miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

''Pontevedra tuvo una mancebía de propiedad municipal en el siglo XVI''

Ofelia Rey, este xoves, na Semana Galega de Filosofía.
Ofelia Rey, este xoves, na Semana Galega de Filosofía.
A catedrática Ofelia Rey falou o xoves na Semana de Filosofía da historia das mulleres en Galicia na época moderna

Sobre unha moral útil ou como adaptar a decencia á realidade versou a charla de Ofelia Rey onte na Semana de Filosofía. A norma que imperaba na Galicia dos séculos XVI, XVII e XVIII axustábase a un mundo rural, no que unha ampla porcentaxe da poboación masculina estaba emigrada e as mulleres tiñan problemas para atopar con quen casar.

Explicouno onte a catedrática de Historia Moderna na Universidade de Santiago, Ofelia Rey, que participou na Semana Galega de Filosofía cunha ponencia sobre a historia das mulleres na época moderna. Os matromonios, as mulleres solteiras, os fillos ilexítimos ou a prostitución estaban á orde do día durante aqueles anos, e incluso existiron mancebías de titulariedade pública, controladas polas autoridades municipais. Estes clubs de alterne do século XVI pagaban tributos e pasaban controis sanitarios por mor da temida sífile. ''Está rexistrada a existencia dunha mancebía na cidade de Pontevedra durante todo o século XVI'', explicou a historiadora.

''Lope de Vega e Calderón de la Barca coñecían ás galegas que emigraran a Madrid, con traballos precarios e sen apoio familiar, que a miúdo acababan adicándose á prostitución''

Mais alén dos tópicos asentados na literatura barroca castelá, que amosaba ás mulleres galegas como mozas promiscuas e con dubidosa moralidade, Rey defendeu o contrario. ''Lope de Vega e Calderón de la Barca coñecían ás galegas que emigraran a Madrid, con traballos precarios e sen apoio familiar, que a miúdo acababan adicándose á prostitución, pero esa non era a realidade galega'', explicaba. Deste xeito, nin as galegas transgredían, nin a norma era tan estrita. De feito, está probado que un dos inquisidores de Santiago de Compostela vivía amancebado cunha moza de 14 anos que logo substituíu por unha novicia. ''É dicir, que os encargados de preservar a moralidade eran os primeiros en incumprila'', sinalou a investigadora. A proba de que as normas morais eran bastante laxas era a reiterativa publicación de anuncios e recomendacións por parte do clero, nas que pedían que non se mesturasen mozos e mozas nas fiadas, nas feiras ou nas muiñadas. ''Se tanto repetían estas recomendacións sería porque a xente non facía moito caso'', dixo.

Deste xeito, a emigración masculina deu lugar a certo desequilibrio demográfico, de xeito que había unha ampla porcentaxe de mulleres solteiras que non eran castigadas por teren fillos fóra do matrimonio. ''Entendíase que podían ter fillos para que coidasen delas cando fosen anciás e, ao mesmo tempo, para legarlles a súa herdanza'', contou. Por iso existía a coñecida como ‘obriga de expontanearse’, é dicir, a responsabilidade dunha muller solteira embarazada de anunciar o seu estado en público. ''Contra o que poida parecer, esta non era unha medida para marxinalas, senón para garantir que non fosen insultadas nin maltradas por teren cometido o que consideraban un erro'', explicou a historiadora. Porén, as mozas tiñan que comprometerse a non volver ter ningún desliz e amosarse arrepentidas polo acontecido. Como consecuencia da falta de homes, o número de mulleres que adoptaban o celibato tamén era elevado.

''Entendíase que podían ter fillos para que coidasen delas cando fosen anciás e, ao mesmo tempo, para legarlles a súa herdanza''

A realidade demográfica provocaba que en Galicia se desen problemas para xestionar a sexualidade da poboación, posto que o número de mulleres e homes en idade activa a nivel sexual era moi desigual. ''O sistema matrimonial era pechado e selectivo, de xeito que había moitos matrimonios concertados para garantir o mantemento dos terreos, polo que o número de fillos ilexítimos tamén era elevado'', explicou Rey. A cantidade de nenos e nenas que nacían fóra do matrimonio era elevada e daba lugar á coñecida como emigración da vergoña, protagonizada por mozas do rural que ían parir á cidade para logo deixar alí aos seus fillos e volver á casa. Aínda así, a investigadora explicou que as nais solteiras non estaban excesivamente estigmatizadas, de xeito que ''estes pequenos recibían apadriñamento sen problema''. Outro fenómeno que diferencia Galicia do resto da Península é a idade das mulleres á hora de casar, cuxa media se situaba arredor dos 26 anos.

Os galegos na corte de Madrid, como o Padre Feijoo ou Sarmiento, defenderon a honra das galegas, dando lugar a un novo tópico, o da galega traballadora. ''Ao mesmo tempo, Sarmiento defendía ás galegas do mesmo modoque acusaba ás portuguesas, que consideraba que eran mulleres promiscuas. Era algo do que se lle acusaba a todas as mulleres de fóra, porque adoitaban acabar adicándose á prostitución con máis facilidade'', contou.

''Pontevedra tuvo una mancebía de propiedad municipal en el siglo...
Comentarios