viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

Vázquez Taín: ''No soy un 'juez estrella', eso es algo con lo que se me ataca''

Ao responsable da investigación que atopou o Códice Calixtino e xuíz de instrucción en Santiago de Compostela, José Antonio Vázquez Taín, non lle gusta falar da súa popularidade, iniciada nas operacións contra os narcos en Arousa. Estrea libro, pero defínese como ''xuíz de trincheira''.

Esta semana o xuíz Vázquez Taín (A Merca, 1968) presenta La leyenda del santo oculto, a súa primeira novela. Nega relación directa co roubo do Códice Calixtino, un caso na súa recta final.

¿De onde sacou tempo para escribir un libro?
O tempo pódese sacar, neste mundo pódese facer de todo. O tempo saíu das vacacións de verán, todos os días escribía entre cinco e dez horas, e os festivos. Un libro deste tipo telo que documentar moi ben e iso fíxeno durante anos. Cada vez que percorría un sitio en España ía recollendo datos. A idea xurdiu hai moítisimos anos.

¿Foi complicado?
Foi moi difícil porque non podes escribir 200 páxinas. Tes que escribir un mínimo de 400, pero tampouco facer un libro moi longo. Quería un libro para destacar aspectos históricos e culturais de Galicia. Aquí hai moitísima riqueza que non sabemos aproveitar.

Entenderá que é imposible non relacionar a saída do libro co roubo do Códice Calixtino...
Aínda que pareza casualidade, a idea xa estaba na cabeza. Estaba centrado no mito de Santiago, e iso ocorréuseme unha vez que fixen o Camiño eu só. Investigar o Códice achegoume a posibilidade de pisar recunchos de Santiago que doutra forma non podería. Pero se cre que a investigación do Códice me deu outro tipo de inspiración, desbóteo. Xa o dixen: o Códice merecía outro tipo de roubo.

¿Cantas horas de sono lle quitou o Códice?
Moitas. Agora dende a distancia ese tema xa case morreu, pero penso no medo que sentimos de que o Códice desaparecese para sempre. O outro día aínda unha persoa pola rúa en Ourense me deu as grazas por recuperalo. Eu tiven a inquedanza de ser o responsable da desaparición definitiva do Códice. Quitounos o sono porque non sabiamos qué máis facer e qué se nos estaba escapando. Agora parece moi doado, pero foi unha investigación moi barroca.

¿Estivo bloqueada?
Si. Parecía que non había máis vieiros que seguir. E, non obstante, tiven a sorte de que tanto Tenorio coma min estabamos de acordo en que había pólas das árbores que se podían sacudir un pouquiño para ver como se movían os froitos. No seu momento tivemos unha lista bastante grande de sospeitosos.

¿Temeu que a investigación non terminase en final feliz?
Moitas veces. Empezou no verán, e alá por outubro as sombras eran máis que as luces. Tivemos unha fase moi triste de outubro a marzo na que non avanzabamos. E a partir de abril centramos tres vías de investigación de xeito máis claro. Iso deunos uns alicerces, porque sabiamos que nunha estaba o resultado final. O que nos pareceu moi difícil de asumir era que, ante o risco de que as cachase a Policía, estas persoas non fixesen desaparecer o Códice de xeito definitivo, facendo unha venda ou simplemente destruíndoo.

¿Que lle queda da instrución?
Nada. Hai unha parte material da instrución, na que se achegan todos os elementos probatorios e ferramentas que se queren levar a xuízo, e aí xa non hai nada novo. E formalmente hai unha serie de discusións en canto a se esa achega de materiais se fixo de feito ordenado. A defensa seguiu unha sistemática de impugnalo todo, supoño que para ver se soa a frauta. O que ocorre é que esa parte formal non debe impedir a tramitación. A miña idea é mandalo a xuízo canto antes. Ademais, esta é unha causa con preso e hai que evitar dilacións.

¿Cando podería ser?
Calculo que a finais do primeiro trimestre debería ter unha data fixa.

Referiuse a Manuel Fernández Castiñeiras como unha persoa «audaz». ¿Manteno?
Polo menos intelixente. Cualificar de forma fácil unha persoa que é capaz de facer actos tan complexos é cando menos temerario. A miña opinión faise dende a lóxica. Se é tan nulo, toda a xente que o rodea, veciñanza, familia, ¿son todos tamén parvos? O que non pode ser é que ninguén se dese conta.

Esa pregunta fágolla eu. ¿Como foi posible que ninguén o soubese?
Nós tamén nolo preguntamos. E tamén tardamos en imaxinar o seu comportamento real durante o tempo que estivemos investigando. Non era unha persoa tan fácil de descubrir e tiña unhas cautelas dunha persoa con certa capacidade intelectual.

¿Intentou enganalo?
Todo o mundo que ten responsabilidade penal intenta ocultala. Na miña vida, só dous mariñeiros que ían nun barco me dixeron aquela marabillosa frase de ‘si, cazoume’. Aínda que só sexa por un acto de orgullo persoal, ninguén chega e di ‘si, fíxeno por isto e por isto’. El está a contar cousas e a verter acusacións, pero sen entidade suficiente. Non estamos a investigar se hai máis cómplices ou outro tipo de culpables.

¿Cantos cartos tiña?
Estamos oscilando nuns 1,7 millóns de euros. E aínda falta un informe final dos novos administradores da catedral de Santiago. Están facendo un arqueo de caixa definitivo, porque ampliamos o cálculo do ano 1998 a 2012. Oscilará os dous millóns de euros.

¿Saltarán chispas do testemuño de Manuel Fernández?
A defensa di que vai sacar unhas liñas de defensa de supostos escándalos. Eu creo que a Xustiza ten que ser seria. Non podemos facer un ‘Sálvame’ sobre determinadas cuestións que non estean relacionadas cos feitos. Se queren vender escándalos para facer caixa e recuperar os cartos perdidos, pódeno facer. Pero no procedemento en si, ¿que poidan xurdir sorpresas? Pareceríame moi raro.

Estes días filtráronse partes do seu interrogatorio. ¿Que lle pareceu?
Moi triste. Cando se filtrou o interrogatorio dos controladores aéreos, presentei unha denuncia e non me consta que chegase a ningún lado. Neste caso, non é dificil saber de onde saíu. Só hai dúas copias da declaración, unha está no xulgado e outra tena a defensa. É unha forma de enturbar o procedemento, de sometelo á xustiza popular tratando de confundir ironía galega con acoso. Pero debeuse de entender ben, porque non tivo repercusión.

¿Que lle parece o cualificativo de xuíz estrela?
Dáme pena. É máis froito de...

Non dirá que é culpa dos xornalistas, ¿non?
Ao revés. Eu sempre me sentín moi amparado e defendido. Hai veces que o de ‘xuíz estrela’ si definiu a determinados maxistrados, pero comigo non termina de ter asentamento. Non vou como unha estrela.

Entón, ¿non se dá por aludido?
No meu caso o de ‘xuíz estrela’ paréceme erróneo porque nunca pretendo ser unha estrela. Pretendo que os que traballan comigo leven os méritos. Nas grandes operacións, os que saíron máis premiados son os que traballaron comigo. O fiscal que estaba en Vilagarcía de Arousa está na Audiencia Nacional. E outros están de coroneis ou comisarios. Eu sigo no mesmo sitio e no mesmo posto. Teño o cariño da xente e non persigo nada máis. O de ‘xuíz estrela’ é unha cuestión coa que se me intenta atacar, pero non acaba de ter solidez.

¿Pensou algunha vez en deixar a profesión?
Si, sempre se pensa. Pero cando pensas en tirar a toalla non é pola actitude da xente ou polos resultados das investigacións. Cando fas todos os días un traballo ves o fácil que sería mellorar a Xustiza de España. E é moi triste que, en vez de facer esas reformas sinxelas e nada custosas, o que se fai é un pouco o contrario: poñer máis pedras nesta maquinaria xa lenta, burocrática e menos humana.

¿Algunha vez intentaron mercar o xuíz Vázquez Taín?
Pido comodín do público. [Risos] É un tema máis complexo que o feito de que chegue alguén pola porta e che diga cánto vales ou cómo se pode facer. Faise dunha forma moitísimo máis complexa, vanse achegando e rodeándote. Pero como fai todo o mundo nisto da delincuencia organizada.

É xuíz de instrución. Foi tamén do Penal. ¿Algún reto por diante?
Volvín á instrución porque é onde me sinto máis cómodo, pero a idea non é rematar aí. Gustaríame especializarme en delincuencia económica, corrupción e branqueo de capitais. Son as investigacións máis complexas. Pero como non existen órganos especializados, quizais cando chegue o momento e fallen as forzas volverei ao ámbito civil. Non desboto acabar nun xulgado do mercantil. Un non debe estar demasiado nun mesmo destino; pódese aburguesar.

EXPERIENCIAS

''Non é agradable investigar delitos como o narcotráfico''

¿Con que se queda, perseguir narcos ou buscar un incunable?
É distinto. Unha cuestión é desartellar unha organización que funciona como unha partida de xadrez, na que cada peza se move dun xeito, e outra distinta é desentrañar un labirinto.

¿Non bota en falta as grandes operacións contra o narcotráfico?
Tamén estamos niso. Hai moi pouco desartellamos unha organización dedicada supostamente ao contrabando de tabaco por contedores e camións dende Andorra. Nós intentamos investigar toda delincuencia organizada e botar unha man. Pero non só dende Vilagarcía se poden facer esas investigacións.

¿Quédase con algún momento daquela etapa? ¿A caza do South Sea? Porque é un dos maiores alixos de coca da nosa historia...
En mar segue sendo o maior. Pero daquela o mellor foi a tranquilidade coa que traballamos, a seguridade que tiñamos e ser un grupo unido. O que máis procuro recordar é as persoas coas que traballo. Non é agradable investigar este tipo de delitos. Descubrir ata onde pode chegar unha persoa por facerse rica. Sempre se ve a delincuencia dende o punto de vista romántico, como as películas de bos e malos.

Pero non negue que ten que ser un ‘subidón’ atopar máis de 6.000 quilos de droga...
Claro. Gústame ser xuíz de primeira instancia, de trincheira, por ter un contacto directo co público. Pero o maior ‘subidón’ da vida foi rachar a bolsa de plástico e atopar o Códice. Ninguén se atreveu a tocalo.

¿Ten solución o narcotráfico?
Calquera país democrático que teña empeño en eliminar un problema ten que ser capaz de eliminalo. Se cadra, nunha crise económica mundial dependes doutros países. Pero que me digan que as nosas forzas de seguridade non son quen de detectar ese problema e eliminalo, pois paréceme un pouco absurdo. É un problema de actitude.

Tamén dende o punto de vista xudicial, ¿non cre?
A maquinaria pódese engraxar e cambiar. Hai unha maxistrada en Vigo que o está a facer, e haberá que achegarse a ela con humildade e preguntarlle. Aprender dos que o fan. Pero é a tristura deste país: en canto fas algo, parece que está mal visto.

PERSOAL

 

''Si sentín medo; pero a valentía é non deixar que iso che afecte''

¿Como leva o tema da conciliación familiar?
Por sorte eu teño unha familia que me acompaña e me apoia. A miña dona é avogada en exercicio, e padecemos as mesmas miserias. Soamente tivemos o incidente de cando intentaron queimar o meu fillo con ácido. Foi a poucos metros de aquí. Nese momento tiñamos claro que era unha circunstancia máis. Hai tempo en Vilagarcía viñéronme dar un curso de autodefensa. Na casa apóianme moítisimo, somos un equipo.

O tema do ácido que acaba de comentar, ¿como lles afectou?
Moito. Sentímonos moi débiles. Como se realmente nos puidese pasar calquera cousa. Pensas que poden ir a por ti. Pero é distinto porque un fillo non sabes como defendelo. O que non podemos é condicionar a vida por un feito así. Con todo, para ir a por un rapaz de tres anos hai que ser moi covardes.

¿Algunha vez na súa carreira sentiu medo?
Si. Non son tolo. Sei que a miña vida nalgúns momentos non tiña moito valor. Pero a valentía non está en non sentir medo. A valentía está en non deixar que o medo che afecte, nin para ben nin para mal. Tiven a prudencia de actuar con serenidade; cando fas un traballo non podes pensar no que che pode pasar porque entón é mellor que non te metas. Non podes ser médico e ir temendo que che dá noxo o sangue. Xa cando estaba en Vilagarcía sempre pensaba o mesmo: teñen tanto perigo os colombianos coma un tolo que vén a por ti.

Vostede pensa que o Códice merecía outro tipo de roubo. Pero non negará que grazas a este roubo aumentou a difusión dun libro que antes moita xente non coñecía...
Pois esa foi unha das cuestións para facer o libro. Tiñamos a atención mundial centrada en nós, e mesmo un amigo me chamou dende China porque viu alí a entrega do ‘Códice Calixtino’. E iso que para os chineses o tema é relativo, porque eles teñen libros de 4.000 anos. Pero un fiscal federal de Texas comentoume diante da catedral que tiña que tocala, que non entendía como un edificio podía estar máis de 300 anos de pé. Cando temos centrada toda esa atención en Galicia, podemos aproveitar para chamar a atención sobre todo o bo que temos.


NUNHA FRASE

 

O Códice
''Quitounos o sono porque non sabiamos qué máis facer e qué se nos estaba escapando; agora parece todo moi doado''

Xuízo
'No procedemento paréceme moi raro que poidan agora xurdir sorpresas; non podemos facer un Sálvame’'

Corrupción
''Comprar un xuíz é algo máis complexo que alguén chegue á porta e che pregunte cánto vales''

Vázquez Taín: ''No soy un 'juez estrella', eso es algo con lo que...
Comentarios