O bispo Cresconio organizou un exército para expulsalo

Os restos do viquingo que atacou Galicia descansan en Dinamarca

Un arqueólogo está convencido de ter atopado o enterramento de Ulf o Galego. O caudillo gañou o seu sobrenome tras saquear as terras galegas no século XI
A tumba de Ulf o Galego
photo_camera A tumba de Ulf o Galego

O arqueólogo e conservador do Vesthimmerlands Museum de Jutlandia (Dinamarca) Bjarne Henning Nielsen está certo de que vén de atopar os restos de Ulf o Galego, un líder viquingo que atacou e saqueou Galicia no século XI e cuxa pegada se pode rastrear nos arquivos galegos e nas sagas islandesas medievais.

Medios especializados como National Geographic ou a revista Archeology fixéronse eco desta investigación que os medios de Dinamarca publicaron xa esta semana. "É só unha teoría, unha idea, pero alguén tiña que dicilo primeiro", sinalou Nielsen ao portal científico dinamarqués Videnskab.

O arqueólogo explica que en ningún momento atoparon unha inscrición que diga "Ulf xace aquí", máis apunta que o feito de ter atopado a tumba nuns terreos que recibira dos seus ancestros paternos Valdemar o Grande, rei de Dinamarca entre 1157 e 1182 e bisneto de Ulf o Galego, é un dos argumentos nos que basea a súa teoría.


Ulf o Galego, tamén coñecido como Ulv Galiciefarer, Galicieulv e Jarl Galizur-Ulfric, foi un ‘jarl’ dinamarqués que viviu durante o século XI. Os ‘jarl’, na lingua medieval dos homes do norte, eran uns líderes pertencentes á súa nobreza e a palabra pasou ao inglés como ‘earl’, que significa conde.

Ulf o Galego, fillo doutro ‘jarl’, Ulf Thorgilsson, -o home de máxima confianza do rei Canuto de Dinamarca-, está sinalado en fontes galegas e escandinavas como responsable de diferentes ataques en Galicia entre os anos 1028 e 1048.

Bjarne Henning Nielsen explicoulles aos medios de Dinamarca que a que cre a tumba de Ulf o Galego está a ser estudada por el desde o ano 2009 no lugar de Næsby, na Jutlandia Septentrional, e que o enterramento está realizado con "honras de rei". "Un ‘jarl’ era un importante oficial que, na ausencia do rei, controlaba unha rexión ou mesmo un país enteiro. Unha persoa destas características seguro que se tería gañado un funeral distinguido", sinala.

Nielsen ten examinado ao longo dos anos as tumbas de moitos outros dinamarqueses de nobre berce e atopado similitudes nos métodos de enterramento, o que o levou a pensar que aquela sepultura era dunha persoa importante.

O arqueólogo recoñece que esta teoría pode non ser máis ca unha pista esperanzadora e engade: "Todo o que podemos facer hoxendía é especular, pero o que si sabemos é que alguén quixo soterrar o grande heroe que xace aquí, cuxo nome, desafortunadamente, nunca saberemos".

Outro dos motivos que levou a Nielsen a pensar en Ulf o Galego está na coincidencia das datas co tempo no que viviu o líder viquingo no século XI. "A estrutura de madeira e unha inscrición parcial na espada indican unha data algo posterior ao ano 1000", asegura o conservador do museo.

Nunha ampla reportaxe na publicación online de National Geographic, Nielsen explica que o enterramento foi segundo os ritos nórdicos anteriores ao cristianismo: "A cámara funeraria probablemente quedou oculta tempo despois baixo un túmulo e logo foi nivelada, coa construción dunha especie de capela; o defunto viquingo primeiro foi soterrado baixo un rito non cristián, pero iso foi rectificado posteriormente".

"Sei que todo isto é moi complicado, mais coido que teño razón", concluiu o arqueólogo Bjarne Hanning Nielsen.

Comentarios