Teresa Táboas: "Son filla de emigrantes e non quero ser nai de emigrantes"

Volcada na arquitectura, pero sen perder de vista a política, a ex conselleira fala da importancia de contar cunha voz propia en Madrid nun intre que considera histórico. "Temos que xogar este partido en clave galega", di
Teresa Táboas diante do antiguo Sanatorio de Santa María, onde naceron os seus fillos hai 27 e 24
photo_camera Teresa Táboas diante do antiguo Sanatorio de Santa María, onde naceron os seus fillos hai 27 e 24

Santa María é un dos espazos de Pontevedra máis importantes para Teresa Táboas. No edificio do antigo sanatorio que abeiraba esta praza naceron os seus dous fillos, hai 27 e 24 anos. Ata alí se achega a ex conselleira paraugas en man nunha tarde de outubro. Logo virá unha conversa de sofá, cun Oporto entre as mans e boa música de fondo. Fala a arquitecta sobre política, nacionalismo, muller e futuro. Cando soa ‘Here comes the sun’, de The Beatles, lembra os bailes cando os nenos eran pequenos. “Eu arrolaba á miña filla con Pink Floyd”, engade cun sorriso.

Que foi de Teresa Táboas? Onde estivo todo este tempo?

Aquí estou (risos). Estiven apartada da política, pero non marchei. Esta é a miña cidade. Aquí naceron os meus fillos e aquí levo 32 anos, nada menos. Unha das cousas que máis ilusión me fixo foi ler o pregón das festas. Agora estou entre Pontevedra e Ciudad de México, moi volcada na arquitectura, con novos proxectos.

Cantas veces lle preguntaron xa cando volve á política?

Eu dende fóra para axudar, para dar a miña opinión sobre o que sei e contar a miña experiencia, si. Para estar nun posto político, nin de broma. Creo que hai unha xeración de xente nova que é a que ten que tomar o relevo. A miña tivo o seu momento. Fixemos o que puidemos. Hai unha xeración que está aí, petando na porta, que se sente enganada polo propio sistema. Á que lle dixemos que tiña que estudar e prepararse e que de pronto se atopa con isto. Son os que teñen que facer ese gran cambio. E os que estivemos antes temos que contarlles a nosa experiencia, que é importante, e axudar.

Pero segue a actualidade política.

Si, si. Todos os días. Cando me atopo con galegos que están fóra tamén fago as miñas enquisas. Son como Demoscopia (risos). Encántame preguntarlle á xente: "E ti, que pensas disto?". "E que vas votar?". "Por que?". Fágoo para saber como está o ambiente, como se move o meu tempo.

"Non podemos quedar mudos en Madrid. Xa estamos calando dabondo aquí como para desaparecer do Parlamento español"

E que conclusións saca das súas ‘enquisas’?
Ás veces noto na miña xeración unha gran frustración, porque nos colle na metade da idade cunha crise tremenda. Pasa no meu sector, a arquitectura. Vexo moita tristura. Compañeiros e compañeiras que pensan: "Que fago da miña vida agora?". Tamén vexo xente moza coa conciencia de que non van vivir como os seus pais, que saben que teñen que seguir outro camiño. Por unha banda, percibo apatía e tristura, pero, doutra, esperanza.

E a nivel de país?

A nivel de país preocúpame o silencio. Estamos nun momento histórico, despois da Transición –que para min non foi tal porque realmente quedaron moitas cuestións pendentes como a cuestión territorial– entramos nunha etapa na que se van debater temas moi importantes, a raíz tamén do pulso que o pobo catalán lle está botando ó Estado. E o Estado está anquilosado nunha Constitución que non se pode tocar, agás para temas como o cumprimento dos déficits. Aí están os cataláns, que din: "Aquí estamos, sentímonos orgullosos do que somos". E saen todos á rúa. E no País Vasco teñen un abano amplo de forzas onde está representado ese sentimento. E, sen embargo, nesas nacionalidades históricas hai unha voz que non se escoita. Hai alguén que está calado. E somos nós. Eu pregúntome: Por que ese silencio? Tamén como pobo houbo momentos nos que teriamos que ter levantado a voz, que foi cando se venderon as caixas. Houbo unha reestruturación bancaria e Cataluña e o País Vasco mantiveron o poder financeiro. E Galicia? Quedámonos sen nada. Vendemos ó mellor ofertante o aforro de todos os galegos e galegas. Pero non só o aforro de agora, senón tamén o de décadas. Iso non lles pasou a eles.

Daquela que nos pasa?

Hai un poema de Thomas Eliot, que di: "Que raíces enraizarán, que ramas brotarán de este desperdicio pétreo?". Eu penso que raíces poden brotar en Galicia? De todo isto que queda ermo. Dun non goberno que sufrimos todos estes anos onde se perderon cuestións como a estrutura financeira propia e se deixaron caer un montón de empresas. E non me refiro á construción. Hai catorce anos dixera nunha entrevista que aquela loucura inmobiliaria ía estoupar. Non era tan difícil ver o que ía pasar. Houbo unha ministra que non me deu a razón cando lle dixen que tiña que falar co gobernador do Banco de España e advertirlle do risco. Pois hai un par de anos deume a razón nun Whatsapp. Puxeron á xente contra as cordas irresponsablemente nesa alegría bancaria e nun goberno que non entendeu o que estaba pasando. E agora hai desafiuzamentos, verdadeiros dramas innecesarios... E así debemos unha barbaridade de cartos que nunca imos poder devolver. Eu son filla de emigrantes e non quero ser nai de emigrantes.

"Es verdadeiramente nacionalista cando es profundamente universal"

Segue sendo para Teresa Táboas o nacionalismo o camiño a seguir?
Si, por suposto. Eu sempre digo que antes fomos territorio do que fomos lingua. Ese territorio determínate como pobo. Hai un clima, unha vexetación, unha fauna... que che fan ter unha serie de recursos. Temos mar, bosques e desenvolvimos un sector agrogandeiro moi importante. Temos coñecementos seculares que non podemos perder. Os pobos son iso. De aí vén o nacionalismo que comeza nun sentimento, pero que realmente despois se ten que reflectir na cuestión económica. Es verdadeiramente nacionalista cando es profundamente universal. Saber de onde vés é importante, pero non como unha confrontación, senón co mo un xogo de espellos. Témonos que centrar nas catro ou cinco cousas que sabemos facer e facer delas a nosa bandeira e a nosa fortaleza. Iso é o que quero para o meu país. Non podemos aceptar que temos que emigrar como se fora un designio divino.

Teresa Táboas é precisamente filla de emigrantes.
Neste país todos teñen a alguén na emigración. Somos un país que axudou a construír países de América. Queremos iso sempre? Eu entendo ese nacionalismo do século XXI que pode partir do sentimento de pertenza a un territorio, onde hai unhas relacións económicas e polo tanto estamos todos interconectados por eses recursos. Creo nun nacionalismo que ten esa base social, cívica, e ese contexto definido xa desde o que dar o salto para ter a relación co Estado e, por suposto, vivir todo iso xuntos. Iguais e diferentes. Non é tan difícil!

Dixo nalgunha ocasión que gobernar é fácil.

É moi fácil gobernar cando un sabe a onde quere ir. Eu son posibilista. Pero hoxe non se goberna porque nin se ten criterio nin se teñen ganas de mudar nada. Eu tiña claro que as vivendas tiñan que ser de maiores dimensións. A dimensión mínima da vivenda dun dormitorio que puxen nas Normas do Hábitat era un tema de Finlandia. Neses países a metade da poboación xa vive soa, entenden que un piso dun dormitorio non ten porque ser un lugar inhabitable. Eu aumenteino de 26 a 40 metros cadrados. Cando sabes cara onde vas e o teu interese non é que ti ganes, senón que ganen os cidadáns, se pode. O que pasa é que non se quere.

Como se ve o mundo desde as bancadas do Parlamento?

A min tocoume estar na parte de arriba, no poleiro, como lle chama algún xornalista. Eu ás veces facía por evadirme e ver desde fóra todo iso. E a metade das veces é unha perda de tempo. Estanse debatendo cuestións ás que a xente nin está atenta. O Parlamento tiña que ser un lugar onde se estivera debatendo continuamente e que toda a sociedade puidera estar votando. A democracia non pode ser votar unha vez cada catro anos e xa. Non. Eu creo que cuestións importantes para o país, como a venda das caixas galegas tíñase que ter debatido. Eu tería feito un referendo. E como nesa cuestión, noutras. Iso fai que a xente estea moito máis activa, máis comprometida. Creo incluso nos orzamentos participativos nos concellos. E coas novas tecnoloxías sería fácil facelo.

E como ve este ano politicamente tan intenso?

Preocúpame que vai pasar logo do 20 de decembro. Europa di que hai que recortar máis. Que non cumprimos co déficit. E de onde? Non se pode recortar máis nin podemos aturar nin de broma os contratos temporais, esa cultura dos minijobs. Hai xente traballando cunha situación de risco igual que xente que está no paro. Creo que é un momento histórico importante para mudar todo isto.

"É fácil gobernar cando un sabe onde quere ir. Pero hoxe non se goberna porque nin se ten criterio nin ganas de mudar"

Que papel ten que xogar Galicia neste intre?
Eu teño claro que hai que votar a unha forza de cambio, pero galega, e cando digo galega é galega. Non apropiada, se non propia. Que cando se vaian debater certas cuestións arredor das que haberá debates duros, estea defendida a postura galega. Coido que entre as forzas nacionalistas terán que chegar a acordos, para que poidamos contar cunha forza propia. A min ás veces dinme que os membros das outras forzas políticas que tamén son galegos, porque son deputados e deputadas que nacen aquí en Galicia. Que non me veñan con ese conto porque iso si que non o compro. E quen queira entender que entenda. Non podemos quedar mudos en Madrid. Xa estamos calando dabondo aquí como para desaparecer do Parlamento español e non ter aí a ninguén, por exemplo cando haxa que saír a defender unha cuestión concreta como a propia reforma da Constitución. Iso sería tremendo, porque entón empezamos a xogar en Segunda B. Temos que xogar o partido en clave galega. 


Foi a primeira presidenta do Colexio de Arquitectos de Galicia, presidenta en Bruxelas da Comisión de Vivenda... Está afeita a romper o teito de cristal...

O teito de cristal existe. E non sei se é mellor ou non que sexa de cristal. Non sei se é máis angustioso, porque estás vendo que es capaz de voar e non podes saír. Na política, por exemplo, para evitar ese teito de cristal hai cotas. Eu prefería que non as houbera, que se valorase a valía, tanto de homes como de mulleres. Por desgraza, ás veces hai que forzar estas cuestións para ir visualizando que as mulleres tamén son quen de gobernar, para visualizar a igualdade de capacidade.

Pero ás veces acontece que dentro dos propios partidos o das listas cremalleira e iso da paridade é pura imaxe.
Iso é unha vergonza. A desgraza é que hai certas forzas políticas onde pasa iso. Hai mulleres sentadas na bancada sen poder saír a falar. Eu vin iso, mulleres que están aí de floreiros. Defendo as cotas cando se vai participar para poder amosar a capacidade igual ou maior cós políticos. Se van ficar alí sentadas, fraco favor fan.

Conta que actualmente a arquitectura volve ocupar moito do seu tempo.

Estou traballando no proxecto do edificio da Asociación Juan XXIII en Campolongo. É unha residencia para persoas con discapacidade e centro de día. Agardo que na primavera podamos estar empezando a construílo. É un equipamento que se precisa, pero pola falta de implicación de políticas públicas tense que facer con fundacións como esta. Ademais estou pensando en volver á investigación en vivenda e realizar un postdoutorado.

E ademais dalgunha maneira está gozando dos seus fillos.

Os meus fillos xa son maiores e pasan de min. (Risos).Cada época é distinta, pero sempre me sorprenden. E si, estou disfrutando dos meus fillos doutra maneira, sobre todo á hora de debater, porque xa teñen un pensamento propio. Teñen unha visión do mundo diametralmente oposta á miña en moitos aspectos e enriquéceme a nivel persoal falar con eles. Os fillos tiran de ti cara o seu tempo. Con eles voltas aprender.

Comentarios