Segunda vida para 'A estación violenta'

Compostela acolle o inicio da rodaxe da película de Anxos Fazáns baseada na novela de Manuel Jabois ►O filme, protagonizado por Alberto Rolán, Nerea Barros e Xosé Barato, tamén inclúe localizacións en O Grove, Sanxenxo e Pontevedra
Alberto Rolán e Nerea Barros durante a rodaxe en Compostela
photo_camera Alberto Rolán e Nerea Barros durante a rodaxe en Compostela

Santiago de Compostela acolle esta semana o inicio da rodaxe da nova película da produtora pontevedresa Matriuska, A estación violenta. Baseado na novela homónima de Manuel Jabois, o filme está dirixido pola cineasta pontevedresa Anxos Fazáns (Fame), que debuta con este traballo na longametraxe. Os seus protagonistas son Alberto Rolán, Nerea Barros (Goya á actriz revelación en 2014) e Xosé Barato. Completan o reparto Antonio Durán 'Morris', Laura LaMontagne e Xiana Arias.

Tras pasar por Compostela, a rodaxe da película, que conta con guión de Anxos Fazáns, Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz, pasará por O Grove, Sanxenxo e Pontevedra, a onde chegará ao longo da última semana do mes de maio. "Levamos tres días de rodaxe e, a verdade, é que o equipo está funcionando moi ben", explica a directora, que precisa que só o tempo variable destes días se está a converter nun pequeno quebradeiro de cabeza. "Tamén rodar en Compostela supón un reto porque é unha cidade con moita vida e nós metémonos en pleno centro histórico. Pero diso se trata tamén, de correr riscos sempre".

Anxos Fazáns, directora: "Engancheime dende o primeiro momento a esta historia, marcada pola sutilidade e o silencio, e á idea de levala ao cine" 


A realizadora, autora de curtametraxes (a última delas, Area, tamén producida por Matriuska e tamén protagonizada por Nerea Barros, estrearase no Festival de Cans), webseries e videoclips, debuta na longametraxe con A estación violenta. "En realidade, cando levas tanto tempo traballando no audiovisual, encaras o proxecto como un máis, só que máis longo. Simplemente sabes que é unha historia á que lle vas adicar máis tempo", conta. "Ao principio asusta un pouco, pero en canto empezas a traballar, esquéceste diso e pasas a concentrarte na película". Segundo di, agora mesmo xa ten ganas de contar co material gravado e poñerse a montar. "O meu único obxectivo é dalo todo en cada momento".

Fazáns conta que lle gustou a historia de A estación violenta dende o principio. "Enganchoume dende o primeiro momento. Gustábame moito a idea de levar ao cine un relato como este, marcado pola sutilidade e polo silencio". Ao mesmo tempo, marca distancias. "A novela é a novela e a película é a película. O texto orixinal funcionou como un punto de apoio, máis nada".

Daniel Froiz, produtor: "Anxos Fazáns era a persoa que tiña que sacar adiante este proxecto. En Matriuska gústanos o cine de autor e o novo talento" 

MATRIUSKA. Insiste na independencia do filme sobre o texto, o produtor de Matriuska, Daniel Froiz, máximo responsable de que a novela de Jabois se leve á gran pantalla, un proxecto que naceu dun empeño persoal. "Á fin e ao cabo niso consiste producir cine, en ter ideas para facer películas e procurar que saian adiante para que se acaben estreando no cine", explica. "Neste caso, é un proxecto especial porque coñecín o texto de preto dende o principio. Agora, hai que dicir que a película se distanciou da novela, que esta é unha adaptación libre, moi relacionada co cine de autor que tanto nos gusta".

Froiz asegura que Anxos Fazáns é a persoa ideal para dirixir o título. "O proxecto estivo en desenvolvemento moito tempo e sen director, pero dende que demos con Anxos, que xa formou parte do equipo da nosa anterior longametraxe, Las altas presiones, tivemos clarísimo que era a persoa que tiña que sacar adiante este proxecto". Para Froiz, a súa xuventude (naceu en 1992) é unha vantaxe. "En Matriuska estamos cada vez máis cómodos apostando polo novo talento".

Manuel Jabois, autor da novela: "Non é só que sexa unha nova vida para a historia, é que estou convencido de que será unha vida mellor"

A mocidade da autora e que este sexa o seu debut na longametraxe son tamén puntos a favor para o autor da novela orixinal, Manuel Jabois. "Era unha elección case obrigatoria a dunha directora nova e debutante como Anxos Fazáns para a adaptación dunha novela iniciática", explica o escritor e xornalista, que está convencido de que a versión cinematográfica collerá a súa historia, "de primeiras veces, de primeiros amores, de primeiras amizades e de primeiras decepcións", e lle ofrecerá unha segunda oportunidade. "Non é só que a película sexa unha nova vida para a historia, é que estou convencido de que será unha vida mellor".

Jabois, que coñeceu de primeira man os pasos que foi dando a película de Matriuska, di que lle parece "un proxecto moi interesante, que vai máis alá da historia escrita, que superou o relato estrito para retratar a atmósfera que rodeaba a aqueles personaxes".

A estación violenta será a primeira adaptación ao cine dun libro de Manuel Jabois. "Espértame moita curiosidade".


Comentarios