Sara Vila faise co premio Comunicar en Igualdade por un artigo publicado en Diario

'O noso toque de queda' naceu como unha reacción ao crime de Laura Luelmo o pasado mes de decembro
Sara Vila. RAFA FARIÑA
photo_camera Sara Vila. RAFA FARIÑA

A redactora de Diario de Pontevedra Sara Vila acaba de gañar o segundo premio Comunicar en Igualdade 2019, concedido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e dotado con 3.000 euros, polo seu artigo O noso toque de queda, publicado neste xornal o 20 de decembro de 2018, no que expresaba a indefensión á que se expoñen as mulleres soas na rúa ante a consternación vivida polo asasinato machista de Laura Luelmo.

Vila explica que entón escribiu o artigo afectada pola "consternación" dun crime contra unha rapaza coa que se veía identificada.

"O artigo escribino nun momento no que había unha especial consternación social porque viña de ser asasinada Laura Luelmo, unha rapaza nova coa que podía identificarme. Para min era inevitable poñerme no seu lugar e pensar que podería ser eu ou calquera amiga miña. Naceu dese medo e das ganas de reivindicar que non temos que ser, ademais de guapas e perfectas, valentes, e aprender karate porque temos a obriga de defendernos. O foco debería poñerse nos agresores que fan que non vivamos seguras e que non podamos camiñar tranquilas pola rúa". 
 
Por outra parte, a redactora de Diario de Pontevedra valora o premio como unha iniciativa positiva para dar visibilidade a "este tipo de temas" e tamén para camiñar cara unha igualdade nas condicións laborais entre homes e mulleres no xornalismo.
 
"Comunicar en igualdade non é só publicar artigos de opinión escritos por mulleres e que este tipo de temas se traten nos medios de comunicación, senón tamén que as mulleres xornalistas teñan as mesmas condicións laborais que os seus compañeiros homes, teñan o mesmo tempo para opinar que os seus compañeiros homes, cobren o mesmo que os seus compañeiros homes. É dicir, que a igualdade ten que ver con que entren certo tipo de contidos nos medios de comunicación, pero tamén con que as mulleres poidamos comunicar en igualdade de condicións".

O xurado escolleu o texto As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións, elaborado polo grupo de traballo As Mulleres na Opinión, para distinguilo co primeiro premio, dotado con 6.000 euros. Por outra banda, o terceiro galardón, que conta coa dotación de 2.000 euros, foi para Montserrat Dopico, Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte.

Comentarios