Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Rodrigo Cuevas: "Son un pequeno axitador"

Rodrigo Cuevas pasea por Barbeira de Arriba con su burrita Sofi
Rodrigo Cuevas pasea por Barbeira de Arriba con su burrita Sofi
Este asturiano, "sex symbol da copla" afincado na Lama, convértese nun artista de culto co seu tema ‘Ritmo de Verdiciu’ ► O músico, que acaba de publicar o seu segundo disco, actúa a fin de semana en Vigo

Como "axitador folclórico e sex symbol da copla" se define Rodrigo Cuevas (Oviedo, 1985). Inventor dun xénero que mestura a música tradicional, a música electrónica e o cabaret, que el bautiza como ‘electro-cuplé’, esta semana publica o seu segundo disco, ‘Prince of Verdiciu’ (á venda nas plataformas dixitais Google Play e Amazon). Nel inclúe un tema, xa de culto, que o converteu nunha estrela en Asturias, ‘Ritmo de Verdiciu’, unha canción tradicional que versiona coa base electrónica do éxito dos 90 ‘Ritmo de la noche’. Leva ducias de miles de visitas en Internet.

Unha das fotografías que ilustran ese álbum é a dunha burriña. Chámase Sofi e vive con Cuevas na súa casa de Barbeira de Arriba, na Lama, onde o artista está afincado dende hai sete anos. "Quedei a vivir en Galicia no verán de 2008. Á Lama víñenme en novembro de 2009. Antes vivín en Santiago e despois tamén no Trebello, en Cotobade. E agora estou aquí".

"Para min non ten sentido coñecer todos os toques de pandeireta tradicional e vivir rodeado de mobles de Ikea"

Este rapaz, que di ter como referentes a Lina Morgan, Sara Montiel, Martes y Trece, Freddie Mercury e Tino Casal, entre outros, acabou en Galicia despois dunha temporada en Barcelona, a onde foi parar estudando piano clásico, primeiro no Conservatorio de Oviedo e despois na Escola Superior de Música de Cataluña. "Eu xa viñera antes a pasar o verán tocando pola rúa en Santiago, en Vigo e en Pontevedra, pero cando volvín en 2008, a miña vida en Barcelona esborrallábase. Fora desaloxada a casa okupa na que vivía, desfixérase o grupo no que tocaba, acababa de deixar os estudos... Estando xa aquí pensei que para que ía volver. E quedei".

CIDADES DE PASO. Primeiro quedou a vivir en Compostela, pero di que atopou un ambiente que lle lembraba ao de Barcelona en certo sentido e que non lle gustaba. "Cansei desas cidades de xente de paso. Quixen ir vivir a un sitio onde as persoas naceran e morreran na mesma casa, apegadas á terrra. Gustáme esa idea de vincular o que fago co sitio onde estou", explica. "Tiña un amigo que vivía aquí. Coñecín a zona. De momento, esta é a miña casa". Para el, o lugar no que vive e a forma de facelo é importante. "A tradición é algo a reivindicar nun mundo no que todos vestimos roupa de Inditex. Para min non ten sentido saber todos os toques de pandeireta tradicionais ao tempo que se vive rodeado de mobles de Ikea. Non só hai que vestirse para o espectáculo, hai que reivindicar a tradición dun xeito global. Igual que os roqueiros van pola rúa cunha ‘chupa’ de cuero, pase o que pase, e están orgullosos de facelo".

No lugar de Barbeira de Arriba, Rodrigo Cuevas vive integrado no rural. "Gústame a xente maior, que coñeceu un tempo antigo. En Asturias, por exemplo, quizais pola minería, a industrialización está moito máis presente. Hai sitios coma este, pero moito máis afastados das cidades. Aquí estás a media hora de Pontevedra. A xente maior de aquí, ao escoitala falar, parece que viviu na Idade Media: sen estradas, sen electricidade... É incrible". Cuevas adora a xente e o espazo no que vive. "Nunca atopei un sitio no que me trataran tan ben. Dende o primeiro momento foi así. Abríronme as portas de par en par".

"En Asturias, a xente do folclore e da tradición pártese de risa nos meus espectáculos. En Galicia nin me veñen ver" 


Iso os veciños da Lama. E en xeral en Galicia. Non así nalgún ambente concreto do mundo da música tradicional, que criticou duramente o seu primeiro traballo, ‘Yo soy la maga’ (2012), onde versionaba á súa maneira temas galegos. "Chegaron a dicirme cousas bastante feas a través do WhatsApp", conta. "Nin presentei o disco en directo. De feito, o sitio do norte onde menos toco é aquí en Galicia. Vou un montón a Asturias, a Cantabria, ao País Vasco, a León, a Salamanca, mesmo a Madrid". Pero aquí non acadou repercusión. E iso que co seu éxito ‘Ritmo de Verdiciu’ actuou ata en Luar (TVG). A falta de oportunidades laborais en Galicia levouno a barallar, por primeira vez, a idea de marchar. "Eu son moi feliz na Lama, pero que lle imos facer". O destes días, nos que actuou no festival Morrassssoundde Moaña (a pasada fin de semana) e na sala Ártika de Vigo (este venres e o sábado ás 22.00 horas e o domingo ás 21.00; 8 e 10 euros) di que é unha excepción. "Pero ademais é rarísimo que me veña ver alguén do mundo do folclore tradicional galego, sen embargo en Asturias pásame ao contrario. Incluso transgredindo moito máis as cancións asturianas, recíbenme moi ben, comparten os meus vídeos, pártense de risa nos concertos, bailan...". Temos menos sentido do humor que os asturianos? "Eu estou descubrindo que o asturiano sabe rir moito de si mesmo", contesta. "O galego ten moito sentido do humor, pero igual hai cousas nas que algúns non o teñen tanto". En todo caso, as críticas non o fan dubidar. El á música di non poder renunciar. "Xamais".

HUMOR. Rodrigo Cuevas chegou ao electro-cuplé despois de estudar piano clásico e tuba. Actuou en bandas de música e despois en fanfarrias. Achegouse á música balcánica e ao cabaret a través do acordeón, "o piano portátil que temos os pianistas". Finalmente interesouse pola música tradicional, "despois de ver un concerto da Orquesta de Percusión Ibérica Coetus". Di que unha cousa levou á outra e acabou mesturándoo todo e vernizándoo con moito humor. "O máis importante do meu espectáculo é o humor. A sexualidade igual a primeira vista semella a dun cabaret máis explícito, tipo The Hole, pero en realidade está tratada dende un punto de vista moi inocente. O meu personaxe é moi vulnerable. Tropeza con todo, cae. Vou como de diva, pero moi torpe".

"O meu personaxe, en realidade, é inocente e moi vulnerable. Vou como de diva, pero torpe"


Di que aborrece o panfletarismo, pero recoñece certa carga política no seu discurso. "Ríome da modernidade e do ridículos que somos", di. "Por exemplo, quito as gafas nun momento do espectáculo para darme conta de que vexo mellor sen elas. Ou búrlome da necesidade que tiñamos de estar na Unión Europea e da seguridade que iso agora nos proporciona porque antes bebiamos o leite da casa ou comiamos os ovos da casa. Viviamos nunha ruleta rusa", ri. "Son un pouquiño axitador nese sentido. Non estou hiperpolitizado porque non me gustan os dogmatismos, pero si revolver as conciencias e facelo dende un punto de vista folclórico".

Tamén despreza a televisión. "A televisión é un dos maiores problemas que temos nesta sociedade. Eu non teño dende hai dez anos". E é máis feliz? "Home, moito máis. A tele está realmente chea de lixo. Aí está esa moda de ser ‘borde’, maleducado, facer zascas... Non o entendo".

Cuevas, que recoñece influencias da copla, a música electrónica, o folk, a música balcánica, Bollywood e o dance, indica que a música tradicional e o cabaret son os piares que sustentan o seu show. "Digamos que a tradición me marcou no musical e o cabaret na actitude".

Rodrigo Cuevas: "Son un pequeno axitador"
Comentarios