Sogama organiza unha xornada dos sistemas integrados de xestión de residuos

A Sociedade Galega de Medio Ambiente firmou un convenio coa Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e a Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, que dirixe Mercedes Montes, organizaron unha xornada sobre medio ambiente no marco dun convenio firmado o pasado mes de maio. Baixo o título A contribución dos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos (SIG) ao Emprego Verde, a cita celebrouse o pasado 18 de novembro no salón de actos da Escola.

Dadas as oportunidades que ofrece o sector medioambiental para a creación de postos de traballo, especialmente no eido da recollida e o tratamento de residuos, o encontro, que tomou a forma de mesa redonda, indagou nas achegas dos SIG ao emprego. A cita contou coa presenza do xefe de Relacións Institucionais de Ecoembes, Juan Ramón Meléndez, o director comercial e de Comunicación de Recyclia, Julio Lema, e o xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández, asumindo o Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, a presentación e moderación do mesmo.

Ademais do seu labor na protección e mellora do medio ambiente, os Sistemas Integrados de Xestión de Residuos chegaron a constituír unha importante fonte de emprego. Ecoembes, organización sen ánimo de lucro, cuxa tarefa se orienta a dar unha segunda oportunidade aos envases de plástico, as latas e os bricks que se depositan polos cidadáns no contedor amarelo, así como aos envases de cartón que acaban no contedor azul, chegou a crear un 42.600 empregos, 9.400 deles directos, ata configurar un tecido industrial altamente especializado.

Pola súa banda, Recyclia, a  maior plataforma de recollida selectiva e xestión de residuos eléctricos e electrónicos no noso país, así como de pilas usadas, cimenta a súa actividade na experiencia e o coñecemento acumulados polas catro Fundacións Medioambientais que agrupa, isto é, Ecopilas, Ecofimática, Ecoasimelec e Tragamóvil (SIG's de RAEE e Pilas).

Tendo en conta o alto nivel de consumo dos equipos e os materiais aos que dan tratamento as catro fundacións, así como o auxe das novas tecnoloxías, resulta evidente concluír que se trata dun sector cunha importante contribución ao emprego medioambiental. Ecovidrio, configurada tamén como unha asociación sen ánimo de lucro, encárgase da xestión do reciclado dos residuos de envases de vidro que se introducen nos iglús verdes.  A súa actividade dá traballo a máis de 8.000 persoas en España, tanto de forma directa como indirecta.

Comentarios