O xornalista ourensán Rodrigo Vázquez, unha das caras máis coñecidas de TVG, deu o salto á televisión nacional e desde finais do mes abril presentará El Cazador, o concurso das tardes da 1 de RTVE
A partir da próxima tempada Rodrigo Vázquez acompañará aos cazadores Erundino Alonso, Lilit Manukyan, Paz Herrera, David Leo e Ruth de Andrés no reto ao que se enfrontan concursantes anónimos que loitan por conseguir unha suma importante de diñeiro fronte a cinco das mentes máis brillantes do país.
A incorporación do novo presentador coincide coa recente renovación de El Cazador para a súa oitava tempada, cuxas gravacións comezan esta semana, e tras os bos resultados de audiencia que está a ter o concurso nas tardes da 1, onde se consolidou como unha referencia do entretemento.
PERFIL. Rodrigo Vázquez (1987) é xornalista e desde fai 14 anos desenvolve o seu labor profesional en Televisión de Galicia (TVG). En 2014 empezou a súa andaina como presentador e desde entón conduciu distintos espazos na cadea autonómica: Aquí Galicia; Oh Happy Day, O País máis grande do mundo; Verbenalia; o concurso Ti verás –polo que conseguiu o premio Mestre Mateo a mellor comunicador, galardón que obtivo en tres ocasións– e actualmente conduce o programa Quen anda aí? xunto a Roberto Vilar.
Desde a súa estrea en febreiro de 2020, o concurso foi mellorando progresivamente a súa audiencia e pechou o pasado mes de xaneiro coa mellor cota (8,9% de share) e unha audiencia media de 913.000 espectadores. Máis de 1,8 millóns de persoas contactaron diariamente co concurso.
Ademais, a primeira tempada de La noche de los cazadores, o spin off do concurso para o prime time dos luns, conseguiu un 8,3% e 1.057.000 espectadores de media.