A TVG estrea o concurso de preguntas e respostas 'Tal semente' este sábado

Emitirase á unha da tarde os dous días da fin de semana e en cada espacio participarán tres parellas cun adulto e un rapaz da mesma familia, que se someterán a varias probas do saber
Un momento da gravación do programa. TVG
photo_camera Un momento da gravación do programa. TVG

Hai un refrán que di "De tal xente, tal semente" e niso se inspirou, precisamente, Raúl Bartolomé Abraira, o director deste novo concurso da Televisión de Galicia (TVG), producido polo grupo El Progreso, que se emitirá os sábados e domingos, desde o próximo día 14, e que levará por título Tal semente.

"Démoslle ese nome ao programa polo refrán pero tamén porque o concurso está dirixido a un público familiar que, probablemente, estea vendo a televisión a esa hora porque é a hora de comer. E queremos que este programa sexa unha aposta para reunir a toda a familia vendo a televisión como era antes de que viñesen as novas tecnoloxías", indica o director deste espazo.

Tal semente é un programa que estará dirixido ao público familiar pero, á súa vez, estará protagonizado por familias xa que as tres parellas que concursarán en cada espacio serán cada unha da mesma familia e estarán integradas por un rapaz de 14 a 17 anos, que pode estar acompañado dun dos seus pais, avós, padriños ou tíos.

"O concurso dura media hora e baséase no mesmo formato que Como un allo. Cada parella forma un equipo que ten que someterse a varias probas divididas en tres grandes bloques, que son "Canto sabes", "Premer e falar" e "As alladas". No primeiro, trátase de contestar a unha batería de preguntas de cultura xeral que se lles faga e tamén de adiviñar unha canción; no segundo, valórase a rapidez en contestar correctamente e preme o botón, e o terceiro vén a ser como unha especie de "Pasapalabra", onde competirán as dúas parellas que vaian en cabeza", explica o director de Tal semente.

Cada día todas as preguntas do programa estarán adaptadas a un nivel escolar concreto, cos contidos que dan na clase para que xogando repasen as materias tamén dende a casa.

En cada espazo, xerarase un bote de 2.000 puntos que, ao final, poderán ser intercambiables por agasallos (especialmente, para os rapaces) ou por diñeiro.

Tal semente emitirase durante vinteseis programas e cada seis farase unha avaliación entre as tres parellas concursantes. "Ao final desa avaliación, quedará eliminada a parella que xuntase menos puntos", explica Bartolomé.

O programa será presentado por Esther Estévez e tamén contará cunha voz en off, Sementiña, que intervirá de cando en vez e que será a mascota.

Comentarios