"Temos talento, pero mal xestionado"

A decana de Belas Artes, Silvia García, e o xornalista Ramón Rozas reflexionan sobre a creación en Galicia e a historia da facultade na inauguración da segunda edición do ciclo 'Conversas na Uvi'
Silvia García e Ramón Rozas durante a charla que mantiveron este martes na Casa das Campás
photo_camera Silvia García e Ramón Rozas durante a charla que mantiveron este martes na Casa das Campás

"En Galicia temos hoxe un gran talento, o problema é que está mal xestionado", explicou este martes Silvia García. "Non existe ningún tipo de apoio ás artes plásticas. Non se traballa na proxección dos nosos artistas. Pero temos un nivel moi alto. É un orgullo". A decana da facultade de Belas Artes e o xornalista Ramón Rozas foron os encargados de inaugurar onte a segunda edición do ciclo ‘Conversas na Uvi, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo "e que este curso ampliará a oito o número de charlas", segundo anunciou o coordinador da proposta, o propio Rozas. O xornalista e a decana repasaron a historia da facultade de Belas Artes, que este ano celebrou o seu 25º aniversario, así como a situación da creación plástica en Galicia.

Silvia García, que foi alumna da segunda promoción da facultade, recoñeceu que non entraba nos seus plans acabar no equipo directivo do centro. "Pensar en falar desta facultade cando se cumpren 24 anos dende que entrei nela dá un pouco de vertixe", contou. "Nunca imaxinei que remataría sendo a súa decana, nin tan sequera mestra, pero ás veces as oportunidades crúzanse na túa vida, cóllente de improviso e tes que asumir a responsabilidade".

A decana lembrou a difícil relación de Belas Artes con Pontevedra nos seus inicios. "A cidade considerábanos uns frikis, personaxes exóticos, pero a relación foi evolucionando, eu creo que para mellor, aínda que agora hai moitos menos actos espontáneos que cando eu era estudante". O que si hai é unha total conexión co espazo que ocupa a titulación, o antigo cuartel de San Fernando. "A situación da facultade é un privilexio. Curiosamente, cando estabamos en circunstancias máis precarias viviamos máis nas instalacións, hoxe faise moito menos". Para ela, sen embargo, a experiencia universitaria é algo fundamental. "Eu entendo mal a obsesión polas cualificacións. Aprendes tanto ou máis de todas as experiencias que rodean a carreira".

Comentarios