Queremos Galego cita a la ciudadanía el 17 de mayo en Santiago

A plataforma Queremos Galego convocou a mobilización que terá lugar en Santiago o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, que agardan que sexa "histórica" na defensa do idioma galego e fronte un Goberno que "por primeira vez na historia da autonomía anda a patadas" contra el.

Así o expresou o portavoz do colectivo, Carlos Callón, nunha rolda de prensa na que vencellou o desenvolvemento das potencialidades económicas de Galicia á defensa da súa lingua. "Quen cre nas potencialidades da nosa cultura e do noso idioma cre tamén nas potencialidades do desenvolvemento económico como sociedade", asegurou.

Ao respecto, criticou fondamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que tachou de "inimigo número un da lingua e da cultura galega", e do que dixo que "non cre no país, nin a nivel económico, nin lingüístico, nin cultural".

Neste sentido, Callón asegurou que Cataluña e Euskadi levaron a cabo en 30 anos de autonomía un sólido proceso de defensa da súa lingua que se viu correspondido cun fortalecemento económico de ambas comunidades.

"Malgasto" de diñeiro en defender o decreto

Xa que logo, pediulle ao presidente da Xunta que "deixase de malgastar diñeiro público en atacar a lingua" e referiuse así ao millón de euros que vai empregar en defensa do "decretazo do galego".

Con respecto á mobilización do día 17, Callón pronosticou que sería "histórica de novo" e que superaría o poder de convocatoria das realizadas ata agora en defensa do galego. Engadiu que máis de 700 entidades "unidas baixo a bandeira común da defensa da nosa lingua" se opoñen "a un Goberno que anda a patadas co noso idioma".

Ademais, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística recalcou que existe unha "unidade social nestas convocatorias; está todo o mundo excepto o Partido Popular".

A manifestación do 17 de maio partirá ás 12 da mañá da Alameda compostelá e concluirá na Praza do Obradoiro. De momento, os organizadores xa contrataron autobuses que sairán de diferentes puntos de Galicia para trasladar aos participantes ata Santiago.

Comentarios