Pontevedra converterase na capital do columnismo feminino en España

As xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela organizan un congreso no que participarán trece articulistas

Rosa Montero
photo_camera Rosa Montero

A escritora e xornalista Rosa Montero (Premio Nacional de las Letras 2017), a directora de Público, Ana Pardo de Vera, e a xornalista, directora do programa de sexo Contigo dentro e colaboradora de El País, Celia Blanco, serán tres das protagonistas do congreso Mulleres que opinan, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra os días 2 e 3 de marzo. A cidade aspira a converterse con esta iniciativa na capital do columnismo feminino en España durante dúas xornadas.

As xornalistas Susana Pedreira (Onda Cero) e Diana López Varela (autora do ensaio No es país para coños, actualmente guionista en Land Rober Tunai Show e colaboradora de Diario de Pontevedra) están detrás desta proposta que apoian o Concello e a Deputación, "dende o minuto cero", explica Pedreira.

A xornalista conta como o detonante para a organización deste congreso foi a indignación que espertou nas redes sociais a celebración da segunda edición do encontro Capital del Columnismo, a finais do ano pasado en León, cun primeiro cartel composto só por homes. "A nosa reacción é esta, a oposta, propoñer un foro na que todas sexamos mulleres".

Rosa Montero, Ana Pardo de Vera e Celia Blanco serán algunhas das protagonistas do evento, que terá lugar en marzo

Tanto Pedreira como López Varela coincidiron naquel momento en que o enfado que espertara o congreso de León debería traspasar as redes sociais. "Así que intentamos ver que pasaba se probabamos a ofrecer unha resposta real dende Pontevedra. Sondeamos a algunhas mulleres da profesión e dixéronnos que o apoiarían e participarían. Cando puxen un post en Facebook sobre o asunto e a concelleira Carme Fouces nos dixo que contabamos con todo o seu apoio, viñémonos arriba e sacámolo adiante".

GALICIA. Trece columnistas participarán finalmente neste encontro en Pontevedra. Entre elas haberá varias xornalistas galegas. Polo momento, a falta de presentar a programación final do evento, avánzanse tres nomes: a redactora xefe de Diario de Pontevedra, María Varela (Premio Francisco Fernández del Riego de columnismo en lingua galega 2017), Diana López Varela e Fernanda Tabarés (La Voz de Galicia).

"O noso obxectivo era que toda a indignación que este tipo de cousas xenera desta vez non quedase reducido a ruído nas redes sociais, que se dése un paso máis e se sacase adiante unha iniciativa", comenta Pedreira. "Porque está moi claro que non necesitamos que se nos dea voz ás mulleres xornalistas e columnistas, voz xa a temos, o que nos falta é proxectala neste tipo de espazos nos que sempre se nos deixa á marxe".

En resposta ao congreso Capital del Columnismo
A idea para o evento en Pontevedra xurdíu a raíz da polémica que desatou nas redes sociais a celebración do congreso Capital del Columnismo, en outubro do ano pasado, en León. Nel só figuraban homes articulistas ata que a controversia levou a organización a incluír finalmente mulleres. Foron cinco (Lucía Méndez, Karmentxu Marín, Edurne Uriarte, Cristina de la Hoz e Karina Sainz Borgo) fronte a 20 protagonistas masculinos (entre eles, Manuel Vicent, Jorge Bustos, Antonio Lucas, Rafa Latorre, Raúl del Pozo, Sergio del Molino e Juan Soto Ivars). Susana Pedreira e Diana López Varela sumáronse, tamén nas redes, á resposta que se deu en forma de hagstag, #haymujerescolumnistas. Ese foi o xerme do congreso pontevedrés.
 

 

Comentarios