''Estamos ante la juventud mejor formada de la historia de Galicia''

Novo pero sobradamente preparado, o cargo na Xunta veulle como anel ao dedo a Ovidio Rodeiro, con 16 anos ás súas costas traballando cóbado con cóbado coa mocidade. Aos 21 anos fundou no seu municipio, Boqueixón, a Asociación Xuvenil Raíña Lupa e, ''de xeito moi natural'', pasou a ser o concelleiro de Xuventude do Concello, onde acabou como vicealcalde. Cando todo facía pensar que ía para rexedor, Feijóo fichouno para dirixir a política xuvenil galega, cometido co que está envorcado.

Pregunta: Cal é o proxecto estrela do departamento que dirixe?

Resposta: Estamos elaborando o Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2013, que fará especial incidencia nos temas de vivenda, emprego e educación, así como no voluntariado, na información e na participación dos mozos na sociedade.

P: Aquí agárdanse cambios...

R: Vai haber un cambio importante para buscar un modelo onde se lle dea o protagonismo aos mozos.

P: A través de que vía?

R: Unha delas será flexibilizar a participación xuvenil. Agora está todo moi ríxido e encorsetado: se queres ter axudas para un proxecto tes que estar nunha asociación ou se non, non tes opción. O que queremos é abrir as subvencións incluso a grupos informais, a fin de non bloquear as inquedanzas que poidan ter os mozos.

Política transversal
P: Emprego e vivenda son os principais problemas dos mozos. Que fai a Xunta por axudalos?

R: Hai problemáticas como estas nas que hai que incidir. A Consellería de Traballo xa está preparando un plan de emprego xuvenil e a de Vivenda tamén ten os seus plans para o colectivo (con axudas de entre 2.000 e 9.000 euros para a compra de vivenda, exencións fiscais que permiten aforrar ata 7.000 euros e axudas ao aluguer). Porque a política xuvenil non só depende deste departamento; ao ser transversal faise desde todos os organismos da Xunta.

P: Como se logra esa transversalidade á hora de traballar?

R: Pois a través da comisión interpartamental de xuventude, que se reuniu en xaneiro por primeira vez tras catro anos. Nela, ademais da Xunta, están os concellos, que teñen moito que dicir, e o Consello de Xuventude de Galicia.

P: Como ve aos mozos galegos?

R: Estamos ante a xuventude mellor formada da historia de Galicia, moi activa, voluntaria e solidaria. Eles son o futuro da nosa terra e eu véxoos moi capacitados.

P: A nova Xunta aumentou as partidas para as asociacións.

R: Incrementámolas nun 50% para que os mozos poidan facer os seus propios programas, cando ata agora moitas veces lles ían feitos desde a Xunta ou os concellos.

P: Vostede aposta firmemente polo asociacionismo xuvenil.

R: Si, porque todo o que se aprende a través da participación non se ve noutro lado. Toda educación non formal que se poida adquirir no movemento asociativo e de voluntariado é importantísima. Estar nunha asociación nunca é unha perda de tempo.

Voluntariado e xuventude
P: Falando de voluntariado, todos os esforzos se centran no Xacobeo.

R: Si, hai un programa moi ambicioso no que por primeira vez se abre o voluntariado, que é local, nacional e internacional, aos nove camiños. Haberá voluntarios de apoio aos peregrinos, lingüísticos e mesmo sanitarios. Á parte do Xacobeo, en breve teremos un servizo galego de voluntariado.

P: O voluntariado lingüístico foi un éxito, con 500 candidatos que optan a 31 prazas...

R: Si, está sendo un éxito e trátase dun voluntariado que vai estar aquí nove meses; non é unha acción de 10 ou 15 días. Son mozos europeos que apoiarán no Camiño Francés o labor de acollida dos peregrinos en diferentes idiomas. Este voluntariado forma parte dun programa europeo para grandes eventos e supón un recoñecemento da Unión Europea ao voluntariado do Camiño de Santiago, xa que é o único proxecto deste tipo concedido pola UE para España.

P: Pero no Xacobeo non só haberá voluntarios mozos...

R: Certo, tamén temos o voluntariado da sabedoría, contando coa xente maior das aldeas do Camiño, que serán os encargados de transmitirlle aos peregrinos o que é Galicia e as súas xentes.

P: O Carné Xove debe renovarse?

R: O Carné Xove precisa un grande impulso; e niso estamos.

Tempos mozos
P: Conserva o espírito de xuventude aos 37?

R: O espírito de xuventude nunca se perde (risas).

P: Cando foi a última vez que foi de ‘botellón’?

R:  (risas) ¡Menuda pregunta máis comprometida! Depende do que se entenda por botellón...

P: É este un problema sen solución?

R: O problema é o consumo excesivo a idades cada vez máis novas. A clave está en compaxinar o ocio nocturno co descanso dos demais.

P: Xente nova e leña verde, todo é fume?

R: Ese refrán está trasnoitado; hoxe en día a xente nova ten moito que aportar.

P: É vostede un mozo afortunado, con coche oficial e todo.

R: Estou moi ilusionado con este traballo, no que o coche oficial é o de menos. Na Xunta formo parte dun equipo novo e renovado, e a nosa presenza é unha mostra máis da aposta que fai Feijóo pola xuventude.

Oportunidades no rural
P: Conecta ben coa xuventude?

R: Eu creo que si. É certo que hai colectivos cos que é moito máis fácil conectar, por exemplo coa xente que traballa cos maiores: programas algo e xa se apuntan todos. Coa xente nova hai que ir a onde están eles; non podes esperar que eles veñan a ti.

P: Cal foi a súa gran loucura de mozo?

R: Digamos que falcatruadas relacionadas coa noite e a marcha... aí todos temos, non fai falta concretar (risas).

P: Sempre se cre que a xuventude das cidades ten máis oportunidades que a do rural. Vostede que é de Boqueixón, cre que isto é así?

R: É moi distinto traballar coa xuventude nun contorno rural que nunha cidade como Vigo, por exemplo, onde hai unha serie de recursos para o ocio e para o tempo libre e educación distintos aos que tes nun concello do interior. Por iso, estamos creando estratexias territoriais.

Albergues e centros Quérote
P: Haberá lavado de cara para os albergues?

R: Estamos traballando para dar máis actividade a unhas instalacións que ata agora só abrían en verán. Queremos pór en valor as infraestruturas da Xunta --13 casas de xuventude, 3 residencias de estudantes e 16 de tempo libre--.

P: E que vai ser dos centros Quérote?

R: A Xunta non vai dar un só paso atrás na información afectivo-sexual, pero vai atender todas as problemáticas, non só esta. Impulsaremos máis liñas de traballo, como a seguridade viaria, a anorexia e a bulimia.

P: Non añora Boqueixón?

R: O corazón téñoo alí. Débolle moito aos veciños; foron moitos anos de traballo conxunto.

Comentarios