El filme de la lengua cambia el guión

O decreto da consellería de Educación que regula o uso do galego no ensino non universitario introduce como principal novidade, respecto do que actualmente está en vigor, a participación decisiva dos pais na etapa infantil para establecer a lingua na que se desenvolverá a actividade lectiva.

A influencia das familias tamén terá incidencia, aínda que menos, nas etapas de educación primaria e secundaria. Nestas fases a Xunta marca que bloques de materias se imparten en cada idioma e os pais poden decidir cambiar a lingua deses bloques con consultas que se realizarán cada catro anos. Para que se produza, o cambio debe ser aprobado pola metade máis un dos pais dos alumnos matriculados no centro educativo.

1. En infantil, os pais escollen antes do comezo do curso segundo a lingua materna
Fronte ao decreto aprobado polo bipartito no 2007, a lingua predominante determinarase ao abeiro dunha consulta efectuada a cada familia antes do comezo do curso escolar sobre a lingua materna do seu fillo. O profesorado deberá usar na aula a lingua máis votada polas familias nesa consulta e deberá atender de xeito individualizado ao alumnado que non teña o coñecemento suficiente da lingua predominante.

O decreto actualmente en vigor recolle tamén o uso por parte do profesorado da lingua materna predominante entre o alumnado pero a decisión correspóndelle ao claustro, de acordo aos criterios establecidos no proxecto lingüístico. O persoal docente debe ter en conta tamén a lingua do contorno e coidar de que os nenos adquiran competencias na outra lingua oficial. Nos contornos castelanfalantes establécese que o uso do galego como lingua de comunicación, como mínimo, debe ser igual ao do castelán.

2. Novos bloques de materias en cada lingua desde primaria
O texto dado a coñecer este luns pola Xunta establece que, con carácter xeral, deberá ser impartida en galego a materia de coñecemento do medio e, en castelán, a de matemáticas. Este criterio pode ser modificado con consultas ás familias cada catro anos. O cambio na asignación lingüística produciríase no caso de que a metade máis unha das familias dos alumnos matriculados votase a favor del. Cada centro decidirá en que lingua se imparten o resto de materias, sempre garantindo que haxa a mesma porcentaxe de horas semanais en galego e castelán.

O fomento deste equilibrio racha coa discriminación positiva cara ao galego do decreto 124/2007 que dispón que un 50% das materias sexan impartidas nesta lingua, tanto en primaria como nas etapas educativas posteriores. O bloque de materias tamén cambia, pois o texto actualmente en vigor reserva para a lingua galega as áreas de matemáticas, coñecemento do medio e educación para a cidadanía.

3. Menos materias para o galego na ESO
Na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) o decreto presentado por Jesús Vázquez e Anxo Lorenxo o pasado sábado establece que os profesores das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, ciencias da natureza e bioloxía e xeoloxía transmitirán os seus contidos en galego, mentres que o castelán acapara as asignaturas de matemáticas, tecnoloxías e física e química. Co mesmo sistema que en primaria, estes criterios poden ser modificados mediante a consulta aos pais e os centros deben equilibrar o uso das dúas linguas oficiais no resto de materias.

O texto da anterior conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, establecía para o galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. O claustro dos centros educativos era quen debía decidir a lingua do resto de materias, cumprindo sempre a condición dun mínimo do 50% para o idioma propio de Galicia.

4. Os pais deixan de intervir en Bacharelato e Formación Profesional
As consultas ás familias déixanse a un lado no Bacharelato e na Formación Profesional, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, e corresponde aos centros decidir a oferta lingüística en cada idioma oficial, sendo sempre equilibrada a porcentaxe entre os dous.

O decreto do bipartito dispón que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego, como nas etapas anteriores, atendendo aos termos establecidos para cada unha no plan xeral de normalización da lingua galega --aprobado polo Parlamento de Galicia no 2004-- que se incluía como anexo ao decreto 124/2007 para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.

5. Material didáctico, uso das linguas e exención do galego
Os materiais e libros de texto das asignaturas impartidas en galego e castelán deberán estar redactados na lingua desas materias, segundo dispón o Executivo que dirixe Núñez Feijóo. Educación promoverá, asimesmo, a elaboración de materiais en castelán e en linguas estranxeiras. Mentres, no decreto do bipartito, recollíase a promoción da elaboración e publicación de materiais curriculares en galego.

Exceptuando as materias propias de cada lingua oficial e de linguas estranxeiras, o novo decreto di que o alumno poderá escoller a lingua da súa preferencia para a manifestación oral e escrita, procurando que sexa o idioma no que se imparte a asignatura. No 124/2007 só se dispoñía, respecto deste punto que, nas asignaturas reservadas para o idioma propio de Galicia, fose empregado o mesmo.

A exención da cualificación das probas de lingua galega poderá obterse no caso de que un alumno proceda doutra Comunidade Autónoma ou dun país estranxeiro no caso de acceder ao sistema educativo galego no terceiro ciclo de primaria, en ESO ou en Bacharelato. Esta exención terá unha duración máxima de dous anos, nos que o alumno deberá adquirir as competencias necesarias para ter un dominio adecuado do galego. O decreto 124/ 2007 recollía a posibilidade de que un alumno quedase exento a partir do cuarto curso de secundaria.

Outros cambios significativos aparecen na nomenclatura dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros que pasarán a chamarse equipos de dinamización da lingua galega ou na obrigación de que a programación didáctica de cada asignatura deba ser redactada, a partir da aplicación do novo decreto, na lingua na que se imparte.

Comentarios