódico cos entes municipais en calidade de supervisor do proxecto. Pero tócalles a estes últimos vixiar a súa evolución e acometer as tarefas de formación, facendo campaña porta a porta para motivar ás familias que previamente escolleu o propio Concello, así como corrixindo os posibles erros e dificultades que se lles poidan presentar. Nove meses despois da súa implantación, a Sociedade pública elaborará un informe final acerca do impacto do programa, con vistas a poñelo en marcha noutros municipios galegos.

E é que as vantaxes non pasan unicamente por unha xestión máis racional e sostible dos residuos, senón que aquelas aparecen tamén no eido económico, supoñendo un aforro para o peto consistorial. Como ben apuntou o alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente, quen se erixiu en voceiro dos seus homólogos no momento de presentación do proxecto, "confiamos en diminuír as cantidades de lixo desviadas a Sogama e, en consecuencia, reducir tamén o importe da factura que lle temos que pagar".

Cunha inversión total de 60.000 euros, Sogama farase cargo do 50% dos gastos e aos Concellos tocaralles asumir a contía restante, en función do número de vivendas que participen na iniciativa. Dentro de nove meses saberase se os lucenses escollidos se afixeron ben co seu composteiro.

Comentarios