sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

A represión franquista, con nome de muller

Asunción Vilas 'A Vidala', primeira pola esquerda, abaixo
Asunción Vilas 'A Vidala', primeira pola esquerda, abaixo
O Teatro Principal acolle este venres unha homenaxe a un cento de represaliadas

Dentro do programa municipal ‘A memoria das mulleres’, o Concello de Pontevedra levará a cabo este venres unha homenaxe ás mulleres que sufriron a represión franquista. Será ás 20.30 horas no Teatro Principal.

Na homenaxe lembraranse os nomes de case un cento de mulleres que foron vítimas de todos os tipos de represión. Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro foron asasinadas; Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría, Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas ‘A Vidala’ ou Encarnación Silva foron rapadas, e Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas estiveron presas.

Tamén se recordará a aquelas mulleres que sufriron castigos económicos e laborais, como as mestras Peregrina Martínez Santos, Nieves Adrio Sobrido, Pilar Poza Juncal, as irmáns Esclavitud e Serafina Dios (tamén encarceradas), Ernestina Otero, ou as traballadoras do concello Aurora Garrida e Delia Gendra. O exilio foi castigo para Virxinia Pereira, Mercedes Magdalena ou Isabel Gómez Costas e houbo outras que agocharon perseguidos, que lles levaron alimento e amor aos agochos e aos cárceres, como foi o caso de Rosa e Oliva Fariña, Eulalia Carro, Maruja Álvarez, ou as irmás Aurora, Nicereta e María Martínez Fernández (As Corseteiras), que tamén foron encarceradas.

No acto tamén se dará protagonismo ás mulleres que sobreviviron ao asasinato e á prisión dos seus familiares: as nais, fillas, irmás e esposas que tiveron que convivir coa dor sen dereito ás bágoas, sen dereito ao dó, porque mesmo estaba prohibido chorar os seus, poñerlles unha lápida ou levar loito. Elas tiveron que sacar adiante as familias e sufrir o silencio e a inxustiza do esquecemento durante décadas.

Aínda que a homenaxe será para un cento de mulleres, a listaxe de nomes é interminable, polo que o programa municipal quere seguir traballando na recuperación da cada historia, de cada nome.

A represión franquista, con nome de muller
Comentarios