Pessoa feliz

Pero… foi Pessoa feliz? Era o 80º aniversario da súa morte, o pasado 30 de novembro, e varios amigos nos preguntábamos iso, ante o tamaño da súa obra. Da súa obra non; da súa literatura. Do ‘baúl cheo de xente’ siguen saíndo novos textos. Non deixa de abraiar Pessoa. Non se deixa acabar. El, que foi enxeñeiro en Glasgow, pastor de cabras no Ribatejo, latinista, sebastianista, actualizador de Camões, anunciador do Quinto Imperio, medium, tedio, exceso, nevoeiro. El, que se imaxinou de 130 maneiras incontables mar adentro de Lisboa… foi feliz?

NON CUESTIONAMOS a felicidade do veciño tan facilmente, pero ante unha persoa do tamaño de Pessoa vén a dúbida da felicidade, coma se as nosas vidas non se construísen en contra de nós, principalmente. Ía todos os días da oficina a casa, da casa á oficina, onde traballaba cerca de 10 horas. Pero… era feliz? Non será unha pregunta tan habitual. Inmensa a obra, presíntese o sacrificio. "Os Deuses vendem quando dão./ Compra-se a glória com desgraça./ Ai dos felizes, porque são/ só o que passa!" (Fernando Pessoa en Mensagem, único libro publicado en vida).

Arriscada pregunta, foi Pessoa feliz. Arriscado empregar esa estructura copulativa a un "ser de todas as maneiras", arriscado valorar os feitos, arriscado valoraros por riba dos soños. Pero… que ideas de felicidade garda a obra de Pessoa? "Triste de quem vive em casa,/ contente com o seu lar,/ sem que um sonho, no erguer de asa,/ faça até mais rubra a brasa/ da lareira a abandonar!/ Triste de quem é feliz!". E o poema sigue máis adiante: "Ser descontente é ser homem". Así denuncia Pessoa a felicidade, a felicidade tal vez fácil, cómoda, satisfeita, capitalista. E é precisamente o descontento o que pon o espíritu en viaxe, en búsqueda; é o descontento unha denuncia esencial na procura dunha orde nova. Esa orde nova será para Pessoa a do Quinto Imperio —título do poema—, anunciado en Mensagem como destino para Portugal. Un anuncio que recolle os ecos de Bandarra, Antonio Vieira e Camões, e que consistiría en "ser tudo, de todas as maneiras, porque a verdade não pode estar em faltar ainda alguma coisa!", según explica nunha entrevista, realizada por el mesmo, en 1923.

"Sou, de facto, um nacionalista místico, um sebastianista racional". A esperada chegada do Rei Sebastião —convertido en símbolo, en mesías, en home capaz facer o imposible— sucedería no interior, e porque "só há homem quando se faz o impossível; o possível todos os bichos fazem", como diría máis tarde o filósofo Agostinho da Silva. Esa espera é unha viaxe interior, que garda os perigos da loucura —"Louco, sim, louco (…) Minha loucura, outros que me a tomem/ Com o que nela ia./ Sem a loucura que é o homem/ Mais que a besta sadia,/ Cadáver adiado que procria?" (do poema D. Sebastião, Rei de Portugal)— e do abismo —"Deus ao mar o perigo e o abismo deu/ Mas nele é que espelhou o céu"—. Pero emprender esa viaxe "vale a pena"; ela é tal vez a única felicidade e infelicidade posible.

Ese é o valor fundamental da Mensagem, e latexa como motor de toda a creación de Pessoa. O seu ensanchamento é unha búsqueda da verdade, e son "a árvore, a praia, a flor, a ave, a fonte/ os beijos merecidos da verdade", a recompensa do mariñeiro do outro lado da "linha fría do horizonte", o premio por lanzarse ao descoñecido. E así como os navegadores antigos tiñan a consigna "navegar é preciso, viver não é preciso" (Petrarca), Pessoa dirá: "viver não é necessario; o que é necessario é criar".

A viaxe por outros eus, o ensanchamento do eu alén dos límites da personalidade, a concepción desta como unha máscara. Tal vez podería decirse tamén que Pessoa "é partes sen um todo", como Caeiro dixera da Natureza. "Reconhecer a verdade como verdade, e ao mesmo tempo como erro; viver os contrários, não os aceitando; sentir tudo de todas as maneiras, e não ser nada, no fim, senão o conteúdo de tudo" (O caminho da serpente, Pessoa). Nestas coordenadas de viaxe, a obra de Pessoa non deixa de ser un gran poema épico.

"Feliz dia para quem é/ o igual do día, / e no exterior azul que vê/ simples confia!", di el mesmo. Pero Pessoa nunca era igual a si mesmo; sempre o contrario. Nunha maneira de non concordar consigo mesmo que consituía para o seu sensacionismo a forma típica da natureza: "Não há critério de verdade senão não concordar consigo própio. O universo não concorda consigo próprio, porque passa. A vida não concorda consigo própria, porque morre" (O sensacionismo. Pessoa). "(Se eu cassasse com a filha da minha lavadeira/ Talvez fosse feliz)", di Álvaro de Campos, na Tabacaría, na carreira veloz detrás de si, detrás da noite, do mar, do opio. Tal vez só Caeiro concordaba consigo mesmo, nese obxectivismo puro que para Ricardo Reis supoñía a "reconstrução integral do paganismo, na súa essência absoluta". Cando a Caeiro lle preguntaron se estaba contento consigo mesmo, respondeu só que estaba contento. Para Reis, a diferencia doutros escritores que tomaron "o epicurismo como o supremo característico do pagao", é o estoicismo que mellor o representa. O estoicismo é a filosofía que emana das Odas de Reis. Unha obra que Pessoa consideraba profundamente triste, e "un esforzo lúcido e disciplinado para lograr unha certa calma", unha calma nacida da asunción de que todo passa ("Passa, ave, passa, e ensina-me a passar!" di Caeiro). Unha calma que  torna aínda máis triste o epicureísmo na consigna de ‘bebe’ e ‘esqueçe’, de Pessoa. Fascinado polo poeta persa Omar Kheyyam, Pessoa compuxo o seu propio Rubaiyat, que víu a luz nunha edición bilingüe portugués-castelán o pasado mes de outubro. "O grande espaço azul do ceu não diz/ se eu hei de ser feliz ou infeliz./ É uma cor pintando um vacuo aberto./ Assim meus versos são o que não fiz." O propio Bernardo Soares dedícalle pasaxes do Libro do dessassosego ao Rubaiyat de Kheyyam. Assim, se "o amor agita e cansa, a acção dispersa e falha, ninguén sabe saber e pensar embacia tudo" (Bernardo Soares), resta beber viño. E engade: "O materialismo aparente é uma abdicação perante a impossibilidade de conhecer".

Do Pessoa no que "tudo vale a pena/ se a alma não é pequena" da Mensagem, ao Pessoa para o que "que tudo é vão de que te fias", do Rubaiyat, hai 136 maneiras de non saber quen é Pessoa. Non hai acordo. Só infinito. Iso fixo Pessoa; colocar un peso na balanza do non ser, para que o ser non sexa susceptible de apropiacións. Para que non nos quede máis remedio que buscar nós a nosa felicidade, e non a súa. É no Nevoeiro cando "Ninguém sabe que coisa quer/ Ninguém conhece que alma tem,/ Nem o que é mal nem o que é bem" que "É a hora!". Na ignorancia da desposesión, tal vez podamos rozar a realidade; esa é unha das propostas de Pessoa, unha das felicidades posibles. "Que grande felicidade não ser eu!". Si, "A lúa começa a ser real".

Comentarios