Teresa Portela, Arturo Fernández e Noelia Rey, compañeiros de Gayoso nas badaladas

Coma cada ano, Televisión de Galicia recibirá o 2022, en directo, desde a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela
Presentadores badaladas 2021
photo_camera Este ano, o presentador de Luar terá axuda tripla nunha noite en que non faltarán os sorrisos e o bo humor. CRTVG

Xosé Ramón Gayoso despedirá este 2021 moi ben acompañado da piragüista Teresa Portela, medallista olímpica e un dos nomes propios do éxito do deporte galego e dos presentadores do Malicia Noticias Arturo Fernández e Noelia Rey. Os catro serán os protagonistas do programa especial das badaladas de fin de ano que TVG prepara para a noite do 31 de decembro desde a praza do Obradoiro de Santiago.

Con 15 medallas nos Mundiais de Piragüismo, 17 no Campionato Europeo e 5 diplomas olímpicos, Teresa Portela é unha lenda do deporte galego e un dos referentes do deporte español desde hai dúas décadas. Nos Xogos Olímpicos de Tokyo alcanzou o cumio da súa carreira ao conseguir con 39 anos a medalla de prata no K-1 200 m. Ademais, coa súa participación nas últimas Olimpíadas, converteuse na primeira española en competir en seis edicións dos Xogos. Pola súa parte, Arturo Fernández e Noelia Rey son unhas das caras máis coñecidas da TVG, a través do Malicia Noticias, onde contan, de domingo a mércores, a actualidade dun xeito moi diferente.

Este ano, o presentador de Luar terá axuda tripla nunha noite en que non faltarán os sorrisos e o bo humor para acompañar a todos os espectadores coas doce uvas da sorte na entrada do novo ano 2022.

Comentarios