Queremos Galego: ''El gallego es la única lengua prohibida en el Estado''

O colectivo 'Queremos Galego' fai un chamamento contra "a prohibición do galego no ensino". A plataforma, que agrupa a 700 entidades, denuncia por boca do seu voceiro, Carlos Callón, que o galego "é a única lingua prohibida no estado español na docencia" e critica que este veto "sexa vendido como liberdade lingüística".

Nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela na mañá deste martes, 'Queremos Galego' animou a todo o profesorado a dar aulas en galego porque "se deben impartir no noso idioma" e envioulle unha mensaxe de apoio a todas as familias "que queren que os seus fillos e fillas se eduquen en galego".

Carlos Callón calificou de "dolorosa" a situación do idioma no ensino e acusou ao executivo galego de levar a cabo medidas "de desmantelamento da nosa lingua" nos distintos eidos, entre eles a administración e os medios de comunicación. Remitíndose ao peche da Nosa Terra e Vieiros, o presidente de 'Queremos galego' afirmou que "os medios de comunicación galegos están a sufrir un momento de asfixia e destrucción".

O colectivo fala de "manipulación" da información por parte da Xunta "tanto dun xeito directo coma mediante os medios de comunicación públicos" ao difundiren que o decreto ten "o visto e prace das institucións europeas" cando, segundo 'Queremos Galego', "non houbo ningún apoio ao decreto salvo no caso dunha eurodeputada do PP".

Ensino

Así mesmo, resaltaron que "a realidade dista moito 50% das aulas en galego", aludindo ao tanto por cento recollido pola Lei de Normalización Lingüística para o fomento do galego nos centros educativos e criticaron que o novo decreto se presente como "o decreto do equilibrio" cando marca un precedente no Estado español pola "prohibición de libros de texto e material auxiliar nunha lingua oficial".

O Presidente da CIG Ensino, Anxo Louzao, profundizou na porcentaxe e manifestou que "nin un 25% das materias se vehiculizan en galego nos centros públicos", e no caso dos colexios concertados afirmou que "esa cifra non chega aos dous díxitos". Augurou que "a nosa lingua vai desaparecer de xeito vehicular do ensino infantil e progresivamente en todo".

Neste punto remarcan que "existe un desfase entre a oficialidade do galego no Estatuto e no decreto". "Non somos unha minoría segundo a Unesco como galegofalantes", declara Callón, "mesmo como minoría, temos dereitos". 'Queremos Galego' fixo fincapé en que o novo decreto "non se sostén dentro da legalidade galega e a do estado español". Neste apartado, anunciaron que o Tribunal Superior de Xustiza "actuará no caso de que se chegue a expedientar a un mestre que imparte a súa materia en galego".

Diglosia
A profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Margarita Ledo, afirmou no acto que "a medio prazo estas medidas van traer consecuencias negativas e incurrir nunha diferencia diglósica que se estaba a superar".

A cineasta e escritora, recalcou que "o galego non impide, é a lingua que nos identifica socialmente" e afirmou que as medidas levadas a cabo polo Executivo de Núñez Feijoo buscan "a desaparición da sociedade galega". Ao mesmo tempo, mostrou o seu apoio a todo o profesorado que decida dar aulas en galego porque "teñen dereito a dar matemáticas en galego, e deben sabelo".

Comentarios