Con todo o tempo do mundo para xogar

O xornalista especializado en videoxogos Carlos Pereiro recomenda nove propostas para o tempo de ocio durante a corentena ►Para o psicólogo Roberto Antón é o momento de ser máis permisivo con eles e de usalos para achegarse aos fillos e fillas
Unha moza xogando na súa casa de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Unha moza xogando na súa casa de Pontevedra. DAVID FREIRE

"Non nos enganemos, coller o mando e entrar, por un momento, noutro mundo de píxeles e aventura non está rifado con coller un libro, ver unha serie ou gozar dun Monopoly", di o xornalista pontevedrés especializado en videoxogos Carlos Pereiro. "Quizais sexa esta unha boa ocasión para facelo en compañía. Aproveitando a conxuntura, preséntase unha oportunidade de ouro para proxenitores e titores: a posibilidade de ver a que e como xogan os seus fillos", escribía o propio Pereiro nun artigo do 17 de marzo na súa revista dixital, Morcego (revistamorcego.com). Firme defensor das posibilidades do videoxogo, un eido que segue cargando con prexuízos relacionados coa violencia e o sexismo, Pereiro apela "ao coñecemento e á responsabilidade". E escribe: "Está claro que para a maioría de menores de doce anos é case imposíbel entender a crítica irónica que garda Grand Theft Auto, nin a profunda carga mental que posúen Gris ou Celeste. Poderán xogalos, poderán mesmo pasalo ben, pero sería idóneo que outra voz lles lembrase que está a ocorrer na pantalla".

O psicólogo pontevedrés especializado en infancia e mocidade Roberto Antón (Fundación Meniños) concorda con Pereiro: a corentena no fogar á que obriga a alerta sanitaria polo coronavirus é unha boa ocasión para achegarse aos videoxogos por parte de toda a familia. "Son días moi bos para xogar xuntos, para achegarse aos intereses da rapazada, que quizais non teñen nada que ver cos nosos, pero, quen sabe, quizais descubramos algo que podemos compartir ou, se non, sempre será interesante coñecer que é o que lles gusta", explica. "Sobre os videoxogos seguen pesando moitos prexuízos, e quizais esteamos cargándonos matices cando nos mostramos excesivamente radicais".

CHEGAR A ACORDOS. Antón recomenda da mesma maneira abrir un pouco a man co seu uso durante o illamento. "Eu son partidario de tratar de chegar a acordos sempre. O máis recomendable sería negociar os tempos, dende pequenos, e pedirlle certa responsabilidade a cambio. Por exemplo: se queres xogar unha hora, tes que facer a cama, limpar o cuarto, facer as tarefas... segundo se organice cada familia. Estes días, a maiores, penso que hai que ser máis permisivo", comenta. "Porque os videoxogos poden axudar a levar mellor un momento complicado. Entre outras cousas, poden contribuír a manter unha certa socialización, sobre todo, os que conectan a varios xogadores en liña. Probablemente é unha das poucas maneiras que seguirán tendo de divertirse con amigos".

Carlos Pereiro recomenda ata nove videoxogos diferentes para probar a pasalo ben estes días. Para principantes, "non sei nada de videoxogos, pero quero probar esta corentena", suxire Florence, "que dura moi pouquiño e vale o que vale unha caña". É unha historia narrativa sobre unha parella que se pode xogar no móbil. Engade Reigns, "divertídisimo". Vai de ir pasando cartas, tomando unha decisión: esquerda ou dereita. Mestura humor e narración. Haino en móbil, PC e Switch. E Tetris Effect, "si, o Tetris de toda a vida, mais renovado". É a última versión dun xogo mítico, onde as pezas caen e ti vas colocando para facer liñas. "Calquera que o probe flipará co cambio que a tecnoloxía permitiu". Está en PC, PlayStation 4 e VR (realidade virtual).

Para xogadores expertos selecciona The Witcher 3: Wild Hunt, "antes da serie de Netflix, o bruxo Geralt de Rivia foi adaptado aos videoxogos cun éxito brutal". Esta é a terceira entrega da saga, "que figura como un dos maiores e máis potentes xogos de rol e acción creados para o medio". Tamén, Red Dead Redemption 2, "o salvaxe Oeste máis realista e brutal que nunca, dos creadores dos famosos Grand Theft Auto, que aquí fixeron un título colosal, cunha historia magnífica sobre un vaqueiro que non atopa o seu sitio no mundo", e Doom Eternal. "Hai uns anos, a franquía volveu adaptada aos tempos modernos e o resultado foi espectacular. Esta é a continuación".

Finalmente, para xogar en familia, Carlos Pereiro escolle: Just Dance, "bailoteo, risas e fóra"; Super Smash Bros. Ultimate, "porque o xogo de Nintendo, malia que teña unha profundidade e unha aprendizaxe evidente, pode ser gozado por calquera da casa", e Animal Crossing: New Horizons, "un xogo que aposta de xeito total pola calma, a relaxación, o pasar do tempo... e por construírmos un paraíso nunha illa deserta: a fantasía destes días".


Principantes. Florence, Reigns e Tetris

Videojuegos - Florence

Para comezar a xogar, Carlos Pereiro recomenda Florence, que narra a historia dunha parella; Reigns, "que ten ata versión Xogo de tronos", e un clásico renovado, Tetris.

Expertos. Red Dead Redemption 2

Videojuegos - Red Dead Redemption II

Para xogadores avezados é o momento de poñerse con The Witcher 3: Wild Hunt; un do Oeste, Red Dead Redemption 2, e un regreso, Doom Eternal.

Familias. Just Dance e Animal Crossing

Videojuegos - Animal Crossing

Os videoxogos son tamén unha boa proposta de ocio en familia. Tres suxestións para probar: Just Dance, Super Smash Bros. Ultimate e Animal Crossing: New Horizons.

Comentarios