'Ti es a peza que falta' divulga los beneficios de no generar basura en un colegio de Santiago

O centro escolar Colexiata do Sar de Santiago de Compostela acolleu este mércores pola mañá a presentación da campaña educativa enmarcada no programa Ti es a peza que falta e que, baixo o slogan Reducir + Separar = Aforrar, proxectouse para toda a Comunidade Autónoma, abranguendo os 901 centros educativos galegos de primaria, onde cursan os seus estudos un total de 121.457 alumnos e alumnas.

Promovida por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, a pretensión desta iniciativa é a de divulgar os beneficios ambientais, económicos e sociais derivados da menor produción de lixo en orixe, a reutilización de materiais e a activa participación nos mecanismos de recollida selectiva. Unha sinxela fórmula matemática na que a suma dos esforzos en reducir a xeración de residuos e separalos axeitadamente terá como recompensa un importante aforro en custos ambientais e económicos para as arcas locais e, en consecuencia, para os petos da veciñanza.

Non obstante, e tendo en conta que o mellor residuo é o que non se produce, tanto esta empresa pública como o departamento autonómico ao que está adscrita, teñen priorizado a necesidade de traballar, de forma firme e constante, na grande asignatura pendente en materia de xestión de residuos e que non é outra que a estratexia comunitaria dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), ás que, ademais da Recuperación enerxética da fracción non reciclable, habería que engadir o 'R' de Responsabilidade compartida, toda vez que o consumo responsable marca a pauta na cadea de xestión de desperdicios, desempeñando a cidadanía un papel esencial.

O acto de hoxe contou coa presenza do presidente de Sogama, Luis Lamas, quen estivo arroupado pola directora do CEIP "Colexiata do Sar", Victoria Vázquez, así como por todo o equipo docente, ademais do alumnado do centro.

Durante a súa intervención, Lamas quixo trasladar o seu máis sincero agradecemento ao conxunto da comunidade educativa do centro santiagués por ter contribuído a divulgar esta actividade, ao tempo que animou aos máis pequenos a colaborar dende as súas casas, dende a escola e dende o seu tempo libre á protección do medio ambiente.

"Ao igual que coidamos aos nosos seres queridos, ás nosas mascotas, ás nosas plantas, aos nosos obxectos persoais, debemos dispensar o mesmo trato ao noso contorno xa que, un medio contaminado convértese nun medio hostil para a nosa supervivencia e desenvolvemento", sentenciou. Así mesmo, invitou aos escolares a levar a cabo un labor de concienciación no seu fogar, xa que son eles os que, a través das boas prácticas ambientais, deben servir de exemplo para todos os membros da unidade familiar.

A directora do centro subliñou que o medio ambiente representa para o colexio unha disciplina transversal que está presente nas distintas materias a estudar, xa que coa formación para o coidado do medio contribúese á educación integral da persoa dende o coñecemento e os valores de respecto e solidariedade.

Para satisfacción de todos os presentes, e en recompensa á súa grata acollida e complicidade, o evento culminou cunha representación teatral "Reciclaxe divertida", a cargo de actores especializados en educación ambiental pertencentes á compañía Ciencia divertida, e que fixeron gozar aos máis pequenos, propiciando tamén a aprendizaxe de hábitos ecolóxicos.

Comentarios