Paco Lodeiro: "Cantar é o que máis me gusta facer e o que mellor se me dá"

O comunicador nacido en Caracas leva máis de 5.000 programas de concursos, gañando o alcume do Jordi Hurtado galego. Confésase afeccionado ao mundo do fútbol e aos quiz shows, aínda que a súa vida puido tomar un derroteiro moi distinto ao do entretemento, pois comezou como profesor de informática na FP
Paco Lodeiro. CRTVG
photo_camera Paco Lodeiro. CRTVG

O presentador do quiz show de moda na Televisión de Galicia é un home todoterreo: cantante, produtor e mesmo futbolista. O comunicador fai do seu traballo un reto do que aprender cada día.

Como é Paco Lodeiro fóra das pantallas de televisión?
Se nos fiamos das señoras que me cruzo pola rúa e que xa están en idade de dicir o que pensan, non son tan vello nin tan gordo (ri). Penso que cando un leva tantos anos traballando nisto, é difícil que a xente teña unha idea moi distinta a como es realmente.

Vostede é informático, como chegou ao mundo do entretemento?
Gustábame cantar e entreter, pero como non era unha actividade da que a priori se puidese vivir, estudei informática. Rematei a carreira e aprobei as oposicións. Non deixei a praza ata que puiden vivir do entretemento.

A súa primeira ilusión era ser xogador de fútbol.
Si, xoguei moitos anos pero non me puiden dedicar a iso. Pero o fútbol é unha das miñas grandes paixóns.

É un afeccionado dos concursos cando está na casa?
Estou rondando os 5.000 programas entre Verbas van, Como un allo, Cifras e letras e o Atrápame se podes e aínda así sigo vendo novos concursos. Gústame o entretemento desta modalidade.

Chamoume o gran mestre Gayoso e deume uns bos consellos que intentei levar a cabo. Foi algo moi ilusionante

Diría que o xénero engancha?
Si, é un dos formatos que máis fidelidade esperta na audiencia. Por exemplo, no Atrápame os espectadores identifícanse cun dos concursantes ao atopar puntos en común con eles. Ademais, por suposto, de participar desde a casa adiviñando as respostas. Iso é parte do encanto que ten o programa.

Vostede tamén escolle aos seus favoritos?
Trato de ser neutral. O traballo do anfitrión neste caso é que os concursantes non estean nerviosos, o máis parecido a cando concursan desde a casa. Trato de que se sintan ben e a gusto no plató.

Atrápame se podes converteuse nun habitual na grella galega.Esperaba semellante éxito?
A verdade é que o programa está a ser un gran éxito e resulta un tanto sorprendente pola súa ubicación horaria. Tradicionalmente, estes concursos emítense na sobremesa ou ao remate do serán. Pero si que é certo que funciona moi ben no prime time.

Cal diría que é a clave?
Ademais de que a xente poida poñer a proba os seus coñecementos, intentamos que haxa momentos nos que sexa divertido, sen ser un programa de humor. Que poidamos botar unhas cantadas, bailar un pouco ou facer bromas.

Escoitará moito pola rúa a mítica frase: "Paco, solta o bote".
Pois si, xa perdín a conta das veces que mo poden dicir no día (ri). Se algunha vez vou a pasear coa familia, incluso fóra de Galicia, é raro que alguén non me diga esa frase. Aínda que non me colle de novas, pois hai quince ou dez anos berrábanme iso de: "Vogal, consoante".

Escoito moitas veces esa frase de 'Paco, solta o bote’ cando vou de paseo coa familia. Incluso se me atopo fóra de Galicia"

Despois de dous anos en antena, contará con moitas anécdotas divertidas do programa.
Sempre xorden anécdotas curiosas. Por exemplo, trinta anos despois de rematar a carreira en Madrid, reencontrei cun rapaz de Vigo co que estudara. Perdéramos o contacto e volvemos a atoparnos grazas ao Atrápame.

Tamén acaparou titulares pola pregunta do prezo da cocaína.
A cuestión facíase eco dunha estatística gubernamental, non foi un capricho do guionista. Aínda que, visto con perspectiva, é unha pregunta que era mellor non tela feito. Realizamos preto de 1.000 preguntas á semana, é fácil que se escape algo.

Vai camiño de bater a un grande dos concursos. Considérase o Jordi Hurtado galego?
El ten que levar moitos máis programas ca min, e ademais sempre co mesmo formato de Saber y Ganar, o que ten moito mérito. A verdade é que é unha comparación que non me desagrada en absoluto.

Tamén está en A Liga dos Cantantes Extraordinarios. É unha persoa totalmente polifacética.
A miña faceta de creador de contidos permitiume poñer en marcha proxectos como Malicia Noticias, Laretando ou A Liga. Ademais de ser un showman, gozo moito con esta posibilidade.

Cantar tampouco se lle dá mal...
A xente que é coetánea a min sabe que eu comecei cantando. Atreveríame a dicir que é o que máis me gusta facer e, tamén, o que mellor se me dá.

Recibiu este ano 2023 como anfitrión das badaladas xunto con Noelia Rey e Arturo Fernández. Pediulle algún consello ao mestre Xosé Ramón Gayoso?
Chamoume el a min, xa que sinte a responsabilidade de que todo saia ben. Deume moi bos consellos que intentei levar a cabo. Foi algo moi ilusionante.

Ao longo de toda a súa carreira. Cal diría que foi o mellor momento?
O meu gozo está en compartir esos momentos con todos cos que comparto traballo. Por exemplo, A Liga está tendo bos resultados e os que participamos nela estamos moi contentos de contar co respaldo do público.

Comentarios