Sogama celebrará o Día do Medio Ambiente en Pontevedra

O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, moderará unha xornada de mesas redondas o próximo 3 de xuño

Sogama celebrará o próximo 3 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente na sede da Fundación Abanca de Pontevedra. Baixo o título Galicia, na senda da economía circular, a empresa pública propúxose profundar en todos os aspectos vinculados a este concepto, definido como a produción de bens e servizos cun menor gasto de materias primas, enerxía e auga, estando estreitamente interrelacionado co desenvolvemento sostible.

A economía circular eríxese, segundo indica Sogama, na intersección dos aspectos ambientais e económicos e novo paradigma para a sociedade, pretendendo que o residuo se converta en recurso. O criterio Multi-R que propón a empresa pública aposta por repensar,  redeseñar, refabricar, reparar, redistribuir, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar.

O evento, que será inaugurado pola Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, estará presentado e moderado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez. Avanzaranse as liñas de futuro para a recuperación dos refugallos mediante a reciclaxe, a compostaxe e a valorización enerxética da parte non reciclable, conforme ao establecido no Paquete europeo de Economía Circular, así como no Plan Estatal Marco de Residuos (Pemar) 2016-2022.

O director da Fundación Finnova, Juan Manuel Revuelta, farase eco dos instrumentos de financiamento comunitario enmarcados na xestión sostible dos residuos urbanos, encargándose Margarita Ruiz Saiz-Aja, subdirectora xeral de residuos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, de abordar os pormenores do Pemar 2016-2022, aprobado en Consello de Ministros en novembro.

Pola súa banda, Verónica Tellado, subdirectora xeral de residuos da Xunta de Galicia, falará do presente e futuro da xestión dos residuos urbanos na nosa comunidade, conforme ao plan autonómico 2010-2020, describindo as súas liñas de actuación, obxectivos, medios e retos. Rafael Guinea Mairlot, presidente de Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos) será o encargado de analizar a situación da valorización enerxética dos residuos non reciclables a nivel nacional e europeo, especificando as súas potencialidades e beneficios, tanto desde a dimensión medioambiental como económica e social.

Xa na sesión de tarde, Oihan Sagastuy Arbide, responsable do departamento técnico de GHK (Consorcio de Residuos de Guipúzkoa), exporá a experiencia desta área xeográfica na materia, dando a coñecer o papel que, neste sentido, veu desempeñando a compostaxe. Isidro García Téllez, director xeral de Sogama, desgranará o proceso de ampliación da infraestrutura industrial desta empresa pública, que fará posible que esta se converta nun referente mundial para o sector.

A secuencia de relatorios concluirá coa intervención de Benito Blanco, xerente de proxectos de residuos en Applus +, que profundará nos retos da xestión dos residuos no ámbito municipal.

Todas as conferencias irán seguidas por unha quenda de preguntas na que os asistentes poderán formular as súas dúbidas e expresar os seus comentarios e observacións en aras dunha maior transparencia. Ás 19.00 horas, Javier Domínguez procederá á clausura do evento, dando traslado ao público das principais conclusións do mesmo.

Para formalizar a inscrición na xornada, os interesados deben cumprimentar un formulario específico ao que poderán acceder a través da páxina web www.sogama.es, onde figura igualmente o programa do evento.

Comentarios