"Esta prenda é agarimosa e aos bebés proporciónalles moita calma"

Inés Rodríguez Rodríguez é unha artesá que fai mantas con fibras de leite
Inés Rodríguez, ante o tear e cunha manta feita con proteína de leite. PABLO MORQUECHO
photo_camera Inés Rodríguez, ante o tear e cunha manta feita con proteína de leite. PABLO MORQUECHO

Deixou o seu posto de funcionaria de Hacienda, con praza fixa, para atopar na caseína, a proteína do leite, un novo tipo de fibra co que facer mantas para bebés e que lle valeu o premio Nacional de Artesanía. Agora ten a súa propia empresa, RiR & Co, e pretende traballar con outro tipo de material: a fibra óptica.

Fai mantas de bebé con fibras feitas de proteína do leite. Como descubriu este material?
Entereime dun programa de recuperación de fibras, que se fixo no Museo de Historia de Canarias, e interesoume porque quería diferenciar o meu traballo como artesá con fibras sostibles. Descubrín a proteína do leite, a caseína, e atopei un provedor, noutro país europeo, que me podía vender este produto.

Non é posible atopar este material en España?
En España, isto non se produce porque a industria busca fibras máis rápidas. Pero probei con esa mostra de fibra feita con residuos de proteína láctea non apta para o consumo e empecei a traballar con ela, demostrando que a artesanía tamén pode chegar ao sector da innovación.

 

Só fai mantas de bebé con este material, que tece no tear?
Polo de agora, si. Gustaríame facer algunha prenda para persoas maiores con peles delicadas. Tamén fixen unha manta para unha persoa con alzhéimer porque o olor do leite calmábaa, traíalle lembranzas positivas.

Que particularidade ten esta fibra en comparación con calquera outra doutro tipo?
O que está comprobado é que aos bebés proporciónalles calma porque é moi suave e agarimosa. Non é o tacto do punto. É como unha manta de sofá.

Unha das súas características é que é biodegradable en só seis semanas polo que non contamina como residuo...
Si, iso demostrouse nunha tese que se fixo na USC sobre materiais téxtiles sostibles.

"Era funcionaria de Hacienda e aínda estou en excedencia, pero non creo que volva (...) Un pequeno accidente de tráfico fíxome reformularme a vida e pensei en desfrutar dos meus fillos e retomar a creatividade"

Tamén tingue as mantas con produtos naturais como cenorias, amoras ou cebolas.
Só as tingo polo borde, con raíces e follas de distintas plantas. Por exemplo, utilizo casca de cebola (que lle dá unha cor amarela), amoras, fentos, casca de granada e tamén cochinilla.

Recibiu o premio Nacional de Artesanía con este proxecto das mantas, que lle chamou D-Leite. Como chegou ata aí?
Eu era funcionaria de Hacienda e aínda estou en excedencia, pero non creo que volva. E deixei ese traballo porque sempre me gustou a arte e a artesanía. Un pequeno accidente de tráfico fíxome reformularme a vida e pensei en desfrutar dos meus fillos e retomar a creatividade. Empecei facendo deseño téxtil e prendas, con colaboracións para a Madrid Fashion Week e cociñeiros como Pepe Solla e agora teño o meu obradoiro. Disto hai xa dez anos e podo dicir que agora xa cumprín o meu soño de dedicarme ao mundo da creación.

Este é o único material diferente que utilizou nas súas prendas?
Agora estou nun proxecto de deseño de produtos co centro de FP Texti Donibane, de Navarra, que investiga en tecidos de fibra óptica, co que fixen tapices e lámpadas. Tamén estou nunha residencia artística do Cica na Coruña, onde traballo con nanomateriais para unha peza que será exposta en Santiago.

Comentarios