O número de peregrinos aumentou no último ano

A segunda ruta a Compostela

O plan director do Camiño portugués constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico e con el avánzase no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia
O Camiño e Compostela posicionan e identifican a marca Galicia
photo_camera O Camiño e Compostela posicionan e identifican a marca Galicia

É UN DOS principais atractivos turísticos de Pontevedra, sinal de identidade galega e carta de presentación a nivel mundial. Coas súas múltiples variantes, o Camiño Portugués comenza en Lisboa, aínda que unha gran cantidade de persoas optan por facer o seu itinerario máis curto, partindo desde Tui e percorrendo os case 120 quilómetros que separan a vila limítrofe con Portugal e a capital galega.

Pontes, capelas rurais, santuarios, cruceiros, pazos e cidades históricas vanse esmiuzando ó longo dunha ruta que nace á beira do Miño, que serve de fronteira natural co país veciño.

A ruta portuguesa a Compostela consolidouse nos últimos anos como o segundo percorrido en afluencia de peregrinos. No 2015 foron case 45.000 as persoas que elixiron este trazado para facer a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela.

Así, o primeiro contacto que teñen coa provincia de Pontevedra moitos dos turistas estranxeiros que visitan a comunidade é a través da ruta lusa a Santiago. Procedentes de países como Estados Unidos, Xapón, México, Australia ou Corea do Sur en moitas ocasións a única referencia que teñen os turistas de Galicia é a Ruta Xacobea.

Grazas ao Camiño de Santiago, a comunidade autónoma mostra o seu patrimonio tanto natural como cultural, os seus diferentes costumes e tradicións e, por suposto, a súa tan venerada gastronomía. Todos eles son produtos que integra Galicia e que complementan a experiencia dos peregrinos durante o seu longo percorrido cara a Compostela. Sen dúbida, a Ruta Xacobea é o principal recurso turístico e cultural de Galicia, é o seu produto estrela, a súa marca diferencial e de calidade.

ACTUACIÓNS. Algunhas das actuacións incluídas no Plan Director do Camiño para o impulso e conservación do Camiño Portugués son as seguintes: Analizar o actual funcionamento da Mesa de Traballo do Camiño Portugués para elaborar propostas de mellora segundo as súas necesidades e identificar boas prácticas que poidan ser extrapoladas ás novas mesas de traballo que se crearán para outras rutas.

Por outra band, o Plan Director busca incoar o procedemento de delimitación desta ruta, así como continuar co proxecto Xacobeo Accesible tomando referencias coñecidas como poden ser os requisitos para a finalización dos estudos sobre a accesibilidade no Camiño Portugués.

Garantir a información e difusión desta ruta no novo Centro Internacional de Acollida de Carretas en Santiago e nos puntos identificados como máis relevantes como poden ser Tui, Pontevedra e Padrón é outra das actuacións a levar a cabo nesta ruta, así como valorar o establecemento de convenios de colaboración entre Turismo de Galicia e as Dióceses do Camiño de Santiago en Galicia.

PLAN DIRECTOR. Dado o espectacular crecemento no número de peregrinos que entran en Galicia polo Camiño Portugués, o impulso do fenómeno xacobeo que supera o ámbito nacional, Turismo de Galicia presentou o pasado ano o Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, que constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico da comunidade autónoma.

Internacionais Os turistas que veñen de fóra de Europa en moitas ocasións a única referencia que teñen de Galicia é a Ruta Xacobea

Plan Director O obxectivo é acadar no ano 2021 un Camiño de Santiago xestionado por todas as administracións e axentes implicados

Ano da Misericordia Debido á celebración do Xubileo Extraordinario da Misericordia a Porta Santa da Catedral abriu por vez primeira en ano non santo

Con este pioneiro plan avánzase no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, co horizonte do Ano Santo 2021.

O Plan supón unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, que están implicados no mesmo.

O Plan preséntase co firme obxectivo de protexer e preservar a Ruta Xacobea, en todas as vertentes existentes, para garantir a pervivencia da súa identidade e a posta en valor do seu patrimonio cultural e natural; responder ás necesidades do peregrino do século XXI, ofrecendo unha excelente hospitalidade na acollida e favorecendo que teña unha experiencia de calidade ao longo de toda a súa peregrinación; fomentar a cohesión social e o equilibrio territorial e continuar constituíndo a identidade universal de Galicia e de Europa.

RETOS. Con todo, o Plan Director afronta cinco retos fundamentais: o eixo de desenvolvemento local, sostible e responsable; a máxima garantía de protección e conservación do Camiño; a excelencia na experiencia do peregrino; a conciencia e posicionamento dos valores esenciais do Camiño; e o Camiño como fortalecedor da marca Galicia.

O obxectivo é acadar no ano 2021 un Camiño de Santiago xestionado integralmente por todas as administracións e axentes implicados; hospitalario, atendendo á multiculturalidade; sostible social, económica e medioambientalmente; protexido, conservado e posto en valor; que satisfaga as necesidades dos peregrinos e cumpra as súas expectativas; conectado globalmente e accesible; xerador de coñecemento e con difusión internacional e que posicione internacionalmente a marca Galicia.

Para lograr estes obxectivos o Plan Director do Camiño de Santiago establece catro eixos diferentes de desenvolvemento centrados na gobernanza, na xestión, no uso e na difusión, que recollen un total de oito liñas estratéxicas a seguir.

Estas liñas estratéxicas, que aglutinan un total de 26 plans de acción e máis de 80 iniciativas a impulsar ata o 2021, son:

-Coordinación e organización administrativa. Integra accións como o establecemento da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago na Xunta de Galicia ou a creación dun centro de documentación do Camiño.

-Preservación e conservación dos valores patrimoniais do Camiño de Santiago. Establécense accións tan importantes como a aprobación da delimitación das rutas que aínda non posúen dita delimitación ou a redacción dunha guía de protección do Camiño e criterios de rehabilitación e edificación na Ruta Xacobea.

-Conservación e mantemento. Integra diversas actuacións como a continuación do plan anual de limpeza, roce e mantemento ou a aprobación do decreto da sinalización do Camiño de Santiago.

-Camiño de Santiago medioambientalmente sostible. Establece actuacións como a creación dun plan de xestión de residuos para todo o Camiño ou a dotación de fontes de auga potable aproveitando os mananciais naturais.

-Fortalecemento de Santiago como meta da Ruta Xacobea. Intégranse iniciativas como a mellora das entradas do Camiño á cidadem, a optimización do Monte do Gozo ou a culminación da rehabilitación do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.

-Potenciación de todas as rutas de peregrinación a Compostela. Nesta liña recóllense accións como o desenvolvemento de anos por camiños ou o calendario anual de efemérides.

-Especialización e calidade de servizo. Procúrase, a través da redacción dunha normativa para albergues de peregrinos, a rehabilitación de inmobles para crear novos albergues ou o reforzo da coordinación existente entre corpos de seguridade, entre outras accións.

-Comunicación e divulgación da ruta. As accións máis destacadas son a produción de contidos para conseguir dar a coñecer o Camiño no sistema educativo ou o impulso ao ‘Smart Camino’, entre outras.

Na realización do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago procurouse a máxima participación dos axentes e sectores implicados. Para a súa elaboración foron consultadas un total de 170 organizacións e 220 persoas, representantes de diferentes Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros. O Plan contempla un investimento de máis de 56 millóns de euros para poñer en marcha todas estas medidas, uns 23 euros por peregrino.

Comentarios