Un monumento literario que merece pervivir

A súa é unha obra moi atenta ás circuntancias sociais e á sorte colectiva do pobo galego pero tamén se centra nos temas máis clásicos e universais, que recolle a súa lírica intimista e amorosa
Casa-Museo de Manuel María
photo_camera Casa-Museo de Manuel María

Manuel María creou unha obra literaria tan inxente e diversa que é difícil buscarlle parangón. No seu medio cento de títulos poéticos están presentes as distintas correntes do conxunto da lírica galega da segunda metade do século XX que, moitas veces, el mesmo inaugura. Unha profunda formación humanista, unha marcada actitude de apertura ao mundo, empezando polo máis próximo, e un desexo de penetrar no máis íntimo e choído do ser humano, fixeron que a súa vocación literaria se concretara nunha obra moi atenta ás circuntancias sociais e á sorte colectiva do pobo galego como tamén nos temas máis clásicos e universais que recolle a súa lírica intimista e amorosa.

O mozo Manuel María, atinxido polo desacougo de quen procura un camiño propio na vida, afectado e mesmo atormentado polas inquietudes e dúbidas relixiosas derivadas da atmosfera na que vive, marcado pola angustia e o noxo existencial moi propios dunha época de posguerra, irrompe no panorama literario cunha forza extraordinaria aos 19 anos, de xeito que aos 23 xa tiña escritos nada menos que oito libros de poemas. Parecería lóxico que un mozo novo desexoso de apreixar poetiamente os temas universais da época se desprendese radicalmente do seu mundo próximo. Mais curiosamente non o fai a respecto de dous elementos fundamentais que, ademais, serán unha constante na súa vida: o uso do idioma galego e o espazo físico e a natureza que está ao fondo que é Outeiro de Rei e o seu mundo rural e labrego.

Con 24 anos este mozo xa inicia un novo rumo: o canto á paisaxe humanizada e a identificación coa Terra, comezando pola máis próxima, a Terra Chá. Procura agora, ademais, unha nova forma expresiva buscando a sinxeleza, a linguaxe popular, directa, exenta de calquera xogo superfluo. Se nas primeiras obras había unha angustia e un pesimismo radical, produto dunha inadaptación individual, agora hai unha clara identifiación coa comunidade da que forma parte e na que se sente totalmente integrado por máis que denuncie as súas eivas. Hai, pois, unha liberación da angustia polo descubrimento do colectivo, dunha paisaxe, dunha forma de vida e inclusive quizais poidamos falar dun salto da 'irmandade relixiosa' (todos somos irmáns por ser fillos do mesmo Deus) á 'irmandade comunal' (todos pertencemos ao mesmo pobo e, por tanto, temos a mesma patria).

Con pouco máis de 50 anos, Manuel María vive con decepción os primeiros pasos do sistema democrático e autonómico


Esta decantación polo aspecto máis social e colectivo, con referencialidade galega, vai ser definitiva a partires de 1964, participando directamente no plano cultural, e mesmo político, na estruturación dun movemento que se propoñía contestar, desde unha perspectiva galega, o réxime autoritario e fascista do momento e crear os fundamentos da recuperación material e cultural da Galiza do futuro. É o tempo da represión e da censura que lle supón a Manuel María a proibición en varias ocasións de conferencias e recitais, a imposición de multas económicas moi cuantiosas e reiteradas e, quizais o que máis lle doe ao escritor, o impedimento de publicar a súa obra. Desde o ano 68 escribe cando menos unha obra por ano, mais até a desparición do franquismo, ou ben non pode publicalas ou o fai fóra de Galiza: Montevideo, Bos Aires, Porto, Lisboa ou Xenebra.

Con pouco máis de 50 anos, Manuel María vive con decepción os primeiros pasos do sistema democrático e autonómico. Non só non había unha ruptura co réxime franquista, senón que en Galiza a desfeita material, cultural e idiomática da época anterior, lonxe de paralisarse, agudízase máis aínda. A estrutura social do mundo labrego desfacíase a ritmo vertixinoso. Ía desaparecendo a vitalidade social que antes existía, aínda que fose dentro da precariedade económica. E acompañando a esta desfeita, comezaba o proceso de españolización do campo; na cuestión idiomática o arrase foi total.

Nesta nova situación a obra de Manuel María incorpora unha gran desazón ao ver que "os tempos non son chegados". E é neste contexto no que pasa a un primeiro plano unha especie de viaxe interior. En certa maneira, Manuel María volve ás preocupacións iniciais da súa poesía, ao intimismo, á poesía amorosa, a compenetración coa terra e a paisaxe da súa infancia e adolescencia, a inquietude pola morte, sen abandonar nunca a preocupación polo futuro de Galiza.

É neste outono vital cando Manuel María escribe Sonetos á Casa de Hortas (1997), unha homenaxe á casa e á forma de vida que conformou a súa identidade de neno galego e que agora cobra aínda máis valor ao se converter na Casa-Museo Manuel María. É nela onde se deposita o legado literario e persoal do escritor, impedíndo - se así a súa dispersión tal como xa ten acontecido no caso doutras grandes figuras das nosas letras. Por obriga debe ser esta institución vinculada á Fundación que leva o nome do escritor, a que se converta no mellor garante da pervivencia e popularización dunha obra literaria monumental que sigue tendo plena vixencia.

Por chegar a públicos diversos, pola súa capacidade de comunicar e conmover, pola diversidade de xéneros, polo contacto directo do autor co seu público, a obra de Manuel María alcanzou xa unha importante difusión que, agora, a Casa-Museo está chamada a soster e ampliar. A resposta do pobo galego non pode ser máis esperanzadora neste sentido

Comentarios