Paco Lodeiro: "'Cifras e letras’ foron máis de 3.000 programas. Foi o que máis me marcou"

O polifacético Paco Lodeiro, responsable de programas como ‘Cifras e letras’, está preparando a segunda tempada do seu novo éxito da TVG: ‘Coma un allo’.

Foto de arquivo de Paco Lodeiro. DP
photo_camera Foto de arquivo de Paco Lodeiro. DP

Onde cre que reside o éxito do formato do programa Coma un allo?
Pois creo que a clave está en que son preguntas de proximidade, que permiten que a xente dende a casa tamén poida participar no xogo. Outra das claves é a boa relación que se crea no plató tanto entre o presentador e os expertos, como entre presentador, expertos e concursantes. Que exista un tono de afectividade entre eles trascende e fai que se cree complicidade coa audiencia. Tamén o bote do programa que vai incrementando fai que aínda que as cantidades que manexamos non sexan moi grandes, exista a posibilidade de que alguén poida levar moito diñeiro dunha tacada.

Cal foi o concursante de Coma un allo que máis o sorprendeu?
Agora mesmo temos como plusmarquista a Alberto García, que pasa por ser o concursante máis brillante. Pero ás veces as sorpresas son en sentido negativo. Como a xente que ves que realiza uns cástings moi bos, pero logo chega a hora da verdade e o medo escénico fai que a persoa estea menos hábil do que realmente é. Así que as sorpresas poden ser para ben ou para mal.

Cal é a proba de Coma un allo que máis lle gusta?
Eu son moito da proba de números. É unha confección que fixemos Jorge Mira e mais eu, e é un xogo que me encanta, porque pon a proba a axilidade mental.

Entón supoño que vostede é máis de ciencias que de letras.
Coma o reloxo do chiste de Farruco: teño días (risas).

Traballar con profesionais como María Canosa, Bernardo Montaña ou Jorge Mira ten que ser unha gozada.
Que vou dicir eu que escollín os tres? Cada un ten as súas características, pero creo que o resultado do conxunto é moi bo. Eu dende logo estou encantado cos tres e non os cambio.

Escribir un guión para un formato coma este ten que ser complicado. Como o elaboran?
O traballo do equipo de guión ten que tratar de compensar a dificultade das preguntas para que en ningún caso haxa moito agravio entre os tres concursantes. Hai que facer moitas preguntas, pero tamén hai que ser equilibrado para que non lle resulten máis fáciles a un concursante que a outro. Tamén temos que tratar que a pregunta sexa de dificultade media, para que a xente na casa poida xogar, pero que non sexan obviedades.

Están xa preparando a nova tempada de Coma un allo ou aínda están de vacacións?
Estamos traballando xa para empezar os novos programas en setembro.

Teñen algunha novidade preparada para a nova tempada?
Si. O programa vai pasar a durar 45 minutos, así que terá algunha outra proba coa que trataremos de sorprender aos seguidores.

Vostede foi productor e presentador de varios programas, como Verbas van, Salsa verde, Xa hai que foi, Cifras e letras... Cal é ao que lle ten máis cariño?
De todos os programas hai algunha lembranza especial, pero con Cifras e letras foron dez anos en Madrid e sete en Galicia e máis de 3.000 programas. Foi o formato que máis me marcou.

Cifras e letras é o seu programa máis coñecido, que presentou en TeleMadrid e do que foi produtor na TVG ao mesmo tempo. Foi difícil compaxinar ambos os programas á vez?
Si, porque eran programas de emisión diaria. Daquela tiña a tarxeta dos puntos do avión con moitos ceros (risas).

"Todas as cousas que fago teñen unha relación con comunicar. Pero sinceramente creo que o que mellor fago e o que máis me gusta é cantar"

Produtor, actor, presentador, cantante, humorista, imitador, profesor... Cal é a faceta súa que máis lle gusta?
Antes dicía que era un ‘showman’, alguén que o mesmo lle gusta o humor, que a música, que presentar, que comunicar. Agora mesmo estou nunha fase na que me adico a tarefas de dirección e produción. Eu creo que a vida ten etapas, e dependendo do momento vas facendo unhas cousas ou outras que non sempre cadran co que che gustaría facer. Das cousas que fago todas teñen unha relación con comunicar, pero sinceramente creo que o que mellor fago e o que máis me gusta é cantar. O malo é que o aspecto lucrativo sempre o atopei máis no mundo da televisión que no da canción.

Non saca un disco dende 2013. Ten en mente algún novo proxecto musical?
Agora mesmo estou facendo un proxecto precioso con Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara. Cantamos temas tradicionais coas bandas municipais dos sitios nos que actuamos. En canto a un disco, tamén ando medio enguedellado con algo que espero que saia, pero aínda estamos arrancando.

Con tanto traballo e tantas facetas, é difícil preparar unhas vacacións?
Cos anos, un vai collendo esas habilidades. Eu estou decididamente entregado a buscar máis tempo que outra cousa. Prefiro procurar tempo que traballo.

Comentarios