Un 17 de maio para recordar a Carlos Casares

Xinzo de Limia será o núcleo dos eventos, xa que contará con recitais, actuacións musicais, exposicións e ata unha concentración moteira
Carlos Casares
photo_camera Carlos Casares

Galicia celebra a vida e obra do escritor Carlos Casares o próximo 17 de maio. Farao levando o seu recordo a través de diversas actividades que se extenderán por toda a xeografía galega, entre os que se contan recitais, actuacións musicais, exposicións e ata unha concentración moteira.

O municipio de Xinzo de Limia, en Ourense, será o epicentro dos eventos, que xunto coa colaboración da Real Academia Galega, celebrará unha sesión extraordinaria e pública no salón de plenos do concello ás 11.30 horas. Diversos académicos participarán na palestra, ademais de distintos persoeiros como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.


En memoria da gran afección do homenaxeado polas motos terá lugar unha concentración de Harley Davidson

Unha vez rematada, os actos camiñarán cara a Praza Carlos Casares, na que se descubrirá unha placa conmemorativa á vez que terá lugar unha interpretación do himno galego a cargo da Banda de Gaitas Municipal. Tamén se realizará unha lectura de textos de autor, e unha breve actuación de María do Ceo. A commemoración contará cunha feira do libro en galego, un roteiro Carlos Casares, teatro infantil, e unha concentración de Harley Davidson, en memoria a gran afección do homenaxeado.

CONCERTO DAS LETRAS. O municipio de Ourense acollerá unha batería de actividades conmemorativas na semana das Letras. O luns 15, na Praza de San Martiño, celebrarase unha actividade escolar xunto coa actuación de Raquel Queizás e o martes, descubrirase unha placa de homenaxe a Carlos Casares nos xardíns Bispo Cesáreo.

Todas estas iniciativas súmanse á exposición que permanecerá na Sala Valente ata o próximo 21 de maio, Os mundos de Carlos Casares, que repasa a súa figura, obra e o tempo con máis de 500 pezas ligadas á súa traxectoria vital. Ademais, na véspera do 17 de maio, o Consello da Cultura Galega celebrará o tradicional Concerto das Letras Galegas, cita anual que nesta ocasión celebrarase no Auditorio de Ourense ás 20.30 horas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA. A capital celebrará o acto o día previo ás Letras Galegas, cunha lectura de fragmentos da obra de Casares por parte dos veciños, e xunto coa actuación da Banda Municipal de Música, ás 19.30 na praza do homenaxeado, en San Lázaro.

No Teatro Principal representarase A Galiña Azul, xunto con diversas actuacións musicais e unha visita histórica relacionada coa figura do autor. A plataforma Queremos Galego celebrará a tradicional manifestación que verá a súa saída na Alameda, baixo o lema En galego sen límites.

GALICIA. Na Coruña celebraranse obradoiros, concertos, palestras e recitais poeéticos, no marco dunha programación de 42 actividades organizada por 12 librarías da cidade, e que dará comezo o luns 15 de maio. Pontevedra —ademais da extensa programación planeada para o Mes das Letras— realizará unha alfombra floral e un acto popular de homenaxe, coa actuación de distintas agrupacións musicais e un recital poético.

En Lugo celebrarase un festival de danza tradicional de distintos nenos que representarán aos colexios da cidade. Tamén terá lugar un concerto coral adicado ás Letras Galegas, e a actuación da Banda Municipal. En Vigo, o Audiotorio Municipal acollerá o concerto Letras Galegas, a cargo da Orquestra Clásica de Vigo. Así mesmo a Biblioteca Xosé Neira Vilas ofrece unha exposición coas principais obras de Casares, xunto con algunhas das máis significativas da literatura galega.

Comentarios