"A tele non me chamaba; nas prácticas dábame auténtico terror"

Verinesa afincada en Santiago de Compostela, condutora de Dígocho eu e gañadora dun Mestre Mateo, fala sobre o que máis lle gusta de Galicia, a sorpresa polo éxito do seu programa ou a sorte de ter dúas linguas
Esther Estévez. EP
photo_camera Esther Estévez. EP

ESTHER Estévez (Verín, 1997) é un dos rostros máis coñecidos da comunicación actual en Galicia grazas ao programa ‘Dígocho eu’, que ensina galego de forma lúdica. A súa participación neste programa valeulle o Mestre Mateo a mellor comunicadora este ano.

É de Verín, pero vive en Santiago. Que lle gusta máis de cada sitio?

De Verín que é unha vila, e que como nacín alí e vivín alí ata os 18 anos, acostumeime a que fose un sitio pequeno, tranquilo... estar en contacto co rural... e ao mesmo tempo ter moitos servizos, porque é unha vila grande. E de Santiago o que máis me gusta é algo semellante, xa que aínda que é unha cidade, para min é como unha vila grande, porque podes chegar a case todas partes a pé, e tes moitos máis servizos dos que teño en Verín.

E de Galicia en xeral?

Todas as zonas de mar. A min o que máis bonito me parece de toda Galicia, o que máis me gusta, é que temos unha costa preciosa, e como eu son de interior pois quizais é o que máis valoro.

Na súa casa falouse sempre galego ou é neofalante?

A miña familia sempre falou galego; quizais algunha persoa mestura, como fai moita xente, pero non, eu dende pequena sempre estiven en contacto co galego.

Agora é unha divulgadora moi importante por Dígocho eu. Esperaba o éxito do programa?

Para nada. Tanto eu como o resto do equipo, que está formado por Carlos Amado, o coordinador do programa, o director, e Rocío Pérez, a nosa lingüista. Fales con quen fales de nós tres, vaiche dicir que en absoluto tiñamos isto como obxectivo, porque naceu como un proxecto máis da rede de TVG, para corrixir erros, para nós mesmos aprender, para que a xente aprendera algo novo cada día, pero non tiña intención de chegar onde chegou,

Que lle diría a unha persoa para animala a falar máis galego?

En Galicia, temos a riqueza de ter dúas linguas. E iso é unha sorte porque non todo o mundo pode dicilo. Eu sempre digo que cada un escolla a lingua na que máis cómodo se sinta ao falar; eu falo galego porque estou moito máis cómoda, e non teño ningún problema en falar castelán, pero como temos a opción de elixir, que cada un escolla na que máis cómodo se sinta. Tamén temos que aproveitar esa sorte de ter dúas linguas e, como mínimo, saber desenvolverte en ambas.

Que é o que máis lle gusta de ser xornalista?

Cada día pasa unha cousa. Entón, non te aburres nunca. De prácticas fixen informativos, toquei varios paus, e agora que estou noutra rama, facendo de presentadora, editando... vexo que é o mesmo, que esteas na rama que esteas, cada día é unha cousa nova.

Sempre quixo adicarse a isto?

A verdade é que non. Nunca tiven moi claro que quería. Dende pequena vas dicindo cousas que che gustaría facer, e cambiei mil veces de opinión. Decidinme porque sempre me gustou escribir, e como cheguei a bacharelato e non o tiña claro, dixen «a ver, teño que decantarme por algo». Pero a tele non me chamaba a atención; nas prácticas da carreira dábame un auténtico terror, porque me daba moita vergoña e non me imaxinei que unha vez que probase facer pantalla me ía gustar e me ía sentir tan cómoda.

Propúxose ser escritora?

Seriamente, non sei se o cheguei a pensar. No instituto presentábame a certames de poesía e de relatos, e algunha vez levei algún premio, pero nunca cheguei a pensar en facelo de forma profesional.

Ten algunha experiencia destacable ó longo da carreira?

No ámbito profesional, o que máis me chama a atención, xa falo de facer televisión, son os tempos. A primeira vez que fun a un programa creo que era A revista. E vin como dicían "falta un minuto" para volver da publi, e un minuto é inmenso na televisión. Eu, se fose a presentadora nese momento estaría colocadísima xa, e ela aínda estaba aí revisando cousas.