sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Viaqua defende coidar da biodiversidade para protexer a nosa saúde

Programa BiObserva Voluntariado VIAQUA
Programa BiObserva Voluntariado VIAQUA
Durante 2020 Viaqua implantará plans de acción de biodiversidade en instalacións emprazadas en espazos protexidos

Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este 5 de xuño fai un chamamento para que sexamos conscientes da correlación entre cambio climático, biodiversidade e saúde. A actual pandemia, e os episodios climáticos extremos vividos recentemente, son claros exemplos de que é o momento de actuar.

Os ecosistemas sans, nos que hai unha gran diversidade, favorecen un equilibrio entre as especies, evitando o predominio dunha delas e dificultando a propagación de axentes patóxenos como os virus. Ao redor dun millón de especies animais e vexetais, dos oito millóns que existen no planeta, poden desaparecer nos próximos dez anos, segundo Nacións Unidas (Onu). España é o país de Europa con maior porcentaxe de especies ameazadas. E en Galicia son xa 74 as especies en risco de extinción.

Saída ecolóxica da crise sanitaria

A auga, elemento esencial e indispensable para a vida, é fundamental neste propósito.

En Galicia, o compromiso de Viaqua coa biodiversidade queda patente no seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Sostible, RGP 2017-2021. Galicia conta con seis Reservas da Biosfera, que representan o 25% do seu territorio. Polo que a conservación do patrimonio natural está entre os seus obxectivos. Destácase a elaboración de diagnoses de biodiversidade e plans de acción en todas as instalacións emprazadas en espazo protexido Rede Natura 2000 ou ben en zona sensible.

Infraestruturas verdes 

Viaqua está transformando as instalacións do ciclo da auga en infraestruturas verdes para que sirvan de apoio ao ecosistema no que están localizadas e favorezan os servizos que nos ofrece a natureza. A eliminación do uso de fitosanitarios (actualmente o 75% das súas instalacións xa están libres destes produtos químicos) e o control de especies exóticas invasoras forman parte tamén do seu plan de acción.

Para o control de especies foráneas que colonizan os ecosistemas, os esforzos centráronse na flora exótica invasora nas súas instalacións. Viaqua desenvolveu o programa BiObserva STOP-invasoras que ofrece, a través dunha metodoloxía e ferramentas propias (unha plataforma web e unha app móbil), a información necesaria para capacitar o persoal da instalación sobre como identificar especies, reportar observacións e executar plans de control.

O cadro de persoal tamén está implicado e colabora no seguimento de aves que viven xunto ás plantas de tratamento. O programa BiObserva Voluntariado, implantado en sete instalacións, conta coa participación voluntaria de máis de 21 traballadores. Os avistamentos de avifauna nos centros de traballo son rexistrados nunha aplicación móbil e en plataformas web de acceso público. As preto de 9.000 observacións realizadas foron utilizadas internamente para realizar plans de acción específicos e, ao mesmo tempo, postas a disposición da comunidade científica na plataforma mundial de información de biodiversidade (GBIF), patrocinada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e xestionada a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). SUEZ en España, grupo empresarial ao que pertence Viaqua, é a entidade privada que máis rexistros achega.

Do mesmo xeito, Viaqua impulsará solucións baseadas na natureza na Estación de Tratamento de Auga Potable do Lérez e no Bombeo de Maxisterio, en Pontevedra.

Biodiversidade nas cidades

A diversidade biolóxica proporciona alimentos, materias primas e unha gran variedade de recursos básicos. Para favorecer a diversidade na natureza, Viaqua impulsa medidas xerais como a redución das emisións dos gases con efectos invernadoiro e o aforro de auga, así como a redución, reaproveitamento e reciclaxe de todos os residuos que xera a súa actividade. Apostando pola economía circular e a innovación tecnolóxica, Viaqua é pioneira en Galicia en potenciar a transformación das depuradoras tradicionais en biofactorías grazas á Unidade Mixta CIGAT-BIOFACTORÍA. Este novo concepto, que supón un cambio de paradigma, baséase en tres principios: a reutilización da auga para novos usos, a xeración de enerxías renovables e a valorización de todos os residuos.

Preservar a biodiversidade e loitar contra o cambio climático son obxectivos necesarios para garantir un futuro mellor.

Viaqua defende coidar da biodiversidade para protexer a nosa saúde
Comentarios