Touriñán: ''El invitado que más me gustaría traer la 'Tourilandia' es Roberto Vilar''

Artista polifacético onde os haxa, o humorista Xosé A. Touriñán (Culleredo, 1980) debuta hoxe ás 22.05 horas á fronte do novo programa estrela da TVG.

P.- Vostede si que leva á práctica aquilo de ano novo, vida nova...
R Pois si, levo poucos anos nisto pero é a proxecto novo por ano.

P.- Pasou de inventar unha aldea imaxinaria, Ardebullo, a reinar nun país, Tourilandia. Menudo
ascenso o seu...
R É importante, pero para min agora mesmo é tan grande a aldea de Ardebullo, porque se fixo moi moi grande, mentres que o país aínda o temos que facer medrar.

P.- O que está claro é que lle tocou a lotería.
R.- Tocoume o Gordo, no sentido bo e no malo, se penso na sorte que teño por como me están saíndo as cousas e na responsabilidade.

P.- Supoño que a presión é moi alta tras o éxito de Land Rober...
R.- A presión se a queres ter; o certo é que eu non me sinto presionado. Entendo que as comparacións e as críticas teñen que estar, pero eu teño a presión de divertirme, de pasalo ben coa xente que imos facer o programa. Eu nunca fixen este papel, polo que me levará o meu tempo estar cómodo.

P.- Dáse por feito que Tourilandia herdará o espírito do espazo presentado por Roberto Vilar.
R.- Oxalá poidamos herdar todo o que tiña o Land Rober. Non sei se o chegaremos a facer tan ben, pero imos facer o show á nosa maneira.

P.- ¿Que nos espera no programa?
R Pois é un programa de noite como a referencia, Land Rober. De feito, sigo contando con gran parte do equipo que estaba alí e partiremos dunha base que é un espazo contedor no que teñen que entrar entrevistas, música, humor, concursos coa xente... Entreter durante dúas horas desde o humor e pasar un bo momento rindo. Iso é o que imos intentar; agora a ver se o conseguimos.

P.- ¿Quen o acompañará?
R.- Pois comigo vai estar Marcos Pereiro, por suposto, como apoio fundamental tanto dentro como fóra do plató. E logo está Federico Pérez, Isi, Isa Risco e Iria, coa que xa traballei en Land Rober. Son os que non podían faltar.

P.- E vostede debutará na faceta de presentador.
R.- A miña figura será a de condutor do programa, si, pero logo ídesme ver tamén en personaxes. Nunca vou ser como Roberto Vilar, porque son Xosé Touriñán,
pero aí estaremos.

P.- Por certo, ¿desexoulle sorte o ex Tonecho nesta nova etapa?
R.- Si, si. El está en Madrid preparando tamén cousas moi interesantes e estamos en contacto. Desexoume sorte, deume os consellos que lle pedín... Moi ben.

P.- ¿Poderiamos chegar a velo de invitado en Tourilandia?
R.- Seguiremos levando xente famosa e sería o invitado que máis me gustaría levar a Tourilandia, pero el anda liado...

P.-
Porque Tourilandia está concibido como un país no que pode pasar calquera cousa, ¿non?
R.- É un país distinto, un sitio no que acontecen cousas que non pasan en ningún outro lugar, pero que si que teñen reflexo nas cousas que pasan no día a día no resto de países, sempre desde o humor. A miña figura é a dun tipo que non era ninguén, pero había que elixir un rei e tocoulle a el.

“Algunha bágoa me caeu na despedida de ‘Mucha e Nucha’, pero volverán”
P.- Mentres que o resto dos líderes mundiais loitan contra a crise, o de Tourilandia, ¿que reto ten?
R.- Pois ten pendente acabar o AVE, construír un polígono industrial e pouca cousa máis, porque é un presidente moito de facer churrascadas e estas cousas (risas). Tourilandia é unha illa pequena e tampouco mata o choio que hai.

P.- Emotiva foi a despedida de Mucha e Nucha do Luar. Catro anos despois, vimos a un Xosé Touriñán ao bordo das bágoas...
R.- Si, pensei que ía aguantar e algunha bágoa caeume... Sobre todo pola xente do Luar, que é marabillosa. Pero foi unha despedida entre comiñas.

P.- Volverán logo, ¿non?
R.- Si, está aberta a posibilidade de volver e de ir de vez en cando visitalos. Mucha e Nucha seguirán actuando por aí.

P.- Nestes catro anos de éxitos ininterrompidos, ¿con que quedaría?
R.- Co día que naceu a miña filla, porque o mellor que me pasou na vida foi ser pai. No profesional, estanme pasando cousas tan marabillosas que non podería elixir unha.

P.- O que está claro é que está de racha.
R.- Estou de moi boa racha, o que me preocupa (risas). Iso que din “que todo vaia para mellor”, o meu non pode ir para mellor. Por iso estou moi agradecido á vida, ou á sorte.

P.- Humorista, actor, colaborador deste xornal, xerente da Sala The Star, pai. ¿De onde saca tempo?
R.- Sácase tempo polo que dis ti, porque estou na racha na que estou. Peor sería estar na casa e non ter que facer.

Comentarios