''Tenemos muy difícil entrar en las directivas de los sindicatos. Los sillones ya están ocupados''

Pilar Seoane é feminista dende os 15 anos e afiliada de CC.OO. dende hai máis de 20 anos. Funcionaria da administración pública e experta en cuestións de xénero, ten publicado un estudo sobre 'Mujeres y sindicalismo' que aborda dende unha perspectiva crítica o papel feminino nas centrais sindicais.

As conclusións non son nada compracentes e revelan as contradiccións da súa propia organización. Por iso, aínda que o libro foi publicado por un organismo de Comisiones en Galicia, o seu contido non sentou de todo ben no sindicato a nivel estatal. Non obstante, Seoane defende que se trata de autocrítica constructiva, para facer avanzar a un sindicato ao que lle recoñece un importante papel na loita polos dereitos laborais das mulleres.

Pregunta:
Como é o mundo dos sindicatos en cuestión de xénero?

Resposta: No caso de CC.OO. trabállase moito e moi ben o tema da igualdade de xénero dende o punto de vista externo ao sindicato, de cara a fóra. Creo que somos un sindicato de referencia en canto a este tema. Temos uns estatutos e uns documentos de igualdade extraordinarios, o problema é que queda moi bonito nos textos pero a aplicación práctica e cotiá no seo da organización non se dá.

P: Como é entón a situación interna?

R: O dos sindicatos é un dos mundos máis masculinizados que existen, incluso máis que as organizacións políticas, probablemente porque tivo orixe basicamente na industria, un sector onde había poucas mulleres e estas no inicio dos sindicatos tiveron sempre un papel moi secundario, como de apoio. Agora hai cada día máis afiliadas e pouco a pouco as mulleres ímonos incorporando pero o caso é que normalmente se nos dan as chamadas actividades 'doces', suaves, que teñen que ver co noso papel na sociedade, como xuventude, muller ou educación.

Mulleres no sindicato
P: Nos postos directivos aínda hai poucas mulleres...

R: Nos postos de responsabilidade interna case non estamos. Agora mesmo en CC.OO. dos 17 sindicatos rexionais só hai dous nos que as secretarías xerais as ocupan mulleres. É moi difícil, e o mesmo ver a unha muller ocupando postos considerados importantes e con peso a nivel interno no sindicato, como as secretarías de acción sindical ou organización. Neses postos, que son tamén os que teñen máis proxección pública, non adoitamos estar.

P: Nas executiva hai equilibrio entre os dous xéneros?

R: No caso de CC.OO. a executiva do sindicato en Galicia ou a nivel estatal é paritaria, porque son as que dan a cara diante da sociedade e teñen que ser a cara bonita, pero cando se vai baixando a outros órganos de nivel inferior xa non hai esa mesma composición e non hai o mesmo peso para ambos sexos.

P: E que pasa coas medidas de igualdade interna que deberían garantir iso?

R: Por un lado os requisitos non sempre garanten a igualdade. Por exemplo, hai paridade pero non hai cremalleira, co que non hai obriga de poñer mulleres nos postos de saída, así que aínda que as listas sexan paritarias, se a executiva inclúe xente de varias listas irán os dos primeiros postos, e a nosa presenza xa non está garantida. Ademais en CC.OO. a comisión de candidaturas nunca tirou abaixo unha lista por non cumprir a paridade. Non pasa unha lista sen que teña os avais suficientes, pero o tema de xénero non se mira,se ninguen o denuncia, pasan.

Fórmulas esquivas
P: E as medidas que hai cúmprense?

R: Nos sindicatos fanse trampas para saltarse as propias normas. Hai moitísimas formas para escaquear a presenza obrigatoria das mulleres e as buscan conscientemente.

P: Que tipo de trampas?

R: Trampiñas hai moitas. Unha moi habitual é que se formen as listas con homes e mulleres, para cumprir co marcado, pero unha vez resulta elixida a candidatura a muller dimite e é sustituida por un home, porque non hai obriga de que sexa unha muller a que colla ese posto.

P: As mulleres colaboran nisto?

R: Hai moitas mulleres que aceptan ir nas listas coa idea de dimitir porque non se queren presentar e só van para completalas e que cumpran coa norma. Incluso secretarias de muller dalgunha federación aceptaron ir en candidaturas que non cumprían os requisitos. Pero é que o sindicalismo é unha actividade militante, necesita moita dedicación e as mulleres temos un problema de tempo, porque traballamos fóra e nos facemos cargo do traballo doméstico. Pero non se pode culpabilizar ás mulleres, non teñen a culpa de pensar que elas son mellores nais, que coidan mellor ás persoas dependentes, que son as que mellor fan os labores. É que a elas sempre lles inculcaron iso, métencho a fogo dende que es pequeniña. Repiten patróns aprendidos.

Sexismo inconsciente
P: Que outras pedras se poñen no camiño?

R: A falta de renovación nas cúpulas dos sindicatos é outro problema. Ti colles calquera central e vas vendo que está a mesma xente no sindicato durante anos, aínda que rote en diferentes postos. É como se adquiriran un estatus con carácter permanente e iso se convertira nunha forma de vida. Que non haxa renovación é malo porque a xente nova que vén detrás non pode entrar, pero no caso das mulleres é moito peor porque somos as últimas en incorporarnos. O gran problema é que para que unha muller acceda a un posto de responsabilidade, tenllo que ceder un home. Aquí aplica a frase de Groucho Marx: ‘señora, le cedería mi sillón si no fuera porque estoy sentado en él’. E os sillóns xa están ocupados.

P: Entón os sindicatos son machistas?

R: Eu sempre digo que non hai machismo, o que hai é un sexismo inconsciente, porque non é que intente excluirse ás mulleres de forma consciente, o que pasa é que como nunca estivemos, non pasa nada se non estamos, e ademais hai toda unha suma de factores que producen a exclusión ou polo menos dificultan a inserción das mulleres na organización. O sindicato é un reflexo da sociedade, e esta está masculinizada.

P: Que cambiaría se houbese unha maior presenza das mulleres nas organizacións sindicais?

R: As nosas perspectivas, as nosas formas de entender a vida, de afrontar os problemas... todo é diferente. Os homes teñen a súa e a trasladan á vida cotiá e tamén ao sindicato. Nos temos a nosa. Para que realmente se consiga a igualdade teñen que estar representados os dous xéneros, iso cambiaría a visión e a perspectiva de toda a sociedade. Hai que entender que as mulleres non somos un colectivo, como pretenden reducirnos, somos máis da metade da sociedade e o noso modo de ver as cousas, os nosos valores distintos tamén teñen que estar representados na negociación sindical e nos postos de responsabilidade.

Comentarios