Tacho González: ''Me propuse adelgazar el pasado enero y ya perdí cuarenta kilos''

Hai agora un ano que un dos actores máis queridos en Galicia plantou cara ao sobrepeso. O seu é, sen dúbida, un exemplo a seguir.

P ¡Quen o viu e quen o ve!
R Si... Perdín 40 quilos, pero no Nadal deime algunha pequena homenaxe (risas). Eu empecei coa dieta en xaneiro do ano pasado.

P ¿Que o levou tras tantos anos con sobrepeso a adelgazar?
R Os problemas de saúde empezaban a manifestarse. Con 52 anos e con ese sobrepeso que tiña, e que aínda teño porque non estou no peso óptimo, os síntomas estaban aí e impúxose o sentidiño.

 

P ¿Canto pesaba?
R Unha burrada; dáme tanta vergoña que prefiro non dicilo.

 

P ¿E que tipo de dieta seguiu?
R Máis que unha dieta, son unhas pautas e unha disciplina. O fundamental é facer cinco ou seis comidas ao día e non saltalas, e reducir graxas, claro. Pero hai que comer de todo; eu agora ata como pan, cousa que antes non facía.

 

P ¿Contou coa axuda dalgún especialista?
R Si, coa dun médico amigo meu do Grove, Xurxo Filgueira, que obrou o milagre. Comprometinme con el a disciplinarme coa comida e el faime o seguimento, porque me controlo eu mesmo; é algo persoal e tes que obrigarte.

 

P ¿Obrigarse a que cousas?
R Por exemplo a non saltar comidas, cousa que eu facía moito e é unha gran burrada. Non xantaba ao estar traballando e logo chegaba ás 11 da noite á casa e era como Saturno, ¡devoraba os fillos!

 

P A ese control nas comidas, ¿sumoulle algo de exercicio?
R Camiñar, porque non teño unha constitución para facer deporte.

 

P ¿Proponse seguir deixando quilos atrás neste 2013?
R Si, quero baixar outros 40 quilos. Non teño présa; pode ser nun ano ou dous. Esa urxencia xa a pasei ao poñerme nun peso que me permite unha vida máis cómoda, xa non só por encontrar roupa. Estou recuperando prendas que tiña no armario e non me servían e vou todo vestido de vintage.

 

P Como apaixonado da roupa estará encantado cuns talles menos...
R Estou encantado ao atopar roupa feita, xa que antes tiña que facer todo a medida nun xastre. A diferenza é de pagar 300 euros por un pantalón a podelo comprar por 40 ou 50. E é unha boa motivación.

 

P ¿O seu peso condicionouno á hora de optar a determinados papeis?
R Obviamente. Pero ao mesmo tempo que me limita para facer determinados personaxes tamén me abre portas a outros que non podería facer Brad Pitt, por exemplo. ¡Xa quixera el facer de Sindiño en Padre Casares! (risas).

 

P ¿Que lle di a xente do cambio?
R Dáme a noraboa e ánimo, porque ao principio é difícil. O que si tiven que deixar radicalmente foi o alcohol, eu que era un gran bebedor de cervexas. A Estrella 0.0 é un substitutivo perfecto (risas).

 

P ¿E que lle diría vostede aos lectores que estean co seu mesmo propósito neste arranque de ano?
R Tomar a decisión e convencerse de que ten que ser así. Isto é como deixar de fumar: ao principio estás incómodo, pero logo merece a pena. Que non fagan o propósito: que actúen. E ánimo, claro.
 

Comentarios